27/04/2009

Disparando aos reloxos

Mentres prosigue á busca do maletín de Walter, entre pesquisas e procuras leo a súa obra para dar con novas pistas e rastros. Agora son as súas Teses sobre a historia e outros fragmentos que acompaño coa lectura da eséxese e interpretación que delas fai Michael Löwy en Aviso de incendio. Na tese XV, Benjamin refire un feito choqueiro acontecido durante o primeiro día das xornadas revolucionarias de xuño de 1830: co solpor, de xeito independente e en varios lugares de París, varios insurrectos dispararon contra reloxos de torres e fachadas. Unha copla anónima daquela, que non se lle escapou a Walter, cantaba: «disparaban contra as esferas para deter o día».

A significación da estampa abanea entre a tentativa de deter o tempo e a intención de inaugurar un tempo diferente. Para
Walter Benjamin esa imaxe representaba un máximo da conciencia histórica –«a consciencia que fai estourar o continuo da historia»–, a acción e o saber reflexivo que dá comezo a un novo tempo. É a procura da fin do tempo baleiro, do tempo mecánico, automático, cuantitativo. Do tempo do reloxo da civilización industrial e do capitalismo. A fin dun tempo entregado.

Os resultados do 1-M representaron a detención brusca e traumática dun tempo de cambios en Galiza. E tamén o arrinque dun tempo político novo ao que cómpre non someterse resignada e mecanicamente. Moito tributo é o tempo dunha xeración ou máis. Por iso é recomendábel disparar aos reloxos que marcan os tempos da nova dereita no goberno de Galiza. Para anotar críticas, rupturas, discontinuidades e disensos, o pasado venres comecei as miñas prácticas de tiro en Galicia Diario cun cartucho que xa se cortou aquí. Seguiremos disparando aos reloxos con nova munición.

4 comentários:

Nygard disse...

Non me diga que xa me van xubilar desas tertulias mensuais tan coñeras ás que accedín pola súa intermediación??? Alá vai o meu futuro tertuliano...

A ver se quedamos a xantar un día que están os tempos ben interesantes e movidos.

Ian disse...

Confío en que non xubilen a un máis novo por causa dun máis vello, refírome ao das tertulias que estas cousas pasan tamén noutros retallos da vida. A miña voz non irá a custa da súa, pode estar seguro. Falamos.

Nygard disse...

Non pasaría nada sr Ian... se así fora gañarían os ouvintes, sen lugar a dúbidas. Se hai algo onde a experiencia é un grado é xustamente no parlamento, isto é, nas tertulias...

Anónimo disse...

É unha mágoa que vostede non escriba nun medio no que poida ser máis lido: El País Galicia, A Nosa Terra, Vieiros... que sei eu.