O Publiscopio dominical certifica un sorpasso sen sorpresa: a intención de voto declarado do Partido Popular adianta en punto e medio á do PSOE. A vitoria do 1-M en Galiza engorda en 3 puntos a intención electoral que beneficia ao partido de Rajoy que en nada se ve gravado polos chanchullos, corrupcións e corruptelas. Pola súa parte, a crise económica que deviu en crise de credibilidade e falta de iniciativa política roe ferozmente na base electoral do goberno e o seu partido.
No topten de liderados continúa á cabeza Rosa Díez, o novidoso é que Rajoy iguala xa a valoración de Zapatero. Na táboa de apoios declarados UPyD cede o cuarto posto a IU que, coa estrea de Cayo Lara, recuperou algúns folgos e acariña case o 4%. CiU remonta posicións até as acadas o 9-M mentres que ERC erosiónase vagarosamente pero estabiliza o seu voto declarado no 0,6%. A derrota do PNV tradúcese no seu entalamento electoral e as eleccións galegas pasan factura ao BNG que cae até unha intención de voto do 0,6%, a máis baixa rexistrada nos Publiscopios desde marzo de 2008.
Relevo con sorpresa
Este é un cadro suficientemente crítico para que se acendan as luces de alarma en Ferraz. Despois dunha silandeira participación no G-20, na que o presidente do Goberno do Reino volveu participar, sen iniciativas na carteira, como amábel asentidor, e tras a aceptación de Zapatero como amigo de Obama no facebook da diplomacia norteamericana, anunciase un inminente cambio de goberno.
O ovo kinder de Pascua trae sorpresas gobernamentais: a ascensión meteórica da férrea e entregada Elena Salgado en substitución do alicaído Pedro Solbes, a repesca do incombustíbel e todopoderoso Manuel Chaves e o ambicionado nomeamento de José Blanco como ministro de Fomento. Será difícil que Salgado achegue espírito innovador ás políticas económicas pero recoñecéselle capacidade de encaixe numantino, dedicación laboriosa e unha incondicionalidade tecnocrática cega ao Presidente Zapatero. Atributos apropiados para quen vai ser axente pasivo de políticas económicas e activo suficiente para quen confíe en que o cambio de rumbo das demais economías dos países do G-20 nos arrastre no seu ronsel cara novas boanzas.
Cando o BOE publique o nome dos novos ministros, a lexislatura terá pasado politicamente o seu ecuador e comezará a máis longa precampaña electoral da democracia en España. As eleccións ao Parlamento Europeo serán un mero test de resistencia (para o PSOE: saber até onde cae) e elasticidade (para o PP: saber até onde medra) e un fabuloso teatro de operacións para ensaiar un bipartidismo reforzado. A partir do accidente electoral europeo todo será pura e dura campaña (pre)electoral até a remuda ou confirmación do arrendatario da Moncloa. Collamos o bloc de notas, a gravadora e a cámara de vídeo porque non asistiremos a nada igual no resto dos nosos días.
O modelo Chaves
Mentres Rodríguez Zapatero non confirme a aliñación definitiva e vexamos cantos de tantos ministros galegos quedan no seu gabinete, a noticia de maior impacto nesta banda é que José Blanco vai sentar no Consello de Ministros. Todo apunta a que lle tocará Fomento, un cargo no que se terá que estar espilido para atender os compromisos contraídos con Galiza en materia de infraestruturas ferroviarias. A besta negra de Magdalena Álvarez deixará lugar nos rotativos galegos para Blanco que se ten adornado coa aureola dos políticos conseguidores. Será unha proba de lume para as súas aspiracións electorais futuras.
Con todo, o máis significativo é que o Vicesecretario Xeral do PSOE adianta varios pasos na súa folla de ruta político-persoal. Hai tempo que quen vai ser o seu compañeiro ministerial, Manuel Chaves, sinalou o camiño para facer unha carreira política de éxito e non suxeita a caprichosos vaivéns. Primeiro, cómpre afianzarse no aparato, despois darse a coñecer como xestor nun ministerio e, finalmente, construír unha baronía territorial facéndose cargo dos destinos do autogoberno na patria pequena. E tras esta gloria xa se verá...
Ninguén como Chaves compartiu conspiración, política e mantel con Felipe González en Suresnes e segue actualmente na primeira liña da acción partidaria. Pepe Blanco terá agora ocasión de seguir aprendendo do Presidente do seu Partido pero, en calquera caso, non é difícil predicir que a solución de liderado do PSdeG será provisoria. Con toda certeza, Pachi Vázquez sumará aritmeticamente os apoios necesarios para ser secretario xeral na remuda de Emilio Pérez Touriño, máis improbábel é que, se as cousas volven minimamente ao rego e o PSOE recupera folgos electorais, sexa o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia en 2013. José Blanco ten marcado na súa axenda ese ano cun círculo vermello. Aí prevé comezar o resto da súa vida política.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 comentários:
O dato tamén é para que se acendan as alarmas en Rodríguez de Viguri.
A estimación do Publiscopio súmase a cando menos outras dúas enquisas que durante a campaña electoral visualizaban unha perda da fidelidade do voto nacionalista nas xerais, maior aínda que a das autonómicas, até raiar o 50%.
Sen dúbida o dato sitúa ao BNG por baixo dos 200.000 votos.
Por demais pregúntome canto da suba do PP corresponde matematicamente á baixada de UPyD.
Confío en que ninguén en Rodríguez de Viguri teña apagado irresponsabelmente as luces de emerxencia que se acenderon o 1-M. Aínda que non son as mellores, de momento, son as únicas que poden iluminar o camiño de saída do túnel.
A caída de UPyD drena na sñua inmensa maioría cara ao PP, supoño, o que non impide a Rosa Díez ser a mellor valorada.
Enviar um comentário