08/06/2009

Intermitente á dereita

Malos tempos para a lírica europeísta. O europeísmo como formulación da democracia en Europa atravesa as súas horas máis baixas, a UE é un espazo cultural cómodo na súa lixeireza e un artefacto económico outrora solvente que agora reclama urxente rescate. Co europeísmo ocorre o mesmo que co noso galeguismo, embelece e non obriga a nada tornándose así nun pavillón de conveniencia baixo o que cómpre navegar aínda que o frete ideolóxico real sexa o máis afastado da súa esencia. Nada disto mellorará cos resultados das eleccións dominicais.

A malleira das alternativas socialdemócratas en toda Europa e a viraxe cara á dereita compleméntase con subidas preocupantes dalgunhas opcións da extrema dereita e, no mellor dos casos, cun avance dunar, cando non cunha simple presenza resistencialista, das alternativas da outra esquerda e das nacións sen Estado.


O interese por Marx e o socialismo que agromou co crash financeiro é especulativo, erudito e editorial; os cidadáns europeos decidiron buscar a solución concreta para a crise concreta nas fórmulas da dereita e na súa administración bárbara do mercado e do benestar. Podemos seguir culpabilizando ás doutrinas neoconservadoras dos males económicos e sociais que aturamos mais os europeos que votan elixen esmagadoramente a partidos confesionalmente neoliberais para xestionar a saída da crise.

Puxemos a nosa confianza na bondade desa idea fixa que (teoricamente) nos ía conducir a espléndidas vitorias. Agora mellor lembrar o que Jacinto Benavente proclamaba das ideas fixas: «Unha idea fixa sempre parece unha grande idea, non por ser grande, senón porque enche todo un cerebro.» Cómpre reservarlle con urxencia unha parte de maior do noso cerebro colectivo a ideas menos fixas.


En
Disparando aos reloxos fago conta dos resultados no Reino de España nos que uns desganados electores acordaron poñer o intermitente á dereita como preaviso de futuras manobras nas eleccións municipais e lexislativas. Seguro que en Ferraz hai algún compositor de realidades amigábeis que esta presentando os resultados do PSOE como un water-boarding, un simulacro de afogamento de mal gusto e peor grolo. Dirase que foi simplemente un simulacro electoral fallido de doado remedio nas vindeiras eleccións xerais. Mellor ha ser aprender a nadar a contracorrente, evitaranse afogamentos maiores.

Da conxunción planetaria de Zapatero na presidencia da UE e de Barack Obama na Casabranca poden estar certos de que non chegará salvación ningunha. Do uso mediático da corrupción tampouco, o Partido Popular é un
partido teflón ao que lle esvara electoralmente a peor roña da súa corrupción e nepotismo. A teoría do bumerán de Mayor Oreja, outro ataque á intelixencia, e o campismo son dramáticos síntomas do ben afastados que estamos dos ideais dunha democracia esixente.

En Galiza iniciouse antes esa deriva dereitista, xermolou con anticipación ese brote electoral conservador que Núñez Feijóo cualificou como o
«Movemento do 1-M», o retorno revanchista da dereita aos asuntos do goberno. No pizarrín Feijóo pode anotar a súa primeira maioría absoluta. Cunha participación baixísima, certo; maioría absoluta bonsai se se quere, pero maioría efectiva que ratifica as tendencias coas que iniciamos a nosa malfadada primavera electoral: un PPdeG en alza, un PSdeG en vagaroso devalo e un BNG en caída libre.

Perdidos na tradución dos malos resultados do 1-M a unha nova estratexia de avance, Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez estrean mal os seus liderados e, se non se produce unha reacción realista, o posicionamento de PSdeG e BNG nas vindeiras municipais será aínda máis desfavorábel. No actual estado de cousas, os electores galegos visualizan tan só unha mesma e repetida mensaxe: a viraxe á dereita de Europa conduce ao Partido Popular ao goberno do Estado.

Desapiadadamente o 7-X tamén evidencia que en Galiza máis que unha intermitencia á dereita o que ordena o tráfico electoral é, en aparencia, unha dirección única á dereita. PSdeG e BNG necesitan con urxencia outra folla de ruta e mesmo outro código de circulación electoral se queren valerse algo e se queren valer para algo.

6 comentários:

A. C. disse...

Francamente, penso que nom deveriam extrair-se tantas conclusons destas eleiçons. É nessas eleiçons onde cada um liberta na urna as suas mais íntimas perversons, sob a consciência de que têm pouca importância. Assim que o seus resultados há que lê-los com muito cepticismo. Mais ainda quando só vota um 46%.

A única conclusom que tirei dessa jornada é que a democracia no âmbito UE nom dá funcionado: nem polas suas estruturas escassamente democráticas e imensamente dirigistas e governamentalistas, nem polo seu eleitorado ao que lhe importa um carvalho o Parl. Eur., nem polas organizaçons políticas, às que ainda lhe importa menos a UE e o Parl. Eur. como demostrou o conteúdo da campanha eleitoral.

Artritris disse...

¿E non irá sendo hora de que os resultados, as estatísticas, as gráficas... en todas partes se reflictan as porcentaxes respecto do total do censo e comprobar así se realmente os partidos mobilizan máis ou menos votantes?

Ian disse...

A.C. por pouca conclusión que tiremos a cousa non pinta ben. É certo que as eleccións europeas serven para liberar perversións pero é que só teñen perversións os que votan dereita? O problema é que tamén hai cinco anos votou o 46% (mais ou menos) e o cadro daquela era un chisco diferente.

Artritis, claro que si. Precisamos aior finura estatística. Calidonia dirá.

A.C. disse...

Nom digo que pinte bem, Ian. E talvez eu julgue polo meu entorno imediato, o que pode ser umha má maneira de julgar. Mas até onde vim:

- Vários conhecidos meus de voto fiel ao PSOE nom votárom, zangados por umha cousa ou por outra com o ZP. Decidiram castigá-lo numha eleiçom à que nom lhe dam trascendência, com a consciência de que no resto das eleiçons volverám a votar PSOE.

- Outro, votante habitual do BNG, nom compreendeu bem o pacto do BNG com ERC e outros. E influído polo encanto mágico da verba de Rajoi, saiu correndo a votar PSOE (o que nunca creu que fosse fazer!!!). Infelizmente esse é o efeito que tem nalgumhas pessoas ouvir a Rajoi: desejar ter ao carom umha urna (deixemos as furnas para acontecimentos mais luctuosos) para deitar um voto pro ZP. Ainda assim, noutras eleiçons conteria-se e votaria sensatamente BNG, mas numhas europeias...

Ora, se botarmos umha olhada pola esquerda europeia, a situaçom é bem penosa: a França dá grima, Itália é para chorar ver o legado do PCI, o SPD vai de derrota em derrota até a vitória final... e assim por diante. Nom estranham estes resultados e a indiferença/abstencionismo do votante de esquerdas.

Cesare disse...

A.C., a miña opinión persoal era que Iniciativa Internacionalista ía sacar 50.000 votos en Galicia. A realidade é que coñezo persoalmente a todos os que votaron Iniciativa Internacionalista, anque tamén pode ser que esa xente me minta igual que menten as enquisas.

O exemplo do meu primo que votou non vale. Valen números. E parece que os votantes do BNG e do PSOE ou votan ao PP e UPD ou se absteñen. Escolla vostede o mellor.

A.C. disse...

Os número som os que estám aí, Cesare. Votou o 46%. Do 54% que se abstivo é bastante razoável supor que umha parte importante som votantes habituais do BNG e do PSOE, salvo que alguém possa demostrar que que os votantes que lhe faltam ao BNG e ao PSOE foram votar PP e que a abstençom está nutrida de ex-votos-PP.

Já sei que isso contradi a ideia que alguns querem abonar de que, em realidade, o voto que lhe falta ao PSOE e ao BNG vai para o PP porque os eleitores de ambas as duas organizaçons o que realmente querem é organizaçons com políticas mais à direita. E também duvido que queiram organizaçons mais à esquerda.