19/10/2009

Ver, medir, mentir


Está fin de semana estivo marcada pola celebración de manifestacións de cantidade e por contrastadas interpretacións da súa calidade. Aínda que sexa fuxidizamente as políticas das multitudes roubaron os titulares á política convencional. Donosti, Madrid e Santiago de Compostela concentraron a milleiros de cidadáns e é asunto editorial de primeira orde dar conta das súas magnitudes e calidades.


A sabatina convocatoria contra a nova regulamentación do dereito ao aborto bendiciuse cun rexistro millonario de asistentes que desafia as leis da física e mesmo as da metafísica. Máis dun millón de asistentes segundo o xúbilo dos convocadores que os menos entusiasmados econometrizan nunhas 50.000 persoas. Pola contra, a variábel cuantitativa no chamamento vasco, malia o engrosado da convocatoria, non tivo maior relevancia para un sistema de medios que teima en converter en marxinal calquera acto político do nacionalismo agás aqueles que sirvan para fabular a súa culpábel complicidade con ETA. Tanto ten que en Donosti fosen media ducia ou un millón.


No caso da mobilización de «Queremos galego» hai contraste contábel pero só os moi necios tentan agachar que nunca antes houbo unha concentración cívica máis numerosa en defensa da lingua galega. Multitude que, simbolicamente, se emparenta coas masivas marchas cidadás do 4 de Nadal de 1979 a prol dun maior autogoberno para Galiza, e as mobilizacións da dignidade promovidas por Nunca Máis o 1 de decembro de 2002 e o 23 de febreiro de 2003 en Compostela e Madrid, respectivamente.

Cingamos á comparanza á megamanifestación anti-abortista de Madrid e á convocatoria en defensa do idioma galego compostelá xa que en ambas as dúas se involucra decididamente o Partido Popular, nun caso como activo axente opositor e noutro como suxeito pasivo de goberno, serviranos outra volta para saber como a inmensa maioría dos medios xestionan o que, en La mirada social, Alain Touraine chamou o Discurso Interpretativo Dominante (DID).


Os faladoiros e comentarios do DID insisten no supremo valor da multitude convocada polas organización anti-abortistas. Sérvense da comparanza histórica para evidenciar a hipocrisía do presidente Zapatero que, cando as manifestacións contra a intervención na guerra de Iraq, enxalzaba a voz dos desconformes mobilizados e agora ignora de xeito prepotente «a voz da rúa».


A que segue é unha das reseñas menos extremistas desta liña argumentativa do DID: «Máis lle valería a Zapatero fuxir da provocación e o radicalismo. Tras a marea humana de onte, debe ouvir o clamor da rúa e tentar buscar acordos para que un maior número de cidadáns senta máis próximo ao texto lexislativo.» Altofalante moderado do presidente do Partido Cínico, Mariano Rajoy, quen sentenciou que Zapatero debería deixar a soberbia e escoitar á xente porque esa é a súa obrigación. Exercicios de estilo á marxe, a mesma orientación ecoa nos medios de querenzas e intereses paleo ou neoconservadores: un goberno que non escoita a voz da rúa é un mal goberno.

Convocatoria de «Queremos galego»; resumo dun medio nuclear do DID: «Animadas polo nacionalismo e a esquerda, milleiros de persoas manifestáronse onte no centro de Santiago de Compostela para denunciar a política lingüística do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, unha de cuxas primeiras medidas foi acabar coa envelenada "inmersión" promovida polo anterior Executivo rexional e apostar por un bilingüismo que respecte o uso do castelán.»

Aquí xa non estamos perante a voz da rúa, non hai marea humana que ordene o bo goberno nin clamor que deba ser escoitado e atendido polo presidente Feijóo, providencial cancelador da envelenada inmersión lingüística imposta polo goberno dos nacionalistas e a esquerda que agora, vencidos, animan a manifestarse en contra dun bilingüismo que respecta o uso da lingua castelá.


O DID autóctono ten outra expresión suprema no intento da Televisión de Galicia de facer a crónica do acontecido cunha panorámica desertizada da praza da Quintana, unha vez finalizada a manifestación. A bufonada fala da pouca honestidade dos directivos do medio público de comunicación e moito do seu abaixamento da profesionalidade para atender os caprichos dos novos gobernantes. Unha estarrecedora lembranza do maltrato informativo dispensado ás protestas cidadás cando a catástrofe do Prestige; Unha imaxe vale por mil palabras e serve mellor á mentira: na Quintana estaban coma quen di catro ninguéns que ían para ningures.


Cómpre non asañarse, se a cousa funciona ben así que interese pode haber en cambiala; é a lei natural e caprichosa do paso da cantidade á calidade, materia fundamental do oficio milenario dos cínicos para ver, medir e mentir en favor dos poderosos. Os vellos manuais de materialismo dialéctico ilustráronnos sisudamente sobre a importancia e transcendencia do paso da cantidade á calidade nas ciencias da natureza e nas da sociedade. O DID xestiona con equidade exquisita a alquimia do tránsito da cantidade á calidade: Zapatero ten que ser todo ouvidos e Feijóo pode seguir ensimesmado na súa xordeira, a fin de contas en Madrid eran máis dun millón e en Compostela eramos uns ninguéns, tan poucos que case que non eramos.

2 comentários:

Xosé M. González disse...

Non sei se onte, aló na Quintana e saíndo da primeira quenda, entre a razoable prevención e a evidencia dun enfoque de cámara cando había grandes claros, non habería unha reacción desaxustada. Porque, ao cabo, desta volta a cobertura informativa non debeu ser mala. Xaora, non digo que falten motivos para desconfianza e malestar, pero diría de manter pesentes un par de aspectos: primeiro, é indispensable -e satisfactorio- ser tan positivo, aberto, amable como sexa posible; segundo, os cercados son eles.

Ian disse...

Critico a procura do directo escenograficamente menos lucido da manifestación pero non xustifico as reaccións diante dos xornalistas da TVG, entre outras cousas porque se presta para alimentar unha falsa imaxe tuzara, intolerante e mesmo violenta dos defensores da lingua; e en segundo lugar porque hai outros lugares (Consello de RTVGa / Parlamento) que son moito máis efices para denunciar e esixir responsabilidades aos que decidiron o tratamento informativo da manifestación.