En canto nos distraemos, Núñez Feijóo converte as pasadas eleccións do 1-M nun plebiscito no que, segundo di, os cidadáns avalaron de xeito esmagador as súas políticas presentes e futuras, fosen explicitadas en campaña ou ficasen na súa axenda oculta. Esta trampeada política plebiscitaria cancela de vez a oferta que Feijóo fixo, no debate de investidura, para gobernar en «coalición cos cidadáns» e construír novos consensos ao redor do autogoberno galego.
Executando un mandato do presidente, a Consellaría de Educación decidiuse a organizar unha consulta sobre as preferencias lingüísticas no ensino que en nada se acordou coa comunidade educativa nin con representante político ou social ningún. Unha consulta lingüística que debería realizarse, segundo o desexo presidencial, sen máis información que a oficial, sen debates e intercambio de pareceres, sen expresión libre, consonte ao ideal conservador dunha democracia pasiva.
Unha idea da participación concibida como antítese da promesa fundadora da democracia que John Berger lembrou en Páxinas da ferida: «A súa promesa é que as decisións políticas se tomarán despois e á luz da consulta cos gobernados. Isto depende de que se informe adecuadamente aos gobernados dos asuntos en cuestión, e de que quen toman as decisións teñan a posibilidade ou a vontade de escoitar ou tomar en conta o que escoitaron. Non debe confundirse a democracia coa “liberdade” de escoller de maneira binaria, nin coa publicación das enquisas nin co abafamento das persoas a mans dos datos estatísticos.»
As decisións do PPdeG sobre a lingua galega no ensino tomáronse moito antes da celebración da Consulta Feijóo e non ofrecen ningunha dúbida canto aos seus obxectivos: lexitimar a derrogación do actual decreto de uso do galego no ensino non universitario e retrotraer o compromiso das nosas institucións de autogoberno coa normalización do noso idioma aos tempos da pre-Autonomía. Na práctica, un referendo agochado sobre o status do galego como lingua propia de Galiza; cos seus resultados aspírase a fender de vez os consensos callados no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2005 e na Lei de normalización lingüística de 1983.
A Consulta Feijóo inaugura así a que será posibelmente a confrontación democrática máis importante da oitava lexislatura, o seu campo de batalla principal será a sociedade civil e non o Parlamento, e do seu desenlace dependerá decisivamente a consolidación ou o debilitamento do Partido Popular como alternativa de goberno neste país. Será a primeira dunha longa xeira de enfrontamentos que cristalizarán ao redor dunha mesma liña de tensión: o compromiso (ou o abandono de responsabilidades) do noso autogoberno coa garantía da igualdade de condicións. Agora trátase da garantía real da igualdade de condicións da aprendizaxe e uso do galego e mais do español en Galiza, no futuro versarán sobre a igualdade das condicións de acceso a servizos públicos básicos, a un basal mínimo de benestar ou a un contrato laboral dignamente remunerado e de calidade.
A garantía de éxito do plebiscito de contrabando de Núñez Feijóo depende de que, outra volta, a cidadanía faga unha lectura lixeira e distraída da súa intencionalidade; a saber, crer que se trata dunha consulta intranscendente e non determinante. A realidade é ben outra, da consulta e o uso dos seus resultados derivaranse consecuencias decisivas para o futuro da lingua galega no ensino e non só no ensino. Á súa sombra decídese se as nosas institución deben ser un axente de normalización da nosa cultura e se é misión do noso autogoberno ser garante da igualdade de condicións de uso da lingua de Galiza. Como para distraerse...
Tempos Novos # 146
Sem comentários:
Enviar um comentário