05/08/2009

Enquisa macguffi

Fermín Bouza debullou a razón dos números da Consulta Feijóo, Bragado reflexionou mesuradamente sobre os efectos directos e colaterais negativos da ruptura do consenso de fomento do galego no ámbito educativo, Cesare destilou unha paixonal catarse á súa costa, e, cos seus calcetíns, Rubén Ruibal revelou o sentido último da Consulta Feijóo. A min todo o caso, cada día que pasa, imítame máis a un macguffi da escola Hitchcock. Un caricaturesco macguffin xa que as grandes decisións de política lingüística do novo goberno e do Partido Popular fixáronse con moita anterioridade á realización de tan grandiosa consulta democrática.

Hitchcock ideou o «macguffin» como un elemento para alentar o suspense e facer progresar a trama narrativa das súas películas, non era máis que unha escusa argumental que propiciaba o desenvolvemento dunha historia pero que carecía de toda relevancia por si mesmo. A Consulta Feijóo revélase como un grotesco macguffin válido unicamente para facer avanzar o argumento lingüístico do Partido Popular que non é substancialmente diferente do que contrabandea Galicia Bilingüe para formatear Galiza como unha comunidade monolingüe en castelán.

Sobre o asunto escribo en «Disparando aos reloxos» coa intención de salientar que a Segunda Modernización de Galiza que abandeira Alberto Núñez Feijóo, en termos de normalización lingüística tradúcese na cancelación do mandato normalizador das nosas institucións de autogoberno, encomenda asumida noutros tempos mesmo pola banda dereita do noso país. A novidade radical da política de Feijóo é a renuncia da Xunta a xogar ningún papel activo como garante fundamental da igualdade de condicións de uso da lingua galega.

Pierre Manent, un liberal dos de verdade, definiu a democracia como o movemento político e social cara a unha igualdade de condicións sempre maior. A consulta e a estratexia que a abeira é unha fraude (anti)democrática absoluta, nin garantirá liberdade ningunha de elección lingüística nin asegurará a igualdade de trato xurídico nin de oportunidades de uso para a lingua galega.

Enfrontámonos a un poderoso movemento antidemocrático e nestas condicións de desnormalización non hai marxe de esperanza ningunha para soñar unha igualdade de resultados entre as dúas linguas existentes na nosa comunidade. A estratexia de bilingüismo formal do Partido Popular encamíñanos cara a un monolingüismo castelán de xeito irremediábel, esa é a solución final á que aspira o black block que lidera Gloria Lago.

Unha lectura cándida das intencións do Partido Popular insiste en que a consulta é un instrumento máis nunha «estratexia de bordo do abismo» destinada a disuadir aos máis fervorosos partidarios da normalización do galego facendo visíbel a potencia dos sectores cidadáns abducidos polo monolingüismo en castelán. O virtuoso termo medio que quere para si Núñez Feijóo é o cancelamento da presenza paritaria de galego e castelán no ensino non universitario, un abaixamento normalizador para tranquilizar á barra brava de Galicia Bilingüe.

Asomados ao bordo do precipicio monolingüe castelán, ao Partido Popular antóllaselle que aos sectores galeguistas máis mornos non lle quedará máis que a mansa acomodación a un agónico «pouco é máis que nada». É posíbel que á voz solista de Anxo Lorenzo axiña se una unha coral polifónica de medidos posibilismos. Sospeito que poucos logros saíran dos seus esforzos vocais. Perante a estratexia do bordo do abismo que anima Feijóo e Vázquez, cómpre lembrar o consello de Michel de Montaigne: «Á beira dun precipicio só hai unha maneira de andar para ao fronte; dar un paso atrás.» A súa estratexia non é invencíbel pero non será aquela caste de posibilismo acomodado quen os faga recuar.

5 comentários:

Xaquín disse...

Non sei se o Hitchcock estaría moi de acordo, pero o uso da súa ferramenta "de avance narrativo" resulta moi axeitada para aclarar como actúan estes corvos no proceso desnormalizador.

Anónimo disse...

Boas,

Non coñecía este blogue, e despois de ler este artigo só quería enviar os meus parabéns. Unha análise moi lúcida.

Vítor.

Erasmo disse...

¿Disque o posibilismo é retroceder? Eu non vexo que avanzaramos moito enfrontando galegos contra galegos.

E sin dúbida teño que estar moi dacordo coas verbas de Miguel Louzao cando afirma:

Se un se para a avaliar (iso que tan pouco se practica) como se desenvolveu todo este proceso ao longo da última trintena, non pode máis que considerar un fracaso a estratexia de promoción da lingua que se proxectou desde ese axioma e, polo tanto, un fracaso de todas aquelas persoas que participamos nela.

E non vexo que teña moito de combativo andar a remexer unha e outra vez nos 'blocos negros' nin nas 'barras bravas' que só foron REACCIÓN ante unha triste copia da política lingüística Catalana que viña da man do pacto político de Galeuscat (cando esta terra nin é Cataluña nin é Euskadi!) aínda que algúns aínda non se decaten da diferenza polo que se pode ver nestes días na rede.

Unha lingua NON se fala por Decreto e iso é básico para calquera 'decreto' que veña polo camiño... Os políticos viven da lingua e nós -o pobo- só temos unha obriga: non converter a nosa lingua en arma contra ninguén!

Saúde

Ian disse...

Moi ben Erasmo, imos seguir collendo os grelos polas folla. O posibilismo non é retroceder é non querer ver a nova política do Partido Popular: «a cancelación do mandato normalizador das nosas institucións de autogoberno», a renuncia da Xunta a xogar ningún papel activo como garante fundamental da igualdade de condicións de uso da lingua galega.

Quizais vostede non o vexa así pero cando o novo goberno adopte a primeira medida positiva respecto da lingua galega volvemos falar. Nos primeiros cen días faltou a primeira, rectifico: quizais a única foi nomear a Anxo Lorenzo... no suposto que lle deixen facer algo nos próximos cen días.

E deixese de imposicións por mimetismo que xa aburre o tema, ou tamén foi imposición o Plan de Normalización aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiica?

Saúde

Erasmo disse...

Anxo Lorenzo NON vai facer nada !
Os que deberamos facer algo en positivo somos os galegos e galegas que vivimos nesta terra.

Respecto ao Plan de Normalización non hai discrepancia algunha pois nel non figuraba Decreto algún!

Nesto coincidiu o Consello Consultivo de Galicia cando no seu informe advertiu da escuridade do Decreto ao 'impoñer' obrigas ao alumnado (?)

Mais todo iso é xa auga pasada...

Eu quixera que non tivesemos que seguir ata o infinito falando da nova politica do PP ou do contubernio da FAES e GB, ou cousas semellantes que o único que fan é DIVIDIR aos galegos!

Se Paco Rodriguez ou Tuco Cerviño precisan unha 'bandeira lingüística' para ter algo que dicir... é cousa diles pero NON é cousa que teña absolutamente nada que ver coa Realidade do País.

Falemos galego na rúa e na escola... en Liberdade !

Saúde!

No enlace envio un artigo que recolle a parte de culpa que teñen os Inquisidores da Lingua!