09/10/2005

Dor

Entre unha chamada de Cesare que pasea por Atocha e a escrita dunha nota sobre as eleccións autárquicas en Portugal, sinto a trabada da dor. Coñezo os síntomas: os afiados dentes dun cólico que prende no meu ril. É sabida esa agonía, é a segunda vez que asalta. Chámanlle «o parto dos homes», alguén me ilustrará máis tarde. Tardo vinte minutos, que parecen vinte días, en botar fóra a onda da dor. Despois comeza peregrinaxe polo sistema sanitario. Chego ás 9.50. Tardan 30 minutos en clasificarme. O corredor está ateigado de xente. Convócanos polo altofalante ante un médico que pregunta pouco e anota silandeiramente nun formulario. Anuncia unha análise de mexo, outra de sangue, e esquécese da pertinente placa de raios X. Retorno ao corredor cun botiño de plástico e a promesa dunha chamada. A dor minguou pero segue aí. Deito o meu mexo doorosamente no botiño. Análise de sangue, trinta minutos máis tarde. Son as 22.50. Un ATS amigábel extrae tres tubiños de sangue e anuncia apesarado que tal e como están de petados no laboratorio, os resultados tardarán de dúas ou tres horas. O anuncio é unha chamada á fuga que el desaconsella por razóns legais e administrativas; hidratación e analxésicos propón a cambio da miña permanencia. A dor sabe que vou facer algo contra dela e contrataca con ferocidade. Mareo e trousada. O nolotil marcha polo baño abaixo. Esbrancuxado fago vinte minutos máis de corredor. Unha médica (novísima) repasa o meu caso. Auscúltame e dilixentemente fai preguntas para precisar unha diagnose que é sabida pero que non me comunica. A dor dime ás claras que un cólico nefrítico e ela unicamente me anuncia que me van facer unha placa. É atenta e interesase pola dor. Doulle conta do fracasado tratamento analxésico e dáme buscapina. Retorno ao corredor. A paisaxe é pouco prometedora. Aumentan as caras novas, pero ninguén marcha mentres os altofalantes seguen boureando nomes e números de sala. Sabedora da ofensiva da buscapina a miña dor arreponse e sulágame nunha segunda onda de sufrimento e bocalladas. A buscapina segue a mesma rota que o nolotil. Transparente, vou dar a un corredor do abatemento, a espera e o abandono. A megafonía segue coa súa ladaíña. Perdo a noción do tempo até que son chamado a Raios. A calidez de trato do radiólogo que fai pensar nos mellores amigos. Resolve eficientemente e confiando nas persoas, que non no sistema, volvo a miña bancada no corredor. Na espera a dor adormece e teño tempo para ler prensa gratuíta e comprobar o podente negocio que existe naquel cemiterio da paciencia: bocadiños, cafés, botes de refresco, froitos secos, patatillas, augas, pasteis... unha enxurrada de produtos contra a fame e o fastío que caen co mesmo ritmo que os cartos miúdos dos que agardan. A dor retorna desganada coa nana do altofalante. Pasan horas. Sen noticias das probas, coa paciencia liofilizada polo sono, cando son as 3.50 horas, L. asalta ao amigábel ATS para se ocupe do meu caso. As caras do corredor mudaron, un mozo motorista, unha palida muller que terma do seu pai, un matrimonio idoso resisten o reconto de caras familiares. Baixo o pressing anuncian que xa vai. Nuns minutos, cando faltan dez para as 4 da mañá, escoito o meu nome pola megafonía, agardan por min na sala 2. Un doutor novísimo, inexperto e desbordado dime o que xa sei: foi cun cólico nefrítico, hai unha lixeira inflamación no ril. Hidratación, analxésicos, dieta e coidados preventivos. Consulte ao seu médico de cabeceira. Preguntamos pola demora na atención e na entrega dos resultados. Deféndese cun mitin sobre os políticos e a falta de medios. Recoméndanos que votemos por quen quere que haxa máis médicos en urxencias e outros enxeños na mesma liña populista e autoesculpatoria. Preguntamos polas follas de queixa. Retruca que alí non hai follas de reclamación que aquilo é un hospital, que diso hai nos restaurantes... Segue farfullados contra os políticos e reivindicando máis médicos e mellores condicións laborais. Entereirase por nós da existencia do Servizo de Atención ao Doente. Sae para saber onde podemos facer a reclamación. Infórmanos. Agradece que protestemos pero advirtenos por activa e pasiva de que non vai servir de nada. Pregúntame se me vai o nolotil. Dígolle que si. Está nervioso e receita buscapina. Pregúntame se son pensionista (Dóeme máis que o cólico, tan vello me vexo?). Ás catro saimos rumbo á casa. Parada auxiliar nunha farmacia para procurar buscapina e seguranza. Chega unha mensaxe polo móbil. O médico quedou cos papeis da miña alta. Asumo a miña nova condición de sen-papeis sanitarios. Prométome non volver alí. Non, non esta noite.

3 comentários:

Brétemas disse...

Querido Ian: todo a miña solidariedade e os meus agarimos. Son da confraría dos nefríticos e ben sei o que doen. Paréceme incrible que non che puxeran un pixama, un deses nolotís con pingueiro, que son a mellor solución. Tan atrasados están no Clínico de Compostela? Abrazos tensos.

Brétemas disse...

Ian: máis ca "pixama", chámano na xerga sanitaria "pitufo". Se che dá outra vez, esíxeo. A dor non paga a pena.

Ian disse...

Grazas Brétemas polo agarimos solidarios e polos consellos. Quedo aprendido para outra que confío en que tarde moito en chegar. Apertas.