15/10/2005

Treboada perfecta

A finais de outubro e principios de novembro, na costa oriental norteamericana, grandes masas de ar frío continental baten con correntes quentes procedentes do océano Atlántico formando frecuentemente fortes treboadas que son chamadas Nordeasters. En outubro de 1991 as Nordeasters en formación avivecéronse pola súa converxencia co furacán Grace dando orixe á Treboada Perfecta ou a Halloween Storm. A Treboada Perfecta emerxeu cun poder destrutivo estarrecedor e os contábeis das catástrofes estiman que os seus estragos sumaron varios centos de millóns de dólares e un cento de vitimas mortais en terra, mar e nos negocios. Sobre ela, Sebastian Unger escribiu un sonado best-seller que co tempo serviu de guión da película que dirixiu Wolfgang Petersen e protagonizou George Clooney. Unger e Petersen recrean e ficcionan a odisea terminal do Andrea Gail, un barco pesqueiro que foi engulido por unha onda xigante formada pola treboada.

Ondas vagabundas

A existencia de ondas xigantes, babilónicas, de vinte ou máis metros de altura habita as narracións mariñas desde tempos inmemoriais. Do encontro brutal con elas quedan contos pero poucos sobreviventes. Testemuñas de ondas maiúsculas foron a tripulación do Queen Elizabeth II, que tivo que surfear cunha de 29 metros, e os traballadores da plataforma petrolífera Draupner, no Mar do Norte, que sofriron o abaneo doutra que tallaron en 21 metros. Nos contos mariños e no mar as ondas xigantes existen, os especialistas bautizáronas como rogue waves, ondas vagabundas. Tamén lles chaman, segundo me di B., ondas non negociábeis, porque o barco non responde a goberno ningún e a derrota máis probábel ten conduce ao ventre da onda e ao fondo do mar.

O seu ronsel desde o ceo

A súa procura dedicouse con especial acerto a Axencia Espacial Europea que impulsou o programa de investigación MaxWave e dispuxo dun arsenal de satélites para seguirlles o seu ronsel. Agora as lendas e a ciencia están de acordo: as ondas xigantes existen e maniféstanse cada vez con maior rapidez. Noutrora críase que, estatisticamente, se producía unha cada 10.000 anos, non é tal: son moito máis frecuentes e estudos, perdidos na literatura gris da Axencia Espacial Europea, levan identificado, nos últimos anos, dez ondas de alturas superiores ao 25 metros. Fórmanse naquelas zonas onde vagas ordinarias se atopan con correntes oceánicas, que concentran a súa enerxía, aleitando así unha ondaxe aínda maior. Outro mecanismo de formación son ventos que se manteñen durante máis de doce horas no seo de grandes treboadas e que axudan a agrandar as ondas que se moven co mesmo paso ca eles. A onda vagabunda que, hipoteticamente, papou o Andrea Gail durante a Halloween Storm tiña esta orixe.

Coda

Reparo nas ondas vagabundas porque este é o seu tempo, na veciñanza dos Santos e Difuntos, co alento do Samaín na caluga. Na miña contorna levan tempo formándose frontes de treboada de signo distinto que camiñan con paso dedicido ao encontro de furacáns menores, maiores e medios. Nutrida de ventos e correntes fondas a job wave que se aproxima é formidábel, altísima e abusiva. Un xa non reza, pero cruza os dedos para convocar a sorte do Queen Elizabeth II ou da Draupner e zafar coma ben se poda para non acabar como xerfa derrotada pola vaga laboral. Pero non é a única onda brutal, cando se achegan os cen días de Nova Xunta, o balance de expectativas deita aos meus pés, unha ondiña cativeira, frouxa e eslaiada de cambio político, cangada de prudencias excesivas e inxustificadas, de silencios cómplices, de explicacións políticas sempre tan complicadas, e sobre todo dese tristón aggiornamento gobernamental que ameaza con clonar os faceres e dicires da Vella Xunta. A onda de desencanto medra rapidamente en min e adopta, intransixente, a forma dunha onda non-negociábel, ingobernábel e voceira de adiantadas derrotas.

Sem comentários: