09/07/2006

Casa Común

O documento ten rostro. Foi presentada A Alternativa, unha corrente crítica co Bloque dominante. Chega coa vontade de abrir un ciclo anovador no BNG, cando xa se enfriaron os efectos da X Asemblea e toda vez que a acomodación gobernamental parece sinalar o horizonte político do nacionalismo. Desafiante, A Alternativa furga nalgunhas das moitas chagas abertas no proxecto frontista, procura e personaliza responsabilidades, pero apunta poucas liñas de desenvolvemento futuro. Sintetiza malestares máis que ofrecer estratexias practicábeis; con todo, quere activar reflexións e ideas, e iso na amansada vida (a)política do BNG xa non é pouca cousa.

De entrada, a súa capacidade inclusiva é baixa, a contorna do agrupamento crítico reúne a Esquerda Nacionalista, a corrente camilista da disolvida Unidade Galega e a un quiñón dos non-adscritos. Beiras e os beiristas fican fóra do proxecto cando menos discursiva e mediaticamente. A Alternativa non se poderá beneficiar das avantaxes que tivo a corrente renovadora de Roberto Mera, os liderados da segunda fila e as organizacións de referencia chantan a súa historia no BNG partitocrático previo á X Asemblea. A Alternativa non crea un novo espazo organizativo e político no BNG, non sinala ningún horizonte de converxencia ou fusión, é unha alianza que agarda do seu éxito para logo formalizar unha nova organización de militantes dentro do BNG.

A Alternativa nace enchoupada de antagonismo, os alternativos confrontan cos complementarios –co difuso quintanismo– máis que cos dominantes –coa UPG–, quizais porque saben que só no quintanismo desencantado poderán medrar en apoio e influencia; o da UPG élles un mundo impermeábel, intratábel, maiormente inaccesíbel. En suspenso queda a capacidade da Alternativa para chegar a acordos cos (temporalmente) inasistentes –os beiristas, Colectivo Socialista, PNG e Inzar– e ampliar a súa base de diálogo crítico, sen diluírse irremediabelmente na corrente do malestar.

Encunchada na xestión miúda do poder, do aparato e das organización afíns, a UPG vive acomodamente, nada ten que arriscar en propostas e ideas, bástalle conducir as inercias e aleitarse das imposibilidades e impotencias do nacionalismo. Neste tempo, Quintana pouco ou nada ofrece como espazo de mobilización interna na organización frontista. O BNG-organización, na idea quintanista (nunca explicitada), é un elemento político secundario, subalterno, subsidiario, xa de que o motor do cambio e renovación nacionalista se atopa na acción gobernamental, na conformación de novas relacións cos axentes sociais e económicos a traves da política da Xunta de Galicia e na chegada aos cidadáns a través da presenza reiterada nos medios de comunicación (medios alugados que non propios).

A folla de ruta de Anxo Quintana tamén pasa por gañar autonomía respecto dunha fronte que só organiza a unha parte minoritaria do nacionalismo que acampa ao raso na sociedade civil e que non quere convivir nunha Casa Común que teña a UPG como ama de chaves gobernanta. A Alternativa expresa o dereito dos inquilinos do xardín a ter un cuarto propio, con dereito a cociña, acceso á sala de TV e moito máis: queren sentarse na mesa na que se toman as decisións e se reparten as facendas institucionais. Fan moi ben, eles tamén pagan a hipoteca, saben das ruínas do casa nacionalista e corren cos gastos da comunidade. Amais fóra fai frío e eles, de momento, son os únicos que garanten que na próxima Asemblea de propietarios haberá quentura. Mentres Quintana olla silencioso cara ao papel pintado e a UPG prepara a leña e adestra ao banco para ofrecer caras novas e vellas ideas como a súa achega hexemónica á renovación continuísta. A tempada de outono-inverno ofrecerá novidades e sobrados motivos para o desencontro de posicións e talantes. Non falta quen cre que hai que procurar unha casa nova para o ano 2007. O gran problema é que o mercado político-inmobiliario está imposíbel.

Sem comentários: