
De paso por Cataluña, hai unhas semanas, foi obxecto de distintas entrevistas nas que aproveitou para popularizar a súa aposta polo republicanismo e, tamén, polo que el deu en chamar civicismo. O neoloxismo civicismo é urxido pola taxonomía política dominante nos EEUU, onde republicano identifica unha opción (ultra)conservadora e liberal chega nalgúns casos mesmo a ser sinónimo de socialdemócrata. Pettit entende que dado que moitos dos ideólogos do liberalismo do XIX hibridáronse co republicanismo, é necesario un termo que permita a superación de nocións tradicionais como «liberal» ou «republicano», esa tradición mestiza liberal-republicana é o que el denomina «civicismo». A seguir unha peza.
Republicanismo segundo Pettit


A desertización da nosa sociedade civil
O galeguismo republicano dos anos trinta que tanto lle presta a Suso de Toro ou a Brétemas, e do que me manifesto igualmente querenciado, pode/debe reactualizarse, para fornecernos aínda hoxe toda súa riqueza democrática e transformadora, á luz de obras como a de Philip Pettit. Por exemplo, achegando unha reflexión sobre a necesaria redución do peso que ten a Administración galega como forza organizadora do país ou, sobre o que é o seu envés, chamando urxentemente a atención sobre o papel protagonista que lle toca e corresponde ás entidades da sociedade civil.
As institucións do autogoberno en Galiza non son un instrumento facilitador do protagonismo cidadán, moi ao contario foron, e seguen a ser, o seu principal substitutivo. A herdanza da Era Fraga neste terreo é pesada e nada fácil de cancelar. A Xunta foi durante dezaseis anos un centro de control incontrolado e tamén un instrumento de permanente intervencionismo nos asuntos civís; un poderoso desincentivador e un catalizador negativo das potencialidades do emprendemento político, social e mesmo económico dos cidadáns e as súas organizacións.
Posibelmente o produto político máis duradeiro do fraguismo sexa a conversión da nosa sociedade civil nun ermo, a súa política de desertización civil. O keynesianismo conservador polo que se viu abducido Manuel Fraga trouxo como principal consecuencia unha sociedade civil anémica, desposeída, subalterna, subsidiada, entregada, pasiva.
No tempo do ultradominio conservador sobrou administración da sociedade e faltou goberno. Faltou goberno como capacidade relacional, como espazo incentivador das iniciativas privadas e comunitarias, como elemento de regulación á súa vez regulado polos impedimentos constitucionais, democráticos e contestatarios dos que fala Pettit. Fartámonos da Xunta de Galicia como unha organización detentadora dun poder plenipotenciario, omnipresente e adoecimos malfadamente de institucións socializadoras do Poder Galego.
A contraparte necesaria do cambio
Tras un ano de percorrido, no goberno bipartito persiste esa mesma fascinación respecto da Administración galega como forza motriz das transformacións e como sostén da arquitectura básica do país. Mesmo os partidos da coalición son un algo menosprezados pola nomenklatura gobernamental como instrumentos coprotagonistas do cambio político.

Herdanzas que hai que recuperar
O nacionalismo irmandiño dos anos vinte e trinta enfrontou a construción dunha nación sen poder contar con institucións propias, Galiza fíxose en grande medida sobre a base das capacidades da súa sociedade civil e non como unha sombra ben guiada da súa sociedade política.

Hoxe calquera reflexión que se faga nesta liña ponse fóra da sempre loada Realpolitik e significa entregarse á ensonación ficcional, o que non resulta estraño porque hoxe en Galiza iso que chamamos sociedade civil e outros antes chamaron comunidade ou simplemente pobo é en grande medida un non-lugar; unha utopía que aínda agarda polo seu tempo. Óscar Wilde dixo unha vez: «A un mapa do mundo no que non se atope o país Utopía non paga a pena nin botarlle unha ollada.» O mesmo pode dicirse dun país que non se atope unha utópica sociedade civil.
Sem comentários:
Enviar um comentário