02/07/2006

O axóuxere do gato

A pasada foi unha semana intensamente estatutaria. O Estatuto deixouse ver nunha exposición, no inédito recital dos tres teores, na traca final das comparecencias civís, na convención de Galeuscat e, como non, no Pleno do Parlamento de Galicia. Foi a primeira posta en escea global das estratexias partidarias que, malia todo, non despexaron as incertezas sobre unha posíbel resolución consensuada.

Un debate entalado


Este o noso Estatuto debatirase, como todos, en dous planos: o das identidades e o das capacidades. A denominación de orixe de Galiza ocupa, polo de agora, o centro das diferenzas. O BNG acode cun repertorio inicial que inclúe «nación» e «realidade nacional», bandeirola de engache ao que se apega un PSdeG que, con todo, abanea (cada vez menos) entre subliñar o «carácter nacional» de Galiza ou acomodarse na «nacionalidade histórica», marca que satisface plenamente as apetencias do
galeguismo constitucional do PPdeG. Se a folla de ruta pasa básicamente polo debate identificador o traxecto será curto xa que non hai marxe para que o PPdeG acepte ningunha formulación que clasifique a Galiza como nación nin, mesmo, como unha realidade nacional homologábel identitariamente á do Estatut de Cataluña.
A realpolitik indica logo que haberá que transitar, fundamentalmente, polo espazo das capacidades do autogoberno e iso significa que a cerna do debate versará sobre dereitos, financiamento, competencias e os novos elementos precisos para completar a arquitectura dos poderes galegos. As utilidades estarían así chamadas a mandar máis que as identidades. Se non fose porque os capitais intanxíbeis producen, ás veces, tantos ou máis réditos que os capitais tanxíbeis, o debate entregariase mansamente a discusión das capacidades futuras de Galiza.
Como Bretemas dá boa conta de como está a pelota no tellado dos populares, cómpre reparar a que a outros lle toca.
Quen peor o ten para dar ese pragmático salto é o BNG por ser quen máis gastou comunicacionalmente na necesidade dun estatuto de identidade. Ademais, a emerxencia dunha corrente crítica que teima en denunciar o posicionamento rexionalista da dirección vén coutar tamén calquera deriva utilitarista da política estatutaria do BNG.
Nesta, coma noutras cuestións, o problema do BNG é o abuso dunha ideoloxía de gardarroupa, dunha fraseoloxía dogmatizada que manda e ordena na vida partidaria e militante, pero que carece de sentido operativo ningún na súa relación coa sociedade nin nas súas actuacións gobernamentais; así, semellante prendas ideolóxicas son prudentemente colgadas no gardarroupa cada vez que se sae da «casa nacionalista» e das ceas de familia.


Un único discurso


Aínda que tarde, e moi a deshora, sería boa cousa proporse un discurso que coherentemente valga para o BNG, para as institucións e para a sociedade, aínda que haxa que aturar pacientosamente que sexa tildado de «rexionalista». Pouco importa agora que, en grande medida, esas críticas procedan dos pragmáticos que hai moito tempo teimaban en que era mellor unha fanada Constitución Europea que o Tratado de Niza e que o paso cara adiante é sempre mellor que o entalamento... Isto só é indicativo de que no nacionalismo frontista no que toca ao Estatuto ninguén vai querer exercer de Michael Collins e facer unha política do posíbel e non só do desexábel.
Todos queremos máis, pero darémonos por contentos con menos sempre e cando non teñamos nós que pagar a conta. Un maximalismo de obxectivos que paradoxalmente ten que ver máis con condición subxectivas que con condicións obxectivas. O discurso dunha importante facción do nacionalismo está dirixido a convencer aos propios nacionalistas de que non se pode pasar por menos que un Estatuto de nación; a cousa estráganse porque con ese magnifico e autorreferencial discurso non conseguimos nin influír nin convencer á base electoral do PPdeG nin a do PSdeG, amplisimamente maioritarias neste curruncho verde, e nin moito menos vencer as resistencias ideolóxicas dos deputados conservadores que son, á fin de contas, ps que teñen a chave dos dous terzos necesarios para ratificar un novo texto.


Autoidentificarse ou autodeterminarse?

Pouca indicencia pode ter agora afirmar que as normas legais non serven para fixar identidades, senón conxuntos de dereitos e obrigas, recursos e capacidades decisionais e que o debate sobre o «carácter nacional» resólvese fundamentalmente nun plano extra-normativo. Agás neste anormalizador Estado español, os Estatutos de autogoberno non definen o que son os seus usarios senón o que poden facer. Cando se levou o debate sobre o dereito á autodeterminación ao Parlamento de Galicia, o presidente Fraga contraatacou ofrecendo autoidentificación. Agora coma un novo cid, Manuel Fraga vese vitorioso despois de estar politicamente morto. O debate non é o do estatuto como norma de
autodeterminación senón como texto de autoidentificación.
Un estatuto de autogoberno substancial e radicalmente enriquecido nas súas capacidades e poderes que non etiquete a Galiza como nación é moito máis preferíbel que un Estatuto de Nación cun fráxil sistema de financiamento; calquera estatuto que saia do consenso reformista a tres banda será, en principio, mellor que o actual, asentará indiscutibelmente maiores posibilidades para a expansión dos poderes e recursos gobernamentais do país, faranos máis nación. Isto é unha evidencia que nos negamos a ver.
Hai outra cuestión menos evidente, pero moito máis debera contribuír a afinar as estratexias estatutarias do nacionalismo. Galiza ten máis capacidades nas súas institucións que na súa sociedade civil e estamos un pouco aburridos de saber que as nacións verdadeiramente se autodeterminan sobre a base da súa sociedade civil e non das normas xurídicas ou as etiquetaxes identitarias, aínda que todo axuda e nada sobre. O debate que nos cómpre é o que dinamice esa sociedade civil que aínda non se sabe dona do autogoberno, das súas posibilidades e dos seus recursos para construírse como nación. Deixar de ser unha nacionalidade histórica para ser unha nación con futuro depende menos dos debates identitarios que das políticas concretas que se poden exercer desde o autogoberno. O dilema non é ser ou non ser nación senón se contamos cos recursos políticos e civís para poder ser nación. Sabémolo ben todos, pero ninguén parece estar disposto a poñerlle ese axóuxeré ao gato estatutario que de non mudar de estratexia seguirá miañando e pedindo a lúa inutilmente.

Sem comentários: