01/09/2006

Cara ao equinocio

A nave aos poucos baleirase. R. marchou hoxe para entregarse a súa aventura equinocial. Se os clientes son minimamente amadores da beleza, haberá de irlle ben, moi ben. Que a fortuna lle multiplique graciosamente toda a xenerosidade que ela inviste. Pasou unha tormentosa e intensa tempada mirando pola caligrafía das nosas imaxes. Como noutrora fixera Penélope, teceu píxeles para dar cor e forma aos nosos ollos. A diferenza da raposeira grega, R. remataba sempre as súas faenas dixitais sen agardar polo retorno serodio de extraviados viaxeiros. Foise cunha presada de amigos e amigas deibaxo do brazo e cun fardel ateigado de agarimos e ilusións. Ela sempre gustou de propoñer viaxes por espazos indómitos, hoxe sentimos algo de tristura por non poder acompañala nesta súa nova singladura de indomesticábel liberdade. Sempre terá un porto de recalada na querencia da nosa desorganizada cuadrilla de albaneis da información. No malecón, uns sentimos a anguria da despedida, outros teñen as maletas a medio facer, ela xa partiu.

2 comentários:

Indómita disse...

Con algo de medo, toupeando por novos vieiros, R comeza esa viaxe cara ao equinocio, mais leva de equipaxe unha saca de lembranzas e, como vostede ben di, un bo feixe de amigos.
R é consciente de que o sino a levou preto de vostede para recuperar a fé na xente, que é no único no que se pode crer; para decatarse de que hai olladas amables no día que o fan merecedeiro de ser vivido e de que os soños, por estranos que parezan, sempre se poden facer realidade.
Pídolle unha cousa, que siga a iluminar a cova co seu sorriso e os pensamentos dos que o rodean coas súas palabras...
...gracias por ser guía nese pexego xigante, gracias polas verbas doces sobre este pequeno verme.
Non o esquecerei nunca, R.

Ian disse...

Haille pouca luz na cova, unicamente a que entra pola porta cando alguén novo marcha... Xa sabe onde nos ten... ben preto. Moitas grazas polo seu galano axudaronn a tornar boas moitas xornadas malas. Bicos