21/09/2006

Pequeno, grande, imperio e nación

Ferran Sáez Maezu, nas Culturas de La Vanguardia, repara no ensaio Grandes imperios, pequeñas naciones que Josep M. Colomer entregou á fábrica de Herralde. Achéganos unha lectura amábel e empática para presentar a tese nuclear de Colomer. Non é orixinal, pero é certeira: grandes imperios e cativas nación son dúas realidades emerxentes, determinantes do máis próximo futuro.

Fronteiras mutantes e democracia afianzadas delimitan un escenario político que fai posíbel o autogoberno de comunidades de pequeno tamaño agora liberadas dos corsés da moeda propia, do seu inevitábel exército e mesmo da blindaxe alfandegaria das súas fronteiras económicas. Estes agromantes espazos de autogoberno amplíanse além dos patróns esgotados dos vellos Estados-nación.

O estado de carimbo westfaliano non dá para máis: demasiado cativo para garantir un tramado económico e produtivo solvente para garantir unha provisión sostíbel e equitativa de bens e servizos aos seus cidadáns; demasiado grande para animar procesos participativos e estruturas democraticas tan eficaces como accesíbeis ás demandas da sociedade civil.

A asociación supranacional, obviamente, non ten porque desembocar nunha forma imperial, moi ao contrario a República imperial é unha organización política antagonista e non catalizadora dunha democracia sólida, esixente e fundada na participación dos seus cidadáns. O Imperio encora sempre o exercicio das soberanías plurais que aniñan no territorio do seu dominio.

Ferran Sáez formula a pregunta –«Que significa hoxe a soberanía?»– e ofrece unha contundente resposta: «Estar ou non estar na mesa onde se toman as grandes decisións. Colomer e Sáez non se extravían: esa mesa é a Unión Europea. Colomer vai un pouco máis alá: «Un catalanista [léase tamén galeguista] consecuente debería ser «máis europeísta, máis atlantista». Non concordo. O atlantismo é un dos principios activos do Imperio. O europeísmo pode ser unha eficaz vacina para protexer a nosa democracia e as nosas capacidades de autogoberno fronte á absorvencia negadora e autoritaria do Imperio, de calquera imperio, teña este a súa capital en Washington ou en Bruxelas.

5 comentários:

Nygard disse...

Permítame suxerir que o que o imperio de capital Bruselas é cualitativamente diferente que o de Washingtong... aínda que poida ter aspectos coincidentes.

Por outra banda, fáltalle a vostede unha capital que quizais lle máis sentido ao que di o señoriño: Madrid.

(Aínda que eu non sei ao que ben o atlantismo, a menos que se refira a AL).

fucafuca disse...

O COLECTIVO LITERARIO SACOU estrea web.

Depois de 8 anos de existência, traslada agora a sua laboura mais efémera à rede.

www.sacou.blogspot.com

Desde onde se poderam lêr textos dos seus membros, opinións e actividades deste grupo literario pioneiro em Galiza.

Ian disse...

Saiba que aprezo a diferenza bruxeliana pero confío en que a súa forma sexa unha democracia republicana e non unha unha republica imperial. Madrid xa foi pero nunca máis volverá ser capital imperial e o atlantismo desgrazadamente mira cara o norte e non cara o sur de América. Son cousas destes nosos tempos...

Nygard disse...

En relación ao de Madrid permítame unha metáfora do que penso que necesita o nacionalismo galego no que se refire ás relacións internacionais: Ryanair é unha bendición porque nos permite ir a Europa sen pasar por Madrid.

Efectivamente o do Atlantismo non o comparto e penso que non debe ir no mesmo paquete que o Europeismo.

(vén con "v" non con "b": un dos problemas das novas tecnoloxías é que todo o aceleran e non hai lugar para a reflexión de vagar; nin sequera perdoa á ortografía, máxime con compulsivos natos).

Ian disse...

O de Ryanair é unha bonita metáfora, certamente.