15/07/2009

Pensar cansa

Hai uns días puidemos ler en Público un artigo de Carlos París sobre as relacións entre linguaxe e ideoloxía; un terreo no que, para a súa idea, as forzas conservadoras desenvolveron unha batalla soterrada, bastante exitosa, para desactivar «a linguaxe criticamente realista da esquerda» e remudala por «formulacións encubridoras» dos graves problemas e inxustizas que padece a Humanidade.

Lakoff fixo de Non penses nun elefante un dos últimos best sellers ideolóxicos. Nel dá conta da vantaxe da dereita como consecuencia do triunfo da súa política de asignación de renovados valores a palabras vellas e a etiquetaxe de vellos valores con novas palabras. Na «loita de frases», liberais e neoconservadores van moito por diante de calquera e de todas as familias de pensamento da esquerda.

Sen ánimo de molestar a ninguén, a fin de contas as liñas que seguen non son outra cousa que unha autoinculpación, quería dicir que, no que nos toca, ás dificultades se explican en gran medida porque nos nosos libros de cabeceira da última década non estivo, entre outros, o Non penses nun elefante de Lakoff senón un apócrifo e simple Non penses! Tamén se explica porque pensar cansa. E a forza de pouco pensar, perdemos a iniciativa na sonada batalla de ideas, a que por certo adoitamos acudir con ideas de batalla estratexicamente ben pouco afinadas.

Fatigas e pexas

Á parte da fatiga, hai outros problemas que atender. Unanumo sinalou un que é limiar: «As ideas novas rexéitanse porque hai que facerlle un lugar entre as vellas.» Por iso hai ideas vellas que deben ser xubiladas por vía de constrinximento, entre outras, a falsa conciencia de que a esquerda ten «unha linguaxe criticamente realista» e esa outra extraviada crenza «idolóxica» que afirma a superioridade intelectual da esquerda sobre a dereita.


Coa ollada na súa biblioteca, Fernando Savater escribiu un cruel memorial, para si pero tamén moitos de nosoutros.; falando de expurgar libros dos andeis anota:
Os únicos dos que prescindo sen a mínima reticencia son os volumes do inacabábel marxismo e o seu materialismo dialéctico. Deixando á parte unhas cantas cousas do propio Marx, o resto deses «clásicos» primarios e secundarios, os Lenin, Mao, Garaudy, Althusser, Marta Harnecker, mesmo moito de Lukács e demais compaña, resultan hoxe inimaxinábeis como posíbel relectura: aínda peor, parece incomprensíbel que os lésemos algún día do remoto pasado. Son incompatíbeis coas mínimas pautas de ecoloxía intelectual.
Desculpen a acritude da cita pero hai uns días estiven de exploración polo faio da casa e non me dou quitado da cabeza a imaxe de libros de temática semellante e mesma autoría que permanecen encaixados no seu esquecemento.

Dáme o corpo que, en xeral, a linguaxe da esquerda e o nacionalismo non é precisamente a da crítica realista, senón outro galo nos cantaría. E as últimas malleiras electorais confirman que esa desintelectualizada dereita pensa dun xeito concreto, pouco especulativo, e altamente operativo cando se trata de mobilizar vontades e votos. E iso que, como adoitamos santificar, a dereita non ten un «proxecto de país» para Galiza. Imaxinemos se o chegan a ter. Mellor sería que aceptemos de vez que teñen un proxecto para o país aínda que a nós non nos guste un carallo.

Resistencias a pensar para o cambio

A comezos de xullo, Science Daily fíxose eco das conclusións dun amplo estudo publicado por Psychological Bulletin que subliña que os humanos tendemos a buscar preferentemente información que confirme os nosos puntos de vista e que rexeitamos numantinamente aqueles datos que non o fan.

Estatisticamente, a actitude de rexeitar aquilo que non encaixa no noso preconceito de realidade duplica o da aceptación dos datos contraditorios e novidosos respecto das noas ideas previas. Afinando máis os especialistas afirman que as actitudes cognitivas contrarias a asumir perspectivas distintas, negar todo o novo ou o que non encaixe nas estruturas e mapas mentais predefinidos pode chegar mesmo ao 75%.


Pensar cansa, pero para «pensar para cambiar» temos que salvar aínda moitos máis obstáculos, comezando por esa negativa inconsciente a aprender dos datos da nosa contorna. En conclusión, «pensar para cambiar» é aínda moito máis fatigoso.


O entusiasmo co que recibimos a tribuna «Ideas para a esquerda» de Daniel Innerarity é, por exemplo, un bo indicador de que a seca intelectual comeza a ser percibida, por un público maior, como un problema central da solvencia e sustentabilidade das ofertas da esquerda. A súa achega é reveladora, tanto como a existencia doutros estados carenciais como o apuntado por Arume dos piñeiros: «falta argumentario contundente para seducir ao tribunal e asemblea galega que ten que emitir xuízos ou promulgar leis. Falta belixerancia, combate, litixio, e sobra lirismo, mostración, e, como din os rétores con intención aguda, literatura».

Menos mal que xa estamos no ecuador do verán, un tempo para recuperar forzas e pensar o novo curso, especialmente se se quere mellorar a
s perspectiva políticas; a advertencia sisuda de Raymond Aron, agudo e prolífico pensador (liberal), non admite moitas réplicas: «Pódese manter o poder sen ideas, pero non se pode recuperar sen ideas.»

1 comentário:

Anónimo disse...

RA é moi agudo, pero dubido que esa frase que se cita estea entre os pensamentos agudos. FS pode tirar o que queira, pero dubido que na súa etapa analítico-ácrata lera moito ese tipo de libros. O catecismo da MH ou as parábolas althusserianas poden ser historia, pero non esquezamos que os cristianos eran unha forza transformadora na Roma "dos romanos" (hai unha cousa que se chama contexto, pero claro pode non estar de moda). E, por certo, ler o catecismo (cristiano ou taoista), o mesmo que a Biblia (católica)
axuda a non dar saltos savaterianos.