24/07/2009

O paraugas de Berlusconi

Berlusconi é un amador do risco na camaza de Putin e fóra, na política e nos negocios. Segundo unha sondaxe de La Repubblica, o seu índice de popularidade, tras a última vaga de escándalos, rebaixouse catro puntos entre maio (53%) e xullo (49%). Un desconto menor se temos conta da que lle está chovendo. As mínimas recuadas do seu crédito cidadán son bastante abraiantes e, aínda que no Estado español tampouco son inéditas, hai que poñerlle cabeza para explicarse semellante capacidade de resistencia.

Cal é o seu paraugas? Con trazo groso debúxanse dúas explicacións. A primeira fai referencia á alta blindaxe informativa de Berlusconi, dono das maiores empresas de comunicación de Italia. A segunda insiste en que Il Cavaliere é un modelo de éxito que a inmensa maioría da poboación desexaría imitar, unha empatía cidadá que o protexe eficazmente da súa erosión política por graza duns excesos, desbaldes e desmandos dos que moitos desexarían ser actores protagonistas.

Quizais sexa por combinación de ambas as dúas polo que se manten (maiormente) incombustíbel. Por xunto ou por separado, coiraza informativa e padrón de éxito banal son trazos relevantes da sociedade da ignorancia da que nos fala Antoni Brey e na que «os reality shows, o deporte espectáculo, a pornografía sentimental, o lecer banal ou a exaltación da fama pola fama conforman o groso da grella televisiva actual».


Simplificando, o paraugas, o maior éxito, político e empresarial, de Papi Silvio é a produción desa grandiosa fábrica mediática que lle permite seguir destilando liderado a partir da ignorancia, do non saber e do non querer saber. Mentres non crebe, ou se faga crebar, a súa factoría de soños e espellismos, Berlusconi poderá seguir fachendeando: «Io vinco sempre, sono condannato a vincere.» Condenados estamos nós e, sobre todo, eles.

2 comentários:

arume dos piñeiros disse...

Non sei eu se os alardes eróticos de Silvio, coñecidos agora por toda Italia por boca da que en termos eufemísticos en italiano moderno chaman escort Patrizia D'Addario, non lle darán aínda máis prestixio. Sería o colmo dos colmos.
Á marxe da indecencia xa extendidísima de gravar as intimidades da xente, mesmo dun tipo especialmente repugnante.

Ian disse...

Sospeito con vostede que as fazañas na camaza empinarán o seu prestixio por causa dos vasos comunicantes entre o poder erótico e a erótica do poder.