Teño para min que o debate sobre o financiamento autonómico parécese cada día máis ao famoso programa televisivo «Cifras e letras» que conduce Paco Lodeiro coa axuda de Iolanda Castaño e Xurxo Mira. Xuntar palabras compartidas como criterios do modelo é moito máis doado que pechar a caixa da repartición dos fondos. Hoxe, Albino Prada ofrece unha sintética exposición respecto das porcentaxes que asisten e ancoran a Galiza no debate do financiamento.
En «Disparando aos reloxos» poño en evidencia o estreito abano no que estamos instalados, oscilando entre ese 6 por cento que apenas consolida o peso demográfico de Galiza no Estado e ese 8% que é o recoñecemento máximo que se nos fai nos investimentos estatais. E fago repaso das pexas que herda Feijóo como consecuencia das políticas que abandeirou antes de ser presidente de Galiza.
Albino Prada apunta outros dous valores extremos; un á baixa: o 5 por cento que suma a nosa achega ao PIB; outro á alza, o 9 por cento do quiñón galego nas exportacións da economía española. A súa recomendación é que o goberno galego debe aproveitar con intelixencia o 8 por cento dos investimentos e, ao tempo, impulsar unha política propia que mellore posicionamento dos nosos produtos nos mercados exteriores, vía imprescindíbel para engordar o noso morno 5 por cento na creación de riqueza no Estado. Sobre ese zócolo de xeración de riqueza termos máis marxe de negociación en futuras reparticións dos fondos estatais. Unha estratexia de futuro que hai que asumir como imprescindíbel dun autogoberno maduro.
Pola miña parte, creo que a Feijóo lle toca gobernarse cunha negociación na que pexan negativamente moitas das estratexias previas do PPdeG.
En orde de importancia crecente.
En primeiro lugar, a devaluación propagandista que fixo dos avances do Bipartito en materia de investimentos e competencias, ao PPdeG todo lle parecía pouco e insatisfactorio. Esa consideración abaixada de importantes logros entre 2005 e 2008 é un lastre de ingratitude que, de fracasar a negociación, contribuirá a engordar negativamente a súa rendición de contas.
En segundo lugar, a fabulación dunha xeopolítica de intereses que facía (e fai) a Cataluña responsábel de todas as carencias do sistema. Galiza non negocia con Cataluña senón co Estado e, cando gobernou o Estado, o Partido Popular non fixo nada por mudar a estrutura fonda do actual sistema de financiamento que se basea no principio de repartición e non na procura da converxencia en termos de riqueza e benestar. O financiamento é pésimo non por Cataluña senón porque nin é solidario nin garante a igualdade de oportunidades e condicións de Galiza e outras comunidades menos desenvolvidas.
En terceiro lugar, o veto do Novo Estatuto que entalou a Galiza nun autogoberno con teitos competenciais de hai máis dun cuarto de século mentres outras comunidades accedían a estatutos de autogoberno de segunda xeración con maiores competencias que comportan maiores achegas financeiras. O PPdeG foi o partido do Estatuto do 81 como expresión dun «autogoberno suficiente» que agora corre o perigo de se tornar nun «financiamento insuficiente».
Hai marxe para a emenda se o presidente fai valer o consenso das forzas galegas e o apoio da nosa sociedade civil ao redor do 7,1% e fai a súa argumentación desde a responsabilidade e non desde o vitimismo. A disxuntiva é clara: tócalle xestionar as nosas demandas de financiamento como unha «cuestión de estado» decisiva para o futuro de Galiza ou tentar facernos aceptar resignadamente unha aldraxe como a do pretendido Estatuto de 1979 agora plasmada nas cifras de financiamento coma antes foi na letras das competencias. No primeiro caso non estará só, nos éxitos ou nos fracasos. No segundo, todo descrédito irá á súa conta.
06/07/2009
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário