23/07/2009

Do retrogoberno á Galiza Potemkin

John Berger converteu o bulldozer na icona das políticas regresivas. No primeiro trimestre de mandato de Núñez Feijóo, o bulldozer traballou a todo gas. A demolición dos logros e símbolos do goberno bipartito foi o fío condutor da política primeira dun presidente que solemnemente anunciara: «Nós non vimos derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores.» Á luz da intensa política de deconstrución na que se prodigou Feijóo e compañía, pouco debeu ser o que o goberno do PSdeG e BNG fixo ben.

En Caderno de paso fago balance trimestral e prognostico o próximo proxecto da dereita no goberno: a construción da Galiza Potemkin á imaxe e semellanza da política tsarista desenvolvida en Crimea a fins do século XVIII. Os instrumentos do novo espellismo gobernamental para a campaña outono-inverno han ser o Xacobeo, o Plan Galicia 2.0 e a nova reprogramación informativa da CRTVG: asfalto, cemento, requintadas programacións cosmopolitas de cartón pedra e vídeos apoloxéticos.

Até que non comece con entusiasmo a propaganda das glorias e ventureiros logros do Quinto Presidente, os «conservaduros» seguirán dándolle gas ao bulldozer e uso á bóla de demolición. O bulldozer seguirá amoreando entullos institucionais e lexislativos e a bóla seguirá esnaquizando todo trazo de identidade e solidariedade que fique ao seu paso facéndonos abanear entre un presente demoledor e un futuro arrepiante. Mentres a parroquia hooligan, civil e mediática, non deixará de corear o sabido «Non pares, non pares!!!», e todos eles, familia feliz, gabaranse de que iso é gobernar ben un país.