
Na clausura do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, Feijóo deitou palabras que a unha boa parte dos asistentes lle pareceron de todo menos amigábeis. Con ese suceso como estampa dunha nova decepción, matino en «Disparando aos reloxos» sobre a estratexia marrada do presidente de facer amigos galeguistas.
Galeguismo meeting point
Malia o discurso da cordialidade e a integración, aínda está por saberse da primeira iniciativa do actual goberno que poda ser etiquetada como «galeguista» e sobran declaracións e actuacións de contrarreforma que en nada axudan á normalización da lingua e a cultura galega. Tampouco pode cualificarse como exitosa a súa pretendida política de recrutamento de galeguistas independentes para pluralizar os cadros do goberno, fóra da incorporación de Anxo Lorenzo, unha notábel excepción que perde valor exemplar xa que cada día que pasa Lorenzo parécese máis ao soldado Ryan, un home de valía para a familia galeguista que, á espera de rescate, sobrevive tras as liñas inimigas. Fernández Albor e Fraga tiveron moito máis engado galeguista nos seus gabinetes.
Sobre o papel non é difícil concibir o galeguismo como un espazo de pluralidade, de diálogo e mínimo común denominador ao redor do noso país e os seus desafíos e, mesmo, como principal plataforma para a transferencia e converxencia de ideas ao servizo de Galiza, para pensar os nosos problemas en clave de país e procurar solucións integradoras das achegas das diferentes marcas partidarias. Tamén é verdade que baixo pavillón galeguista trafícase con diversos e pouco clarificados fretes, desde a simple descentralización administrativa do rexionalismo forte a un galeguismo que se sitúa, segunda feliz expresión do finado Cuíña, na fronteira da autodeterminación.
Mentres non remita a retropolítica lingüística do goberno do PPdeG e non se reconstrúa o consenso basal que respectaron (máis ou menos) os anteriores presidentes e gobernos, vai resultarlle difícil a Alberto Núñez Feijóo prosperar en seducións galeguistas. Oficia na actualidade de zapador que non de arquitecto do pretendido «meeting point» e, de seguir así, Feijóo acadará un triste recoñecemento: será o primeiro presidente de Galiza que remate o seu mandato sendo menos galeguista que cando o comezou.
Tampouco hai motivo para que se estrañe se a súa pretensión de fosilizar e museificar a lingua e cultura galega activa movementos de resistencia e mesmo de disidencia, e tampouco debería abraiarse se a disensión galeguista remata por botar raiceiras en sectores do propio Partido Popular, moi especialmente entre os que xa foron derrotados (cuiñistas) ou nos que están chamados a ser os vindeiros derrotados (baltaristas).
Cerebros ao servizo do país

Posibelmente nunha sociedade normalizada Attali leve razón, pero nun país como este tan demediado todo resulta moito máis difícil; máis aínda se o galeguismo remata por converterse no que Bauman cualificou como «ideoloxías de gardarroupa», un complemento de quitar e poñer segundo as circunstancias, e se o destino dos cerebros galeguistas é someterse a unha política de lobotomización cultural e lingüística. Jacques Atalli caeu na tentación da oferta de Sarkozy pero é máis que dubidoso que se entregase ao galeguismo minguante de Feijóo.
Sem comentários:
Enviar um comentário