15/07/2006

Todo o sólido...

Expoñente senlleiro do fatalismo optimista, o novelista Ross Thomas tiña claro que «para que algo mellore, primeiro ten que empeorar». Quizais ese sexa tamén o sortilexio do BNG. Tras a constitución da Alternativa, chega agora a silandeira confirmación dunha disidencia na UPG compostelá que sacode os equilibrios de forza internos na CIG e ameaza o tranquilo reinado de Suso Seixo. Co inicio do ano crebou a UMG e agora a firgoa cismática fende de novo a prácida hexemonía dos coroneis.

Cisma sindical

Hai malestar no mundo sindical do nacionalismo que entende que o BNG debe ser, na Xunta e nos gobernos municipais, unha correa de transmisión da CIG e que desespera pola brandura das políticas e o rebaixe ideolóxico da propia UPG que ve, agarda e deixa facer até ter un balance electoral na man que lle permita reclamar cabezas e acurtar a autonomía da inteligentzia do nacionalismo gobernamental.

Os disidentes novos sinalaron o horizonte doutrinario que, sen dúbida, comparte a fracción sindical: «cremos que existe un espazo político no seo do Bloque que non está suficientemente ben representado. Un espazo que mire aos movimentos sociais nacionalistas respeitando a súa autonomía, que represente os intereses das clases populares, que se implique na construción dunha comunidade nacional que resista á unifomización españolista, que colabore na criación de medios de comunicación próprios e alternativos, que se implique na apertura de locais sociais nacionalistas e que acredite na mobilización, na loita e no traballo de base como ferramentas imprescidíbeis para a liberación nacional e social da nosa Patria.» Linguaxe doutrora que o franciscorodriguismo só emprega na súa liturxia congresual e nas festas patronais.

A UPG xa ten algo do que (pre)ocuparse. A orde de batalla que se preparaba para a vindeira Asemblea Nacional queda trastempada cada día que pasa. O escenario era ben simple, unha oposición renovadora e socialdemocratizadora, morriñenta en boa medida das formas da partitocracia dos felices tempos do Proxecto Común, enfrontariase a un bloco dominante armado polos xestores nacionalistas da nova Xunta, pola UPG e polas as súas forzas auxiliares (PNG) e compañeiros da súa viaxe cara a ningures. Á nova clase política do nacionalismo faría o papel de falanxe de contención fronte ao empurre dos renovadores da Alternativa e do beirismo aínda non ben organizado. Aos quintanistas tocáballes poñer o seu minguado quiñón de lexitimidade renovadora ao servizo do status quo que gorentosamente monopoliza a UPG. As cousas empeoran e só así poderán mellorar. O cisma obreirista obrigará á UPG a mover peza. O único que teme Francisco Rodríguez é unha ruptura do partido guía. A erosión que lle producen abandonos e disidencias poñen en cuestión o seu liderado plenipotenciario e, sen ameazar polo de agora, a arquitectura do seu poder achegan inestabilidade e botan impertinente luz sobre a doutrina acomodaticia do marxismo-leninismo menos marxista-leninista de toda Europa.

Sen Leste, sen Norte

Damnificado polo derrumbe do socialismo realmente inexistente, sen Leste, a UPG concluíu a súa particular fin das ideoloxías: nin esquerdas, nin dereitas, nacionalismo como termo medio virtuoso. Nese non-lugar querese instalar até a eternidade ao BNG. A clave nacional substitúe a todo o demais e todo o demais é moito: a necesidade dunha práctica democrática radical, o pulo emancipador dos novos movementos sociais, os ensaios da hiperpolítica en rede, o ideario comunitatista da ONG, o republicanismo civilista... por non insistir máis na necesidade dun pensamento de esquerdas chamado a refundar os principios de liberdade, igualdade e solidariedade.

Todo o sólido esvaece no aire. Esta frase dun Marx que endemal xa non se leva, sintetiza felizmente, os efectos deconstrutores que exerce, sobre o tecido social, as organizacións e as tradicións culturais, a emerxencia das leis do mercado na economía, da política e nas ideas. A dominante do mercado é que non hai alternativa. Así, a UPG ofrécelle ao BNG unha ideoloxía sen ideas practicábeis. Ideoloxía de gardarroupa. Ideas de tempada Inditex que só aguantan un curso político. Ideas para non pensar que non convencen nin tan sequera aos seus máis doutrinarios acólitos, por iso marchan porque queren ensaiar as (trastempadísimas) ideas cos que os aleitaron no partido da vangarda, no partido guía que coa caída do Imperio URSS perdeu o norte e todas os demais puntos cardinais en beneficio do seu embigo existencial: ser para parasitar o poder do BNG-sociedade, do BNG-aparato, do BNG-goberno.

O estado da cousa segue a empiorar. Quere dicir que se leva razón Thomas antes que tarde comezarán a mellorar... Non si?

1 comentário:

Nygard disse...

Resume ben atinado sobre as contradiccións ideolóxicas da UPG.
Mostra palpábel do que é para boa parte dos seus persoeiros: unha plataforma de control do BNG e, a nivel persoal, de promoción política. Gostaría de saber cantos anos hai que perderon a virxinidade moitos dos marxistas-leninistas, mesmo estalinistas, que agora pisan moqueta.

En fin, apliquémolo conto, deixemos que se agudicen as contradiccións... e que a quen lle toque, que faga a revolución.
Mentres, pódense ir preparando os vimbios do BNG de mañá, que boa falta lle fai.