15/08/2006

Einstein revisitado

O psicólogo neoiorquino Eric Larsson sostén, na «Contra» de La Vanguardia (14/08/2006), que Pablo Picasso ou Albert Einstein padecían unha forma particular de autismo que favorece o desenvolvemento de certos talentos. Na súa idea, «cada un concentrábase só nun único interese, e o resto traíalles sen coidado (...) Non desenvolvían máis habelencias que as do seu talento específico».

Leo, nestes días de tregua incendiaria, un texto einsteniano que discute a tese de Larsson. Lonxe de vivir aillado do mundo, focalizando unicamente a súa atención na física téorica, Einstein tiña unha visión crítica da orde capitalista e do tramado social, cultural e político que abeira e deixou constancia diso nun breve pero afoutado ensaio que titulou
«O socialismo nunha época de transición».

Ese texto foi recuperado por
Hacer Editorial que o publicou, en 2005, un mínimo volume que, baixo o título O socialismo e o futuro da humanidade, encaderna tres artigos que viron á luz na Monthy Review entre 1949 e 1989. Á achega, un tanto excéntrica, de Einstein únense dúas reflexións de afamados pensadores neomarxistas como son o finado teórico da cultura Raymond Williams e o economista Paul Sweezy.

O ensaio de Einstein apareceu no número inaugural da
Monthy Review en maio de 1949 e nel ofrécese como un socialista nada relativista que repara na que entende que é a esencia da crise do capitalismo: a relación antagónica entre o individuo e a sociedade; unha relación que anuda unha dependencia que «o individuo non experimenta como un factor positivo» xa que «os impulsos egoistas da súa personalidade se acentúan sen cesar mentres que os seus impulsos sociais, por natureza máis febles, se deterioran progresivamente» [pp. 22-23]. Esta contradición individuo-sociedade vese avivecida ademais pola «anarquía económica da sociedade capitalista» que «obriga a unha xigantesca comunidade de produtores a despoxarse os uns aos outros dos froitos do seu traballo colectivo, e non pola forza, senón en escrupulosa complicidade coa orde legal establecida» [p. 23].

Eistein non dubida á hora de sinalar que «non é a utilidade social senón a ganancia o que motiva a produción» e que «o móbil do lucro e a competencia» xeran inestabilidade, aleitan as crises económicas e supoñen o desbaldimento de enormes cantidades de traballo e a deformación da conciencia social das persoas. Ademais, tomando como referencia os traballos de
Thorstein Veblen, insiste en que aínda non se deu sobardado a «fase depredadora» dun desenvolvemento económico que consagra malfadadamente a mutilación da compoñente social dos seres humanos ao fomentar «actitudes esaxeradamente competitivas» e ao «reverenciar o triunfo en termos adquisitivos».

Para o pai da teoría da relatividade, «o verdadeiro obxectivo do socialismo consiste precisamente en superar a fase depredadora do desenvolvemento humano» e anota: «Estou certo de que só existe unha forma de eliminar estes graves males [que se derivan da organización económica en clave competitiva, lucrativa e depredadora], a saber, implantando unha economía socialista que vaia acompañada dun sistema educativo orientado cara a obxectivos sociais. Nunha economía deste tipo, a propia sociedade é propietaria dos medios de comunicación e utilízaos de maneira planificada.» [p. 27] Esa organización económica debe ter asemade na crenza de Einstein un correlato pedagóxico: «A educación do individuo, ademais de estimular as súas potencialidades naturais, intentará desenvolver nel o sentido da responsabilidade cara aos seus conxéneres, en lugar de glorificar o poder e o éxito como fai a nosa sociedade actual» [p. 27].

Con todo, e malia o seu suposto autismo, a Einstein non se lle pasaron por alto algunhas observacións intelixentes e críticas sobre as emerxentes tendencias da economía e a construción do socialismo de carimbo soviético. Así, enfatizou a dimensión planetaria da economía: «Non é esaxerado soster que, xustamente na época actual [en 1949] a humanidade constitúe unha comunidade planetaria de produción e consumo» [p.22]. Advertiunos contundentemente sobre os perigos da tecnocracia cientificista: «Deberiamos gardarnos de sobreestimar a ciencia e os métodos científicos no que se refire aos problemas humanos e de supor que os expertos son os únicos que teñen dereito a promunciarse sobre cuestións que afectan á organización da sociedade» [p. 17]. Apuntaba unha persistente interferencia económica na democracia mediática e subliñaba como o control privado das principais fontes de información fan «tremendamente difícil para o cidadán particular, e en moitos casos imposíbel, chegar a conclusións obxectivas e usar intelixentemente os seus dereitos políticos» [p. 25]. E alertábanos sobre a necesidade e urxencia de artellar contrapesos democráticos para limitar o poder da burocracia como «forza todopoderosa e suficiente» ao tempo que nos instaba a non esquecer que «economía planificada non é sinónimo de socialismo» [p. 27].


O ensaio de Albert Einstein remata ademais cun alegato en contra da materia nutricia do pensamento único: a acomodación das intelixencias e o medo a reflexionar libremente. «Na nosa época de transición, resulta de fundamental importancia comprender con claridade os obxectivos e problemas do socialismo. Tendo en conta que nas actuais circunstancias a discusión libre e sen inhibicións se convertiu nun poderoso tabú, considero que a creación da Monthly Review constitúe un importante servizo á sociedade.» [p. 28].


A Monthly Review continúa editándose e dando que pensar, e moitas das advertencias, críticas e reflexións debidas a Einstein, ese presunto social-autista, pese ao transcurso de case seis décadas, seguen intelixentemente vivas.

Sem comentários: