Malia a teimosía de Cesare creo pouco nas teorías conspirativas. En calquera caso unha mala teoría (conspirativa ou non) é sempre mellor que a falta da teoría segundo afirmaba o vello Engels. Ademais son amador da novela negra e do folletín policiaco e de aí que diante dun feito criminal sempre me asalte a mesma pregunta: Quen ten un móbil? Neste caso a pregunta é: quen son os principais damnificados pola nova política de extinción prevención de Medio Rural?
Quizais, como no conto de Edgar Allan Poe, as evidencias incriminatorias están á vista de todos e por iso pasen doadamente desapercibidas. Moitas veces, a visibilidade excesiva agocha paradoxalmente a evidencia.
A escea do crime e o modus operandi
Na actual ondada de lumes forestais, mantéñense moitas das características dos incendios de pasados anos: unha inmensa maioría son provocados, pero a súa multiplicación intencional, na proximidade de núcleos de poboación e das vías de comunicación de gran capacidade, procura desta volta xerar alarma social, ademais de colapsar os dispositivos de extinción dos fogos entalando os seus efectivos e medios na atención preferente do lumes de nivel 1.
Ademais dos danos ambientais e económicos, procurase causar temor e, da man do malestar cidadán xerado pola inseguridade, provocar o desgaste político do Goberno bipartito.
A campaña de lume de 2006 aléitase, de certo, de moitas causas, pero procura, á vista de todos nós, un obxectivo eminentemente político: o fracaso da nova política de prevención e extinción de incendios ou, máis globalmente, o derrame da política agraria e forestal coa que está comprometida a Consellaría de Medio Rural.
Quen son os damnificados pola política agraria e forestal e a nova estratexia de extinción de incendios? Quen se sentirían máis motivados polo seu fracaso? Beneficiarios evidentes, pero aparentemente invisíbeis, son os propietarios e axentes inmobiliarios que procuran, directa ou indirectamente, unha recalificación dos terreos ardidos; os (des)empregados da «industria dos incendios» e os alcaldes que xestionaron de modo clientelar, nos últimos dezaseis anos, as brigadillas de loita contra o lume. De ser os damnificados, ou os principais beneficiarios dun fracaso da nova estratexia de prevención-extinción, a ser os autores materiais dos incendios hai un treito inmenso.
Por iso cómpre insertar unha advertencia preliminar.
Advertencia preliminar
Todo o aquí escrito é ficción que imita á vida real. Nada do dito é certo ou deixa de selo. Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Non se dan nomes propios porque todo é anónimo. O que vén a seguir non é unha teoría, nin unha hipótese de traballo, simplemente é unha especulación, ou nin iso, é tan só a trama retorta dunha mala novela negra. Negra como a neboreira entolda o ceo da Amaía. Como o lume, as verdades incómodas queiman. Por iso non hai que xogar co lume. Nin coas verdades.
1. Os «apoderados» do lume e o tentador lucro inmobiliario
Por máis que falte aínda unha axenda precisa e programas plenamente operativos, a nova política de medio rural da Xunta de Galicia quere garantir os usos forestais e gandeiros dos nosos montes. A superficie de uso forestal supón o 70% das terras produtivas galegas cando no conxunto do Estado representa tan só o 38%. En Galiza ademais a superficie forestal arborada –fundamentalmente de coníferas, eucaliptos e caducifolias– duplica á estatal (o 34% fronte ao 17%), e os montes galegos incultos, abertos e colonizados polas matogueiras atinxen o 36% da superficie mentres que no Estado representan unicamente o 21%. Esta enorme reserva de recursos permítenos achegar máis dun terzo da madeira española, así como produtos de primeira transformación –aserrados e taboleiros– que suman, segundo algunhas estimacións, o 6% do noso PIB.
Nunha Unión Europea deficitaria en recursos madeirábeis, unha explotación racional e sustentábel dos recursos do bosque ben poidera ser un dos alicerces nos que estear novas estratexias produtivas para o desenvolvemento rural. Esta política bate coas preferencias dos axentes económicos interesados na recualificación dos usos desas superficies.
A tese é ben simple: vale máis o terreo que o que nel se produce. A desvalorización dos produtos forestais contrasta coas elevadas plusvalías e os lucrativos beneficios xerados pola actividade inmobiliaria. A conversión de amplas zonas forestais nun parcelario de solo urbanizábel sinala un apetecíbel «nicho de negocio», unha oportunidade que non se pode deixar pasar por alto.
O esgotamento do modelo de marbellización do litoral mediterráneo favorece que os ollos se viren cara os litorais menos saturados de Galiza. Adicionalmente, a concentración demográfica que se está a producir na Galiza da AP-9 multiplica a demanda de solos urbanízabeis no corredor A Coruña-Vigo.
Certo é que, segundo as leis vixentes, as superficies arboradas destruídas polo lume non poden ser recualificadas e han manter o seu uso orixinario durante 30 anos. Con todo, hai baleiros normativos e aplicacións máis que dubidosas do planeamento urbanístico que permite recualificacións máis ou menos camufladas.
Por outra parte, a destrución masiva de zonas de monte aumenta a «presión moral» sobre os lexisladores e un dos efectos da «economía da catástrofe» é sempre a liberalización dos corsés legais para facer efectiva unha compensación ás vítimas que, a poder ser, non recaia nos enfraquecidos tesouros do Estado.
Desprovistas os terreos de valor produtivo, como negarlles aos malfadados propietarios que, ao menos, unha parte das estragadas superficies arboradas se poidan tornar en terreos urbanízabeis? Como oporse se ademais sirve para fixar poboación a concellos en claro retroceso demográfico, cun importante quiñón dos seus habitantes moi envellecidos, que viven en situacións de vulnerabilidade social e cunha elevada taxa de dependencia respecto do servizos públicos de benestar?
A economía da catástrofe universaliza e sacraliza as excepcións normativas e, ao abeiro dunha compasión crematística, procurará ao medio prazo a reclasificación de terreos desbaldados polos incendios, xerando así unha bolsa adicional de terreos urbanizábeis a baixo prezo. Da catástrofe agromarán abultadas fortunas. Entre os antigos propietarios dos montes desfiuzados? Case que non, pero algunhas frangullas da grande torta inmobiliaria hanlles de chegar, isto é o mínimo que garante o mecanismo redistribuidor da economía da catástrofe.
2. Os perxudicados pola reconversión da industria do lume
Nas últimas décadas armouse unha potente industria do lume: en 2005 no Estado español facturáronselle 307 millóns de euros. O 66% do gasto público queimábase en labores de extinción, o 34% consumíase en labores de prevención. Desde 1989 a 2005 en Galiza dedicáronse ás tarefas de extinción ao redor de 800 millóns de euros. A existencia de incendios xerou perdas millonarias en bens económicos e ambientais pero tamén gorentosos beneficios para unha poucas empresas e intemediarios.
Desde o cambio de goberno adoitáronse unha serie de medidas –unhas máis tímidas, outras moito máis afoutadas– para impulsar a reconversión da industria do lume nun servizo de prevención e extinción. A facturación deixaba estar en relación coa variábel lume/extinción para desprazarse cara a variábel explotación do monte / prevención. Atendéronse con desigual dilixencia as recomendacións mil vez reteiradas para a preservación das masas forestais e a súa protección fronte aos incendios.
Para o ano 2006 a Consellaría de Medio Rural fixouse como obxectivo investir a mesma contía –50 millóns de euros– na explotación dos recursos forestais que no operativo para a apagar os incendios. En febreiro, Medio Rural despregábanse 150 cuadrillas -que integraban 1.100 persoas- en zonas de risco para atender tarefas de prevención, vixilancia e extinción de lumes. O período laboral das cuadrillas ampliábase de febreiro a setembro, concreción dunha vella máxima no sector: os incendios apáganse no inverno.
Outras medidas viñeron a por en marcha unha reorganización das unidades de intervención, negociacións e mobilización sindicais incluídas para desprecarizar as condicións laborais dos traballadores de extinción e axentes forestais. Tamén mudou o sistema de selección de persoal e os procedementos de contratación.
Cambiou substancialmente a composición das brigadas? Non o creo, cambiaron as súas condicións laborais (posíbelmente non tanto como que quixeran) e a relación coa administración contratante, e si quedou fóra dos case 5.000 efectivos que actualmente loitan contra o lume unha parte significativa dos antigos traballadores da industria do lume. Unha bolsa de descontentos que sinala o segundo gran segmento de damnificados polas decisión da Consellaría de Medio Rural.
3. Alcaldes desprovistos dun antigo recurso clientelar
O novo sistema de contratación e de convenios cos Concellos para a formación das brigadas de extinción neutralizou un dos máis clásicos recursos de redistribución clientelar. As brigadas de incendios cumpre a mesma funcionalidade que o Plan de Empleo Rural en Andalucía ou Estremadura. Crean un emprego precario e temporeiro que, porén, achega importantes ingresos a numerosas familias nos concellos rurais. A cambio fideliza en termos políticos e nese intercambio clientelar de favores por lealdades estéase o novo e o vello caciquismo. O repertorio de recursos clientelares é máis amplo, pero na tempada de verán a brigadas foron peza fundamental de suxeición política e social. Este tramado entrou en crise co cambio de goberno.
O desencontro de Medio Rural coa alcaldes do Partido Popular ven de vello. A paralización de 247 expedientes de obras decididas in extemis polo Goberno de Manuel Fraga puxo a Suárez Canal no punto de mira do todopoderoso sindicatos de alcaldes populares. Nas manifestacións enfervoadas diante do Parlamento de Galicia en novembro de 2005 berraban indignadísimos: «Con Suárez Canal o rural vai mal». Esta sorte de enemistades tardan en esquecerse.
Por iso a significación deste dato non é menor: 30 concellos, gobernados polo Partido Popular, negáronse a subscribir as condicións dos convenios con Medio Rural. A razón: a súa negativa a adaptarse aos novos criterios de contratación establecidos pola consellaría, baseados no seguemento estreito do proceso, con presenza incluída de técnicos da Xunta, e a esixencia de formación axeitada, co fin de evitar prácticas de clientelismo denunciadas en anteriores campañas contra o lume.
Alcaldes e redes clientelares diminuídas en recursos e capacidades sinalan o terceiro segmento de damnificados polas políticas de Medio Rural.
Advertencia final e reiterada
Todo o aquí escrito é ficción que imita a vida real. Nada do dito é certo ou deixa de selo. Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. O anterior non é unha teoría, nin unha hipótese de traballo, simplemente é unha especulación, ou nin iso, é tan só a trama retorta dunha mala novela negra. Negra como a neboreira entolda o ceo da Amaía. Como o lume, as verdades incómodas queiman. Por iso non hai que xogar co lume. Nin coas verdades.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
Concordo en boa medida coa súa historia de ficción agás con unha ou dúas matizacións.
Penso que a especulación urbanística non chega a causa relevante para explicar esta praga. Varias razóns:
- Se hai algunha zona con presión urbanística esa é a Mariña Luguesa. Pois ben, non sei nos últimos anos, pero este ano non aparece como zona afectada. A zona do Barbanza que arde é sobre todo a do interior (Lousame, Boiro e Rianxo pero na parte interior, etc), a que menos valor urbanístico ten.
- Pero, máis importante: Por que as inmobiliarias se arriscarían a chamar a atención presionando para a recalificación de terreos queimados cando existe terreo dabondo para recalificar sen ser dese tipo (terreos agrícolas abandonados, terreos agrícolas de minifundio na costa, etc? É dicir, os especuladores teñen ben onde especular, sin ter que contar co que arde anualmente.
Sobre o dos "despechados" (vaia epíteto tan castizo...), polo que se ve cobra cada día máis forza a importancia desa causa. Sobre iso habería que cuantificalo (cantos?) e despois, preguntarse (como un que coñezo eu moi crítico que sabe bastante do tema) por que non se tivo a habilidade política de sinalalos -sibilinamente- antes de convertírense en criminais.
O problema quizais non sexa a especulación senón a previsión dunha futura especulación. Esa bolsa adicional de solo non é despreciable. As inmobiliarias non creo que encendan os lumes e tampouco creo que sexan elas as que presionen para lograr a recalificación. Quen presionarán serán os propietarios. Para entendernos á larga as inmobiliarias actuarán de peristas comprando o ben natural que nos roubaron.
Non sei que pasa moi ben pola miña/nosa (creo) terra –a miña familia é orixinaria de Outes–, pero na Mariña de Lugo todo se relativiza pola existencia da rasa e porque dentro do que hai no país practicase a silvicultura dende hai anos e creo que tamén axuda a existencia dunha industria da madeira difusa pero que na comarca ten un certo peso.
En calquera caso, cando vaian caendo as probas, seguiremos falando. Apertas
Vaia sorpresa o de Outes! Xa me dirá vostede de onde exactamente!
En Outes, curiosamente, hai anos que levamos salvándonos da praga do lume cando é dos concellos que coñezo con maior masa forestal. Xustamente falabamos o outro día de por que, cando o monte alí tamén se atopa en estado de progresivo abandono, non ardeu. Non lle atopabamos explicación clara pero agora que nomea vostede o da industria da madeira difusa, é verdade que existe no concello unha forte tradición en canto a aserradoiros (varios deles superaron a forte crise das décadas pasadas).
Aínda así, non creo que en Lousame e no interior do Barbanza as cousas sexan moi diferentes (agás que alí hai gando cabalar e vacuno ¡!).
No do tema urbanístico... remítome ao dito, quizais puntualmente... pero na maioría dos concellos da costa hai terreo a moreas que non é forestal -nin tan sequera monte baixo- que os propietarios estarían desexosos de que fose recalificado e que ten moitas mellores "cualidades urbanísticas" que o que arde.
Mui boa esta explicación. Gústame.
Enviar um comentário