12/08/2006

Política de terra queimada

Cesare esta empeñado en facerme pai da teoría da conspiración, pero non creo que me dea convencido para que acepte semellante paternidade. Estratexia difusa (como afirma Vázquez Pumariño) ou concentrada (como el teima en imputarme), tanto me ten, pero estou convendido, iso si, de que hai é unha lóxica de intereses diferentes / complementarios / alternativos que constitúen un combustíbel delitivo suficiente para prenderlle lume ao monte todo. Que non haxa un centro reitor que organiza a tropa incendiaria e que funcione como franquía ou concesionario de resentementos paréceme secundario. Sería espectacular que a mafía incendiadora tivese unha única cabeza con capacidade para trazar e operativizar un plan tan maleficamente medido. Espectacular porque nun país no que predomina o microfundio organizativo e descoordinación como cultura resultaría abraiante dar semellante salto adiante estrutural.

Para a estratexia difusa abonda con espontaneismo, a imitación e unha complicidade suicida, e diso o país está provisto de máis. Hai poderosos intereses económicos, previsións de lucro, perda de ingresos previstos... Hai grupos e persoas descontentas, hai xente atrapada nos males da cabeza, hai sobradada capacidade para saber facer o mal moi ben, hai explicacións exculpatorias suficientes, hai omertá familiar para evitar que a desgraza tinture a todos os do clan. Hai, en definitiva, un sumatorio de recursos anticomunitarios o suficientemente grande como para soster unha política de terra queimada. Non creo que haxa un Plan Director da Política de Terra Queimada, nin tampouco o seu Consello de Administración ou Estado Maior.

Sospeito, logo, que o foco principal da desputa en torno á teoría da conspiración céntrase sobre se hai intencionalidade política en toda esta guerra de lumes e devasas. Non creo que sexa discutíbel que en converxencia coa campaña do lume está a campaña do Partido Popular que entende que esta é unha excelente ocasión para erosionar ao Goberno Bipartito (Algo máis claro que a tese fraguiana da correlación gobernos de coalición = máis incendios?). O partido dos conservadores desexa aproveitar a catástrofe para legalizar a súa política de desfiuzamento do monte galego e a santificación da industria do lume que axudou a crear. A súa base militantes está implicada activamente na descalificación revanchista de Nunca Máis, ao tempo que pretende rehabilitar aos seus dirixientes da súa incompetencia identificando a crise do Prestige coa guerra incendaria. E, en medio do caos, quere reforzar o papel salvador dos seus alcaldes cos ollos postos nas vindeiras eleccións municipais.

Trátase dese mesmo Partido Popular que se opon frontalmente ás tres políticas que a ofensiva incendaria quere levarse por diante: unha nova política de desenvolvemento que non nos desertice o monte e o rural, unha xestion sustentábel do territorio e os seus recursos; e a contención do urbanismo salvaxe.

Sen hai aire non hai lume. Ben que me gustaría saber quen achegaron as chamas primeiras que iniciaron esta guerra despiadada, pero non teño ningunha dúbida sobre quen lle dá aire, moito aire político e mediático. Son eses mesmos señores que nos desgobernaron durante décadas e que agora se ofrecen para salvarnos do lume, da incompetencia e da falta de políticas. Terríbel retorno ao pasado.

Estes días, as xentes das brigadas repítennos que ao lume nunca hai que perdelle a cara, que é un ser traizoeiros, que sempre quere gañar, e que non lle importa o prezo da súa vitoria. Magnifica definición da talentosa estratexia do Partido Popular. Ao eles tampouco se lle pode perder nunca a cara.

O principal efecto negativo da confirmación da trama incendiaria (difusa/concertada/concentrada –rísquese o que non proceda) é crer que todo o que se fixo está ben feito, que basta con persistir e non que non hai nada que emendar, corrixir e mellorar. Neste coma noutros moitos casos, queima máis a compracencia que a reflexión autocrítica.

4 comentários:

A.C. disse...

Sigo a dizer o que já dixem noutro blog: a superfície queimada é significativamente superior à, digamos, dos 5 últimos anos de governo de Manuel Fraga, como agora tentam fazer crer este e os seus acólitos do PP? Suspeito que nom, que é a mesma.

Penso que estamos ante o sinistro fenómeno estival de todos os anos. Só que nesta ocasiom concorrem duas estratégias propagandísticas em assinalar umha suposto salto qualitativo no fenómeno do lume estival:

a) a do PP, já assinalada, consistente no exagero dos incêndios e, portanto, da incompeténcia do governo actual, da excelência dos anteriores, e do nefasto das novas políticas da Conselharia.

b) a, na minha opiniom estúpida, de Suárez Canal, de exagerar a importância dos incêndios falando de "estratégias novidosas" e, sugerindo (se o entendim bem), um comploto político como causa destes incéndios para exculpar-se de que as suas políticas neste âmbito nom diminuiram a importância dos incêndios estivais na Galiza. O resultado é que magnificou a de por si já magnífica actividade incendiária.

Espero ter-me exprimido bem e e nom dar lugar a incendiários comentários de resposta.

A.C. disse...

Correcçom:

Queria dizer "a superfície queimada é significativamente superior à, digamos, média da queimada dos 5 últimos anos de governo de Manuel Fraga".

Se for tal como estava redigida inicialmente, superior à queimada nos 5 últimos anos de governo de M. Fraga íamos bons!

Ian disse...

Acouga paneleiro fálico que non haberá incendarias respostas. Aínda que houbese un complot as responsabilidades da Xunta non se verían minguadas. Hai carencias na política forestal. Hai moito máis que carencias no que toca á vixiancia. Hai excesivo propagandismo e pouca política, pero insistir en que non hai «novidades» nas estratexias dos incendiarios paréceme que non. Hainas. Eu lembro ben o anno horribilis de 1989 cando a outra vaga salvaxes de lumes. Ardeu o monte coma nunca, pero non se prendía coma desta volta. Se tes razón sobre a superficie media queimada nos tempos do PP, mellor. Pero, hai outras estratexias que unicamente procuraban crear estado de alarma social, desgaste do goberno e señerdades de tempos pasados que para eles foron mellores. Despois hai tamén o de sempre, neglixencias, xentes coa cabeza perdida e un monte abandonado e cheo de materia combustíbel. E fume, moito fume para non deixarnos ver...

A.C. disse...

A verdade é que sou incapaz de avaliar a magnitude comparada dos incêndios deste ano. Contodo, tendo a nom acreditar demasiado nas sensaçons subjectivas do teor de "ester ano foi mui seco" (mentres eu lembro-o mais bem chuvoso), o aumento da insegurança cidadá (rara vez acompanhado de parelho aumento da criminalidade real), etc.

Já veremos afinal como foi, supondo que as estatísticas da época PP forem verdadeiras, o que também me oferece algumha dúvida, mas nom tento nada melhor...