
Segundo a UNESCO, entre 1948 e 1999, houbo 1.831 «interaccións internacionais» referidas a cuestións hídricas, delas 507 foron conflitos, pero 1.226 foron instancias de cooperación, a partir desta constatación conclúen que, a pesar de ser un problema potencial, a historia demostra que, nas cuncas compartidas, o máis probábel é que prospere a cooperación que o conflito. Insístese logo en que non se enxerga un horizonte de crise bélico-hídrica ao curto ou medio prazo.
O xeógrafo estadounidense Aaron Wolf salienta que «estratexicamente, as guerras pola auga non teñen sentido. Loitando co veciño non se incrementa as reservas de auga, ao menos que un poida apoderarse da bacia hidrográfica do outro e despoboala sen correr o risco de terríbeis represalias». Outra cousa diferente é que a auga teña sido utilizada como arma e obxectivo de guerra en numerosas ocasións.

6 pingas que poden desbordar o vaso
A auga é un ben escaso, fundamental para o mantemento da vida e das principais actvidades económicas, desigualmente distribuído, utilizado de modo pouco eficiente e sustentábel. En torno á auga mantense un precario equilibrio que calquera pinga pode ser crebar.
- No mundo algo máis de 1.100 de persoas carecen de auga potábel, e calcúlase que en 2002 finaron 1,7 millóns de habitantes vítimas de doenzas relacionadas coa falla de agua potábel, saneamento e hixiene. Só nos países en vías de desenvolvemento estímase que o 80% das enfermedades están vencelladas á agua.
- A cantidade de auga dispoñíbel é estábel a súa demanda aumenta tan rapidamente como o fai o crecemento demográfico. Segundo o Atlas de Le Monde Diplomatique, no ano 2025 a demanda de auga será un 56% superior ao subministro e o promedio de auga doce dispoñíbel por habitante e ano será un terzo do cota actual e 1.800 millóns de persoas padecerán unha severa escaseza de auga e outros 5.000 millóns vivirán en rexións sometidas a water stress, isto é que enfrontan dificultades para satisfacer plenamente as súas necesidades hídricas.
- Como subliña Idalmis Brooks Beltrán existe un agudo desesquilibrio entre a distribución xeográfica da auga e a densidade de poboación: Asia suma 60% da poboación mundial e só atesoura o 36% dos recursos hídricos; Europa posúe o 13% da poboación e 0 8% da auga do planeta; son africanos o 13% dos habitantes do mundo pero unicamente teñen acceso ao 11% da auga doce; en cambio, en América do Norte e Central reside o 8% dos humanos pero contabilizan o 15% dos recursos hídricos; e en América del Sur onde vive o 6% da poboación localízase o 26% da auga.
- A partir dos datos do World Resources Institute, é posíbel catrografías un triángulo desde Marrocos a Sudán e Paquistán que delimita a rexión planetaria que estruturalmente está sometida a estrés hídrico ou en estado de severa escaseza; son case unha trintena de países nos que viven 500 millóns de persoas que promedialmente teñen ao seu dispor menos de 1.000 m3 de auga doce ao ano.
- O uso da auga é altamente ineficiente, segundo algunhas avaliación pérdese om 60% da auga que se extrae, evaporándose ou retornado de novo ás canles fluviais ou aos acuíferos subterráneos. O rego agrícola consome perto do 70% da auga captada en todo o mundo e, como se apunta no Atlas de Le Monde Diplomatique, nos próximos vinte anos o uso agrícola da auga aumentará ao menos nun 17%. A industria absorbe o 20% dos usos da auga e o consumo doméstico un 8%.
- Auga para todos, auga para a vida, o informe das Naciones Unidas sobre o desenvolvemento dos recursos hídricos no mundo, realizado en 2003, subliña que o cambio climático será responsábel dun incremento do 20% da escaseza de auga. Co cambio climático serán máis frecuentes as secas e as enchentas como consecuencias de ciclóns e chuvias torrenciais e a mingua dos caudais avivecerá a concentración das substancias contaminantes que reduciran a calidade das augas. O proceso de deterioro da auga vese agravado polo uso agrícola de fertilizantes e pesticidas, pero a contaminación de orixe doméstica ou industrial é singularmente alta nos países desenvolvidos. Segundo ese mesmo informe de Nacións Unidas, en 2003 contabilizábanse no mundo máis de 12.000 quilómetros cúbicos de auga contaminada.
Mercantilización da auga, a outra guerra
Vandana Shiva escribiu: «Guerras polo petróleo, guerras pola auga, guerras por terras, guerras atmosféricas: esta é a cara verdadeira da globalización económica e mais o seu apetito de recursos naturais que sobarda os límites da sostenibilidade e a xustiza. [...] Tamén a auga estase tornando nunha fonte de guerras na medida en que é privatizada e se tornou nunha mercadoría.»
En As guerras da auga. Contaminación, privatización e negocio, Vandana Shiva encadra globalmente o problema da auga no mundo actual, reparando no comercio internacional dos recursos hídricos tanto no que toca a súa captación, almacenamento ou reordenación dos seus usos. A autora hindú chama a atención sobre a súa sobreexplotación e contaminación, denuncia ao Banco Mundial e ao Fondo Monetario Internacional por impulsar a privatización dos servizos de captación, subministro e depuración e desvela as maniobras das grandes compañías para controlar os recursos hídrico, ao tempo que avoga por afortalar unha nova cultura e democracia da auga.
Como salienta Cristian Frers existen dúas grandes estratexias para o control dos recursos hídricos: a apropiación territorial e a privatización da auga; a primeira efectivízase mediante a ocupación de territorios con abondosos recursos naturais, mesmo a través de accións militares (A guerra de Iraq asegura non só o control estadounidense sobre as reservas petrolíferas senón tamén sobre as canles dos ríos Eufrates e Tigris, valiosísimos nunha das zonas hídricas máis vulnerábeis do planeta).
A segunda estratexia é a privatización da auga. Na actualidade unicamente o 5% das augas doces mundiais están en mans privadas. Un das batallas políticas máis decisivas do presente século será a categorización dos recursos hídricos como bens comercializábeis ou bens sociais vencellados a consideración do acceso á auga como un dereito fundamental dos seres humanos.

O Banco Mundial é unha peza clave na estratexia privatizadora coas súas políticas crediticias para reforma estrutural dos sistemas de augas nos paíess do Sur Global. O dato: o Banco Mundial prestou entre 1990 e 2002 19 billóns de dólares para proxectos relacionados co abastecemento e saneamento de auga, un terzo do investimento estivo condicionado á posta en marcha de procesos de privatización dos servizos de auga. A concentración dos investimentos do Banco Mundial nos grandes acuíferos planetarios está destinada a promover a privatización e conversión da auga nunha mercadoría.
Pola súa parte, as grandes multinacionais hai tempo que toman posición de cara ao prometedor mercado da auga deseñando estratexias de implantación en 72 países que atesouran importantes depósitos de auga doce. Nos grandes centros financeiros sábese e especúlase coa gorentosa explotación da auga. A revista Fortune definiuno expresivamente: a agua promete ser no século XXI o que foi o petróleo para o século XX.

As principais empresas deste lucrativo mercado son as francesas Veolia [antes Vivendi] e Suez [antes Lyonnause des Eaux], a alemá RWE, a británica Thames Water e a estadounidense American Water Works. Veolia subministra auga e servizos de samenamento a 110 millóns de personas. Veolia, no último exercicio, sumou ganancias por valor de 12.000 millónes de dólares; Suez lucrouse con 8.840 millóns.
O mito da guerra da auga


Un dos talentosos expertos reunidos en Estocolmo, Asit K. Biswas, do Centro do Terceiro Mundo para o Manexo da Agua, declarou respecto da guerra da auga: «É un sensentido absoluto, porque isto non vai pasar, cando menos nos vindeiros 100 anos.» Un século de tregua non é pouco, pero como o mundo avanza unha barbaridade de certo que o prazo será menor, apenas unhas décadas.
Uri Shamir, enxeñeiro hidrolóxico e membro do equipo negociador israelí no Proceso para a Paz en Medio Oriente, sentenciou: «Se existe vontade de paz, a auga non será un impedimento. Se se desexan razóns para loitar, a auga achegará amplas oportunidades.» Pola súa parte, Claude Lévi-Strauss dixo que «o mito é unha mentira que nos di unha verdade». Pois nesas mesmas estamos, o mito da guerra da auga é unha mentira que nos desvela unha verdade.
Sem comentários:
Enviar um comentário