Moitos políticos foron quen de forxar o seu liderado no decurso de agudas crises e durísimas catástrofes. Con afouteza enfrotaron a adversidade e as súas mensaxes foron un catalizador para identificar obxectivos, unir vigores dispersos e mobilizar aos cidadáns. Souberon coas súas palabras frear o desánimo e debuxar, no máis entoldado dos horizontes, esperanzas que chamaban á reconstrución do benestar, á defensa das liberdades ou a pular por un progreso compartido. As paroladas radiofónicas de Franklin Delano Roosevelt ou os discursos de Churchill cando a Segunda Guerra Mundial aínda son lidos hoxe con emoción. Cesaron as causas que os motivaron pero non os valores que souberon acubillar. Máis achegados no tempo, a dolorosa pero bragada xestión da crise do 11-S neoiorquino acrecentou a sona de Giuliani e mesmo Gallardón, na traxedia do 11-M, soubo infundir coraxe aos magoados madrileños.
George W. Bush no 11-S ou nas enchentas do Katrina, Aznar e tropa cando os atentados de Madrid sinalan outro proceder. En Galiza tamén temos sobradas mostras do comportamento evasivo. O omnipotente liderado de Manuel Fraga desgastouse grandemente por mor da súa cazata irresponsábel nos días máis negros do Prestige e os seus gabinetes en situacións de crise como no tempo das vacas tolas evidenciaron o seu apego á cultura da ocultación e a camuflaxe de responsabilidades. O baleiro ocupou o lugar do liderado facendo válido o principio de que os conservadores unicamente son bos para cando non hai nada que gobernar agás as rutinas.
Hoxe asistimos a unha mensaxe institucional do presidente Touriño. Unha comunicación cangada de banalidade e falta de concreción. Sen asomo de paixón, os seus parrafeos foron rutineiros e construíron un discurso a partir da materia que xa todos coñecemos. A destempo, as súas palabras nada novo achegaron para a identificación do problema e das súas causas, tampouco serviron para sinalar novas perspectivas. O presidente quixo deixarnos claro o momento en que asumíu o mando das operacións –na mañá do domingo día 6– e que estivo diariamente en permanente contacto con Rodríguez Zapatero. Agradécese, pero agardábase algo máis.
Se a posta en escea pretendía ampliar o seu perfil político como gobernante, tan só logrou ofrecer unha pobre e diminuída imaxe, a dun xestor subalterno e de obediencia debida ás capacidades do Goberno Central. Por outra parte, o noso presidente confunde compromisos con obrigas. Os seus «compromisos» non son outros que as súas obrigas institucionais: manter o dispositivo de extinción co maior número de medios; mellorar o dispositivo de prevención e o operativo de extinción; recuperar as zonas devastadas; arbitrar indemnizacións e atacar as raíces profundas do problema no que están implicadas as políticas forestais, a protección da paisaxe e a racionalidade urbanística.
Compromisos son outra cousa, son basicamente concrecións de obrigas. Compromisos serían fixar un mínimo de dotacións e medios para os equipos de extinción; compromiso sería fixar un prazo para a estimación dos males e a execución das indemnizacións; compromisos son aqueles que poñen ano e mes a elaboración dun Plan de Riscos e Prevención de Desastres co establecemento de protocolos claros para a atención das emerxencias e catástrofes; compromisos son, en suma, o adianto dunha batería de iniciativas para poñer couto ao urbanismo salvaxe e protexer os nosos bens naturais, para adiantar cales van ser os criterios para proceder á reforestación ou, por exemplo, indicar que políticas se van artellar para aproveitar a biomasa. Nada diso se asomou nas palabras presidenciais. Nada diso parece constar, polo de agora, na súa axenda política.
Os asesores de Pérez Touriño erran sistematicamente cada vez que queren engordar artificialmente o seu presidencialismo. Os deseñadores do Gran Home ofrecéronnos hoxe unha política liliputiense, diminuída e pobre, máis propia dun Delegado do Goberno que dun Presidente de Galiza. Con todo, hai que recoñecerlle que si marcou diferenzas cos que nos desgobernaron antes, pero iso a estas alturas só sirve para recibir o apoio dos que cren que neste país só é posíbel un cambio gatopardiano. En Liliput sería unha auténtica revolución, en Galiza representa un cambio mínimalista. Un gran paso para o Presidente, un paso demasiado curto para o novo goberno de Galiza.
14/08/2006
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário