25/08/2006

Problemas malditos

Petando, sen rumbo, na rede bloglobal vou bater cunha nova categoría de problemas, os denominados «wicked problems», algo así como «problemas malditos», «problemas malfadados» ou tamén «problemas fóra de toda escala». O categorizador do «wicked problem» foi o sociólogo alemán Horst Rittel (1930-1990) e, na súa idea, un wicked problem identifica unha situación problemática ou conflitiva que só pode ser resolta con representantes de todas as partes interesadas, comprometidos nun esforzo mancomunado para acadar unha maior e mellor comprensión do problema e procurarlle, mediante o diálogo, unha solución satisfactoria. Despois de Rittel, Jeffrey Conklin fixo unha nova aproximación aos wicked problems aos que xuntou os seguintes trazos:
  1. O problema maldito carece de regras, non está ben estruturado, de modo que non se dispón dun enunciado claro da cuestión crítica que se encara, é un problema que non se entende plenamente até que non se dá formulado provisoriamente a súa solución.
  2. Cada problema maldito é esencialmente único e inédito: neles converxen factores e condicións fortemente particularizadas, encadradas en contextos sociais moi dinámicos e cambiantes, polo que non hai dous problemas semellantes, de aí que as virtuais solucións sexan sempre moi singularizadas e pobremente xeneralizábeis.
  3. O problema maldito non se resolve satisfactoriamente nunca. As solucións a este tipo de problemas son correctas ou incorrectas, simplemente son «mellor», «peor», «bastante boa», ou «non boa dabondo», pero non hai solución definitiva ou excelente.
  4. As partes implicadas nos problema maldito adoitan ter visións do mundo radicalmente diferentes o que vén embafar a súa capacidade conxunta para enfocar o problema. Non hai unha solución indiscutíbel; de entrada pode haber solucións potenciais ideadas por unha parte que outra parte, ou todas as demais contrapartes, non aceptan por consideralas impracticábeis.
  5. As solucións a un problema maldito derivan de «operacións paso a paso», de modo que cada tentativa de solución ten consecuencias sobre a natureza do problema maldito primeiro. Ademais as achegas de recursos dispoñíbeis para atacar o problema, así como as súas limitacións de uso, son moi cambiantes e inestábeis ao longo do proceso de resolución. En cada operación de solución págase unha peaxe, un alto prezo, e xeranse efectos involuntarios que contribúen a acrecentar os custes das solucións futuras ou a facer máis complexo o problema. Así, cada nova solución que se ensaie resultará máis costosa e, sen desexalo, a árbore do problemas malditos farase máis enramada e mesta, cada ver menos acoutábel e máis impracticábel a súa solución.
Á luz das definicións e características dos wicked problems, non é complicado concluír que a listaxe de problemas malditos que nos ofrece Galiza é inmensa, por non dicir abusivamente que é infinita. Estou convencido de que unicamente mellorando as capacidades decisionais e relacionais do goberno galego e a súa disposición ao diálogo cos axentes sociais poderase minguar a entolemiada profusión de problema maldito. Non obstante, algúns problemas son máis malditos que outros. A vaga incendaria e a cuestión forestal pode encabezar con todo merecemento a listaxe de problemas malditos actuais. Hai moitos máis: o declive e envellecemento demográfico, a precarización como norma laboral e forma de vida, a insuficiencia participativa das organizacións e institucións que nos representan, a impotencia da Administración galega para ser un factor de modernización do país...

A maioría dos nosos problemas malditos fican fóra da axenda política, viven á marxe da procura de solucións e das políticas públicas institucionalizadas e convencionais. Durante as pasadas décadas a nosa axenda gobernamental foi tan selectiva como suicida. As preferencias norteáronse sempre polas rendas electorais doadas, non pola urxencia ou relevancia dos problemas do país. Non se investiu apenas en anticipación política e unha boa parte dos asuntos da nación foron e son abandonados como problemas durmintes que parecen só agardar a que unha nova e desproporcionada catástrofe nos acorde abraiados perante a súa brutal e crua existencia. Cando os «problemas malditos» deixan de ser durmintes é só para converterse nun cruel e desesperanzador pesadelo. Daquela, co medo, si que desperta do seu sono a nazón de Breogán.

2 comentários:

A.C. disse...

Excepto "a impotencia da Administración galega para ser un factor de modernización do país", o resto dos wicked problemas propostos nesta entrada nom os vejo nem tam wicked nem tam galegos. E nom digo que sejam fáceis de solucionar, e ainda menos polos galegos porque som problemas partilhados com toda a Europa EUesca. Teria que mudar o nosso entorno sócio-político e ideológico.

Quanto à "impotencia da Administración galega para ser un factor de modernización do país", é realmente o que se espera do Estado (ou do Estadinh que temos com a nossa 'autonomia') nestes tempos de liberalismo económico exacerbado? Mais ainda, é desejável que seja o aparelho do Estado e nom a sociedade o factor de modernizaçom dum país? Sou demasiado social-demócrata intervencionista como para responder que nom, mas nom me atreveria a desfazer-me do nom como resposta.

Ian disse...

Que existan noutros lares non os fai menos malditos, son especialmente malditos porque aquí nin constan como problemas, e sobre todo porque non hai unha consideración mínima respecto de que políticas se deberían practicar para palialos, non digo xa solucionalos. Canto ao papel modernizador da administración ou da sociedade pois que quere que lle diga, a administración galega é o maior investimento que realizamos conxuntamente os cidadáns galegos, que menos que axude na mellora do país, aínda que logo a sociedade faga a outra parte que lle toca. O Estadinho que temos en Galiza ten máis recursos que moitos Estados independente do Sur e do Leste Global, pero nin así cumpre coas funcións que ten encomendadas. En fin, que se non quere modernizar que non modernice, pero que tampouco nos instale nas inercias, que deixe facer seguindo o recto proceder dos liberais clásicos.