23/09/2006

Plan Cunqueiro, xa!

En Galiza, segundo reconto do Anuario económico de La Caixa, hai 25.000 bares e restaurantes; o 7,5% dos establecementos do Estado. Somos unha potencia hostaleira e restauradora, unicamente superada en números absolutos por Andalucía, Cataluña, a Comunidade Madrileña e Valencia.

Con todo, o crecemento do pasado exercicio foi cativeiro, apenas o 6,4%. Pola contra, o eixo do Levante medra desaforadamente. Coro Chasco, unha das autoras do informe de La Caixa, sinala: «Os crecementos son maiores na zona mediterránea, onde o bo tempo anima á xente a vivir de portas para fóra, e nalgunhas zonas como Navarra, onde hai tamén unha forte tradición do tapeo e a boa mesa.»

E nós logo non?
Para non perder folgos no Estado precisamos urxentemente dun Plan Cunqueiro para a recuperación e desenvolvemento sostíbel da hostalaría galega, baluarte estratéxico da nosa economía e identidade colectiva, pero preferimos enlearnos con Estatutos de nación. Definitivamente, non temos amaño... Xabi ponme outra.

22/09/2006

Pesadelos

Des que a vin, deixei de mercar perca no Carrefour. Hoxe, día doutros pesadelos, pásana pola pantalla cativa. A cinta do austriaco Hubert Sauper roubache o alento, non deixa que peches a conciencia e forza, afortunadamente, unha ollada limpa que nos permite saber dunha historia ideada no mesmísimo inferno. A tolemia do lucro sen couto, a depredación do medio e o futuro, a desactivación de toda esperanza, o esmagamento desmedido de toda dignidade e dereito, o tráfico de morte e fame, a imposición do perxuízo como fe, a incompetencia asasina das autoridades narcotizadas pola avareza, a impunidade criminal dos podentes e dos seus contramestres, a complicidade do mundo da orde e o benestar... Materias todas dos moitos pesadelos do Sur Global. Argumento do pesadelo de Darwin e do inferno insomne da maioría da humanidade. Non de todos.

Saída

Hai tempo escribiu: «Este é un espacio baleiro. Non teño necesidade de dicir nada. Quizais só necesito buscar a saída correcta da cidade, antes de que estean todas cortadas polos operarios do asfalto.» Agora si que ten razón: deixounos hoxe cun infinito espazo baleiro. Xa atopou a saída correcta da cidade. Hai tanto que dicir, pero non será dito. De cando en vez bote a ollada atrás, sentirá os pasos latexantes da súa nosa tribo. Será inmensamente libre e, ao tempo, estará amarrado a nós pola corda da amizade e a memoria. Ninguén dos nosos vai aliviarlle eses atumes; ao contrario, apertaremos con firmeza os nos. Que a fortuna faga como a maré, que o leve e nolo traiga de volta, axiña, urxentemente, unha e outra vez. Desista, nunca se poderá ir tan lonxe como para que deixe de estar con nós. Non insista.

21/09/2006

Pequeno, grande, imperio e nación

Ferran Sáez Maezu, nas Culturas de La Vanguardia, repara no ensaio Grandes imperios, pequeñas naciones que Josep M. Colomer entregou á fábrica de Herralde. Achéganos unha lectura amábel e empática para presentar a tese nuclear de Colomer. Non é orixinal, pero é certeira: grandes imperios e cativas nación son dúas realidades emerxentes, determinantes do máis próximo futuro.

Fronteiras mutantes e democracia afianzadas delimitan un escenario político que fai posíbel o autogoberno de comunidades de pequeno tamaño agora liberadas dos corsés da moeda propia, do seu inevitábel exército e mesmo da blindaxe alfandegaria das súas fronteiras económicas. Estes agromantes espazos de autogoberno amplíanse além dos patróns esgotados dos vellos Estados-nación.

O estado de carimbo westfaliano non dá para máis: demasiado cativo para garantir un tramado económico e produtivo solvente para garantir unha provisión sostíbel e equitativa de bens e servizos aos seus cidadáns; demasiado grande para animar procesos participativos e estruturas democraticas tan eficaces como accesíbeis ás demandas da sociedade civil.

A asociación supranacional, obviamente, non ten porque desembocar nunha forma imperial, moi ao contrario a República imperial é unha organización política antagonista e non catalizadora dunha democracia sólida, esixente e fundada na participación dos seus cidadáns. O Imperio encora sempre o exercicio das soberanías plurais que aniñan no territorio do seu dominio.

Ferran Sáez formula a pregunta –«Que significa hoxe a soberanía?»– e ofrece unha contundente resposta: «Estar ou non estar na mesa onde se toman as grandes decisións. Colomer e Sáez non se extravían: esa mesa é a Unión Europea. Colomer vai un pouco máis alá: «Un catalanista [léase tamén galeguista] consecuente debería ser «máis europeísta, máis atlantista». Non concordo. O atlantismo é un dos principios activos do Imperio. O europeísmo pode ser unha eficaz vacina para protexer a nosa democracia e as nosas capacidades de autogoberno fronte á absorvencia negadora e autoritaria do Imperio, de calquera imperio, teña este a súa capital en Washington ou en Bruxelas.

17/09/2006

Vésperas asemblearias

A aposta de Quintana por elixir delegados para organizar o debate da vindeira Asemblea Nacional bateu cun mundo de resistencias que eran teimosamente previsíbeis. Topelou coas incercias dunha tradición organizativa que santifica máis o asemblearismo do que garante a democracia interna, co cálculo defensivo dos grupos minorizados que temían ver acalada a súa voz, e coas resistencias da todapoderosa UPG, sabedora de que tería que mostrar a súa invisíbel proposta política nas asembleas locais para poder sumar apoios na escolla dos seus delegados... E, con todo, a derrota de onte ten un arrecendo a vitoria.

Democracia, máis que delegados

A construción do novo BNG de certo hai de ir máis alá da escolla de delegados que se propón e pasa por garantir a igualdade real de oportunidades entre todos os militantes. Na fronte do nacionalismo vale o sarcástico aforismo que establece que todos os militantes son iguais, pero que algúns son máis iguais que outros. A tan repetida como enganosa idea de que a maioría dos afiliados non pertencen a ningún colectivo ou partido do BNG só serve para agochar unha realidade asimétrica e cruel: o acceso a información e aos recursos da organización están basicamente xestionados pola UPG no seu tradicional papel de ama de chaves e a súa hexemonia consolídase, fundamentalmente, na disuación da participación dos inconformes, disidentes ou críticos. Onde máis inviste a UPG é en eivar o xurdimento de calquera corrente con capacidade de discutir a súa maioría precaria. As asembleas non deciden nada, debaten menos e son foros de participación mediada e recluída pola orde hexemónica da UPG. Un espellismo de democracia devaluada, unicamente válida para o asentimento.

Esgotando minimalistamente a marxe dos debates, os que só teñen a voz espida para defender as súas ideas, apenas teñen que facer no bandullo da balea nacionalista. A Asemblea Nacional, cos seus rounds previos, sinala os únicos momentos de debate. Tradicionalmente, a dixestión das novas ideas é pesada e chea de acideces e malos humores. O quietismo político e organizativo está mal compaxinado coa apertura ideolóxica e coa, aínda máis amolante e necesaria, apertura cara á sociedade non-nacionalista.

Equilibrios precarios

Durante unha década a arquitectura partitocrática do BNG liofilizou o debate político, e acomodou a participación a un formato dual: atomización das opinións pola base e representación de grandes intereses no cumio. Nas organizacións locais a UPG tivo mans libres para exercer o seu papel de anticoagulante ideolóxico, para combater calquera posición política crítica e, apoiándose nun nada neutral aparato, cooptar a mais altas instancias decisorias a unha minoría de utilitarios compañeiros de viaxe. Por arriba, deixouse facer a un Beiras bonapartista, situado por riba do ben e do mal goberno do Bloque, sen ataduras nos dicires e presenzas públicas, pero encorado nas súas capacidades decisorias no tocante á organización. No cumio, cunha participación desigual de todas as tribos lográbase amortecer cun pluralismo de baixa intensidade os excesos uniformizadores da UPG. A pluralidade nominal poucas veces foi enriquecida coa diversidade e contraste de políticas, pero a cousa funcionou nun tempo de bonanza e expansión electoral que non se quixo, ou se soubo, aproveitar para modernizar a estrutura de participación política da fronte nin para ampliar a súa porosidade social. Había máis preocupación por sumar electores que por abrir o BNG a novos cidadáns e militantes.

A renovación fallida

O ciclo de renovación que abriu a IX Asemblea fendeu as bases da organización partitocrática pero adiantou poucas solucións realmente practicábeis para a garantir unha real participación política no BNG. O balance é lamentabelmente pobre. Un liderado máis aplaudido na sociedade que na organización (Quintana), unha organización central (UPG) que vive parasitariamente da organización de todos (BNG) , a fosilización dos colectivos e partidos do Proxecto Común (EN, PNG, Inzar...), a súa extinción (Unidade Galega) ou esnaquizamento (Non-Adscritos...); a confirmación dunha imposíbel cohabitación de liderados (Quintana-Beiras) e o estrañamento da dirección doutros tempos (López Rico, Suso Veiga, Feixoo...). Ademais afiánzase e amplíase a molecularización dos vigores renovadores: quintanistas, camilistas, beiristas... Un novo escenario de fragmentación por arriba e por abaixo que unicamente beneficia á UPG transmutada que deixou ser o partido-guía para ser simplemente o único partido realmente existente no BNG. Os debates son medidos e demediados, as propostas fráxiles e os diálogos internos callados de desconfianzas. A paisaxe política dunha organización instalada na súa crise.

Nova andaina

Os xornais presentan un equilibrio de forzas no Consello Nacional, cunha UPG amenazada no seu dominio. Para iso serviu a destemida proposta de democracia delegativa de Anxo Quintana. Tamén achegan a insólita imaxe de Esquerda Nacionalista e os camilistas, do espazo difuso da Alternativa, e dos beiristas votando coa UPG fronte á proposta quintanista. Máis que unha paradoxa, é un sinal de que algo non se fixo ben. O quintanismo fortalécese se evidencia a súa capacidade de clarificación e integración. A súa capacidade de ilusión democrática é directamente proporcional a súa capacidade de inclusión respecto das plurais vontade renovadoras que acolle o BNG. A súa potencia para gañar o futuro medra coa súa habilidade para cancelar erros do pasado, os seus e os dos outros.

Onte Quintana ganou perdendo. Queda por saber se pode gañar, gañando. Para iso terá que gastar en acordos coas outras familias renovadoras, tamén haberá de desfacerse das tentacións bonapartistas e procurar un diálogo coa militancia non aliñada e, sobre todo, coa que está na periferia do BNG e no BNG-sociedade. Está obrigado a sumar pluralidade para poder desequilibrar cos seus efectivos as moitas inercias participativas que pexan o BNG. Ten ademais que explicitar cal é o seu proxecto político ofrecendo unha visión de conxunto que vaia máis alá de audaces accións puntuais, o BNG necesita un novo proxecto, un renovado programa e outro núcleo dirixente. Quintana terá que convencer, non baseándose na súa imprescindibilidade como lider senón amosando cal é o seu equipo, cales son as súas ideas e como é o seu modelo de organización. Agora que xa se puxo en marcha, non hai paso atrás posíbel; se realmente quere mudar o BNG non estará só na súa andaina; só ten que facer o que a UPG é incapaz de facer, mobilizar novas ideas, garantir participación e pluralidade e abrir novos diálogos cos afiliados que están dispostos a cambiar o nacionalismo para cambiar o país. Non é fácil, pero o esperanzador é que non é imposíbel.

16/09/2006

Vendima

Despois de entregar unha das partes máis gozosas da colleita deste ano, imos regalar a tarde a unha adiantada vendima. Haberá aínda unhas cantas horas de luz para andar nas latas apañando acios, machucar as uvas e entregalas ao lagar, e para logo transvasar mostos e bagazos a pousóns bocois. Tamén para admirar a sabedoría milenaria de Mucha que se irmana coas tecnoloxías do século XXI e coas viaxes fantásticas de Samuel ás adegas da Mancha seguindo as rotas do INSERSO e don Quixote. A casa gobernada por xentes de idade é un tesouriño de vivencias desfiuchadas que ben amalloadas achegan o memorando da Galiza campesiña que aínda non foi vencida polos anos, nin polas políticas de desfiuzamento do agro. Baixo os coidados de Lina, na herdade dos Mouriño, aínda se vive unha ledicia prácida, unicamente pautada polas horas de luz e o Sintrón, mentres a tarde e o viño pingan vagarosamente nas terras do Salnés.

12/09/2006

A leal oposición

Como é de leal co xogo democrático a nosa dereita? Tanto coma así, indiscutíbel proba dos altísimos valores democráticos que enriquecen ao PPdeG na nova ruta centrista, reformista e galeguista que encetou Núñez Feijoo. De certo que Alberto o Virtuoso amonestará a súa executivísima secretaria de organización, María Dolores Faraldo. («Esas cousas dinse, non se escriben, miña xoia.») Canto máis terán feito que aínda non saibamos. Aquí se lle poden mandar as flores á leal oposición en agradecemento polo seu xentil xogo limpo. Se non houbese unha dereita tan democrática, habería que inventala.

09/09/2006

Bell canto

Na mesma mesa xantamos varios operarios da nova administración galega e da innovada empresa privada. Entre as talladas, un completo inventario das moitas inercias que entalan ás organizacións (tamén ás políticas) e ás administracións, impotente compendio de rutinas e incapacidade para a aprendizaxe e o cambio. Desgrazado escenario para ensaiar calquera caste de voluntarismo. Por cabo, un cruel dito cosaco sinala a ruta que magoantemente estamos obrigados a seguir: «Nunca trates de ensinar a cantar a un cabalo. Perderás o teu tempo e amolarás á besta.» Imponse o realismo equino, cómpre comezar a queimar as partituras.

Economía 2007: cambio de tendencia?

Nostradamus achégase cun cartafol de intraquilizantes previsións económicas. En 2006 o crecemento económico mundial medrou un 5,1%, pero de cara a 2007 hai «unha entre seis posibilidades» de que só faga por debaixo do 3,25%. Na zona del euro, o FMI estima un crecemento do 2,4% para o presente año e do 2% para 2007. Alertan: «Ollando cara ao futuro, a tendencia á alza do emprego e dos salarios é modesta, o que sumado ao limitado avance nas reformas estruturais, implica que as perspectivas de crecemento seguen sendo limitadas.»

Ninguén quere profetizar abertamente un ano de vacas fracas, pero o futuro preséntase entoldado, incómodo, desacougante. Advirtésenos sobre o encarecemento da cesta da compra como consecuencia do crecemento sostido da inflacción, ademais é certo o aumento dos custes da enerxía empuxado polo aumento do prezo do barril e das taxas que cobran as empresas eléctricas que aspiran a incrementos do 5% en 2007. Outras amenazas alcistas pesan sobre o alcohol e o tabaco se prosperan as políticas de converxencia fiscal animadas pola Comisión Europea. E, como non, haberá que apandar coa desbocada estampida do Euríbor, que xa acadou no pasado agosto o 3,61%, e sucesivos encarecementos do prezo do diñeiro.

Aínda que o ritmo de crecemento da economía do Estado medrou moi satisfactoriamente en 2006, comezan acenderse luces vermellas que parecen indicar que hai que prepararse para un outono quente e, máis aínda, para un inverno atroz. Nada alegraría máis a dereita que o retorno ás políticas de carestía de vida e o fracaso do proceso de paz en Euscadi. En calquera caso, pase o que pase co proceso negociador, haberá que seguir furgando no fondo da saquetiña dos cartos.

08/09/2006

Dos nosos tempos

«Vivimos hoxe. Mañá teremos unha imaxe do que foi o presente. Non podemos ignorar do que foi o presente. Non podemos ignorar isto, como non podemos ignorar que o pasado foi vivido, que a orixe do pasado é o presente. Lembramos aquí, hoxe. E non debemos arredar o que somos capaces de imaxinar do que somos quen de lembrar. Imaxinar o pasado. Lembrar o futuro. [...] Non podemos esquecernos sen condenarnos a nós mesmos ao esquecemento. Debemos manter a historia para ter historia. Somos as testemuñas do pasado para seguir sendo as testemuñas do futuro. Daquela decatámonos de que o pasado depende do noso recordo aquí e agora, e o futuro, do noso desexo aquí e agora. Memoria e desexo. Memoria e desexo son imaxinación presente.»

Esta vacina, pensada para sandarnos do baleiro e dos horrores dun presente que amenaza con fender os nosos afectos roubando as súas raíces, foi sintetizada por Carlos Fuentes nas páxinas de Tempos e espazos. Non ten contraindicacións. Non ten data de caducidade. E é moi eficaz contra a tentación de arrincar páxinas á vida e, sobre todo, para vencer de vez o ilusorio espellismo que nos anuncia que podemos vivir felizmente instalados nunha tabula rasa –sen identidade, sen memoria, sen desexos, sen futuro– no Mundo Global, no Mundo-Alzheimer.

07/09/2006

Dogmatismos clásicos e modernos

O señor que pensaba isto, de certo que nunca alternou nunha universidade galega, non se (mal)tratou coa nosa nomenklatura política nin frecuentou os cenáculos eruditos do noso país. «Entre os modernos, en vez deste universo racional aberto por principio ás empresas do coñecemento e a acción, temos un saber e unha arte difíciles, cheos de reserva e restricións, unha representación do mundo que non exclúe firgoas nin lacunas, unha acción que dubida de si mesma e, en todo caso, non fachendea de lograr o asentimento de todos os homes. [...] Os modernos non teñen o dogmatismo, nin a seguridade dos clásicos, xa se trate de arte, coñecemento ou acción. O pensamento moderno ofrece un dobre carácter de inconclusión e ambigüidade.» Así falou na radio e deixou anotado en O mundo da percepción. Se frecuentase as aulas da nosa Academia, os foros e asembleas públicas ou as tertulias da intelectualidade patria tería unha percepción distinta. Posibelmente a contraria. Os clásicos galegos son un prodixio de reserva e restricción, os modernos están feitos dunha única idea, indiscutíbel, indestrutíbel, irrebatíbel, invencíbel. Ou non, vai ti saber.

Martelo


Para combater a tentación de impoñerlle a mesma solución a todo canto problema asoma na vida laboral (e outras); a cita é de Abraham Maslow: «Imaxino que é tentador, cando só se dispón dun martelo, tratar calquera cousa coma se fose un cravo.»

02/09/2006

De viños con don Álvaro

Na mesma expendiduría onde Cesare apaña información para a súa finisemanal folla de ruta suíza, eu apreixo El pasajero en Galicia de Álvaro Cunqueiro. Regálome o gozoso reencontro cunhas páxinas que amasei felizmente no tempo en que me dediquei a balizar editorialmente a Galicia Enteira que escolmou o pacientoso Xosé Luís Laredo Verdejo. Cando se necesitaba unha tallada de poderosa imaxinación se procuraba na inesgotábel artesa de don Álvaro, ningunhas coma as súas pezas para mapear a invisíbel materia dunha paisaxe, recoller a instantánea caligráfica dunha ruta ou padalear os marcos gastronómicos dunha boa mesa.

Ao sol da pedra de Compostela, enceto a larpeira lectura da fabulosa inventariación das baiucas galegas que o bon-vivant mindoniense escribiu, cangado de señerdades, para a revista Finisterre en 1946. Alí se confesa: «Día a día, contaremos a historia dunha taberna, que será quizais, ao mesmo tempo, un mapa culinario do país e un catálogo dos seus bebedores. Eu non sei beber só; teño que amigar con alguén para poder darlle despois a unha xerra o seu, man a man, cos parrafeos e pausas que cómpre. Por iso fixen moitos amigos por esas tabernas de Deus...»

Na baiuca de Rulo en Riotorto, o cativo Álvaro aprendeu a botar contas, na de Póngalas a beber bebendo; na compostelá do Padre Benito fermentaron os mellores anos da súa fantasía, no Casal de Acuña descubriu que era como beber na ponte dun navío; no Pozo do Goiro, lugar acasarado entre souto e carballeira, foille ensinado que o augardente do país era unha auga tenra, boa para destetar; e na Estaca de Bares, onde se ordenan os rumbos mariños na fronte cantábrica de Galiza, atopou a Manuel Lorito, taberneiro enchoupado en augardente, descendente de negreiros, que tiña unha fantasía tan desatada coma a do propio don Álvaro, segundo nos relata un abraiado Cunqueiro.

A gorentosa e enciclopédica recuperación tabernaría interrómpese coa chegada do verán de 1946. Coma no caso dos ignotos continentes a cartografía das tascas galegas fica inconclusa e o catálogo dos seus bebedores pérdese nunha clandestina e invisíbel desmemoria. Ao cabo da súa breve lectura, o lector chama por máis deses lugares fantásticos, desexa máis amadores de bocois e cuncas, quere catar máis vidas trenzadas co marabilloso, inzarse con máis taniscos da delicatesse erudita do experenciado don Álvaro.
É unha mágoa absoluta da que só tes repós reiniciando a marcha; quedan por diante moitas páxinas de xeografías imaxinadas e reais, endemal moitas hoxe perdidas e extraviadas, pero sempre recuperábeis na prosa engaiolante do Cunqueiro cronista e nas historias esmorgantes de don Álvaro.

01/09/2006

Cara ao equinocio

A nave aos poucos baleirase. R. marchou hoxe para entregarse a súa aventura equinocial. Se os clientes son minimamente amadores da beleza, haberá de irlle ben, moi ben. Que a fortuna lle multiplique graciosamente toda a xenerosidade que ela inviste. Pasou unha tormentosa e intensa tempada mirando pola caligrafía das nosas imaxes. Como noutrora fixera Penélope, teceu píxeles para dar cor e forma aos nosos ollos. A diferenza da raposeira grega, R. remataba sempre as súas faenas dixitais sen agardar polo retorno serodio de extraviados viaxeiros. Foise cunha presada de amigos e amigas deibaxo do brazo e cun fardel ateigado de agarimos e ilusións. Ela sempre gustou de propoñer viaxes por espazos indómitos, hoxe sentimos algo de tristura por non poder acompañala nesta súa nova singladura de indomesticábel liberdade. Sempre terá un porto de recalada na querencia da nosa desorganizada cuadrilla de albaneis da información. No malecón, uns sentimos a anguria da despedida, outros teñen as maletas a medio facer, ela xa partiu.

Situación diplomática

O debate político propiciado polo Partido Popular en Galiza, e no Estado aínda moito máis, leva camiño de instalarse de vez nun deses absurdos disparatados que a Hegel lle gustaba cualificar como «situación diplomática»; isto é, un estado no que as palabras significan dúas cousas (polo menos) e onde as cousas non se deixan nomear cunha única palabra. Cada vez que valoran un problema, iniciativa gobernamental, proposta lexislativa ou ofrecemento ao diálogo, obrígannos a aceptar os termos desquiciados dunha «situación diplomática»: palabras como consenso, colaboración ou negociación significan dúas cousas distintas e, ás máis das veces, na súa boca significan exactamente o seu contrario. Cando recorren ás grandes palabras: Democracia, Estado, Seguridade, Tolerancia... sempre lles falta esa outra palabra que lles dá o auténtico sentido que para eles teñen: Democracia autoritaria, Estado centralista, Seguridade vixiada, Tolerancia cero... Non hai dúbida, cada vez son máis demócratas... orgánicos.