A comezos de abril, compartimos con Bouzafría e familia uns días feirados nas terras da Paradanta. A casa familiar acubilla unha biblioteca que foi arrebatada ao trapeiro e que semella suspensa no tempo da transición política. Máis de dous centos de volumes de editoriais, coleccións e revistas nas que fixen unha boa parte das miñas lecturas de adolescencia: Argos Vergara, Ruedo Ibérico, a colección «Reno» de Plaza y Janés, Grijalbo, Galaxia e, como non, Bruguera. Non podían faltar tampouco exemplares de Tiempo de historia e Historia 16. Literatura, clásicos e outros novísimos que xa nesta hora son clásicos, historía divulgativa, xornalísmo de investigación, memorias e obras de pensamento político. Alí descansan en ordenada anarquía Jack Kerouac e León Trotsky, Risco, Llorenç Villalonga e Sven Hassel, acaroados, entre outros, a Curzio Malaparte ou Harold Wilson.
A ollada detívoseme en Cabos sueltos de Enrique Tierno Galván, unha edición de Bruguera-Zeta de 1981. Unhas memorias que o vello profesor renuncia a etiquetar como tales para outorgarlles, en cambio, a modesta condición de ser fíos de lembranzas desnobelados sen maiores pretensións. As súas letras comezan co golpe militar contra a República e ponlles fin cunha cea compartida con Felipe González na que se decidiu a converxencia do PSP co PSOE en 1978.
Don Enrique tivo unha vida intensa e hai un mundo de cousas en Cabos sueltos que poderíamos reseñar. No capítulo 30 détense a comentar a aparición de El País que cualifica como «un xornal liberal, discreto e equilibrado» e do que salienta que se converteu «en certo modo, no orientador da clase dirixente en canto ao descubrimento do camiño máis sensato e moderado» e nun «espello de equilibrio e xuízo». O vello profesor non economiza gabanzas: «El País representaba o liberalismo permanente, e aínda, malia todo, representa se non o liberalismo permanente, si cando menos a crítica obxectiva e neutral fronte ás posicións que se exceden do tolerábel».
O eloxio ten moito máis mérito xa que Tierno Galván non deixa tamén de consignar a súa queixa amigábel: «Ao PSP, El País nunca lle foi propicio [...] Ao chegar as eleccións, o xornal inclinouse abertamente polo PSOE, como partido socialista maioritario, e contribuíu a que se debilitara o noso partido. Pensaría, creo eu, o elenco político do diario, que os partidos menores facían máis dano que ben á política nacional.» Hai unha última afirmación do vello profesor que ten un valor engadido nestes días: «El País presentouse ponderado na exposición e correcto canto á delimitación das fronteiras do permitido moralmente e do non permitido.»
Dáse por certo que o xornal madrileño negouse a publicar, o pasado xoves, unha columna dun dos seus máis brillantes xornalistas, Enric González, que contiña a seguinte afirmación: «Calquera día, en calquera empresa, van rebaixar o soldo aos obreiros para financiar a ludopatía bolsista dos donos. Xa sei que esaxero, que esas cousas non pasan».
Entristece saber que esas cousas pasan e produce arrepío comprobar a susceptibilidade dos donos de PRISA. Pero o que máis dano fai é verificar que as fronteiras entre o que está moralmente permitido e o que non semellan estar, a estas alturas, esvaecidas cando non borradas de vez nese medio que, noutrora, foi un espello de equilibrio e xuízo. Triste de asombrar. Como para deixar de ir ao quiosco.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
É de madrugada e fago un descanso. Non abrín os libros de Larsson nin os abrirei en vindeiros días. Estou abducido polas historias da Ala Oeste, xentilmente prestadas polo pirata zanfonista.
Sobre Enric: é para min o mellor columnista agora que hai no Estado. ¿Columnista? Escritor, simplemente. Moi altamente recomendabeis as Historias do Calcio.
El País: Non sei se é porque xa nos facemos maiores pero sinto que hai tempo que non é o que era. Mantense no escalafón máis pola impericia e descrédito alleo que pola súa renovación.
Tierno: Lembro que me emocionara un artigo laudatorio que lle fixera a el (e a Jordi Pujol) o difunto Lázaro Carreter na páxina 3 do ABC un domingo de hai moitos anos. Non o recortei.
Remato o descanso: dareille o biberón a Clara e retorno xunto Bartlet
Enviar um comentário