07/05/2009

O método polonés

Queixábase, retranqueiro, Nikita Jruschov de que «os políticos [burgueses?] prometen construír unha ponte aínda que non haxa río». Entre as soberbías realizacións do «socialismo (ir)realmente existente» salienta, coma ningunha outra, fomentar a existencia dun humor tan fino como negro que era unha protección contra tanto desmando. No corazón da Guerra Fría circulaba por Polonia un chiste que narraba o encontro dun membro da nomenklatura polonesa con outro da rusa.
O mandatario da URSS recibe ao seu colega nunha grandiosa mansión con vistas a un engaiolante val. A xornada discorre entre luxos extraordinarios. Cando se van despedir, o polonés pregúntalle como é posíbel ter aquela mansión e todo aquel confort. O soviético sinálalle unha ponte no fondo do val. «Ves a ponte? Pois o aceiro ten cinco centímetros menos de grosor que o que sinala o orzamento, o asfalto é dez centímetros máis estreito, a baranda non é de pedra senón de latón, hai puntos de luz nunha única beirarrúa... Aforrando así constuínme esta casa.»

Ao cabo duns anos, o ruso devolve a visita. O polonés acólleo nunha masión extraordinaria, dez veces máis grande e luxosa que a súa. O soviético, intrigado, pregúntalle ao seu colega: «Como podes ter esta mansión?». O polonés sinálalle o val e dille: «Ves a ponte?» Abraiado o ruso di: «Non hai ningunha ponte». «Pois así fíxenme esta casa», retrúcalle o polonés.
A pouco que se sacuden os expedientes de obras descúbrese que o Partido Popular abonouse tanto ao «sistema sovíetico» como ao «método polonés» para xerar riqueza entre os propios. Dous destacadísimos membros da nomenklatura do Goberno galego ( que vai rematar coa corrupción, o desbaldo, o clientelismo e o nepotismo) certificaron obras que non se realizaron segundo as sospeitas da xustiza e, nalgún caso, atendendo á evidencia dos ollos mesmo daqueles máis pitoños. O superconselleiro Agustín Hernández e o superdelegado de Ourense, Rogelio Martínez, cóntanse entre os innovadores xestores do método polonés. Hai tempo prometíase e non se facía; agora prométese e non se fai, pero certifícase fraudulentamente.

Núñez Feijóo, o incorruptíbel, ten nas súas mans dúas solucións: cesalos de inmediato ou intentar convencernos de que as obras rematadas están aí. De momento, o presidente esfórzase na defensa de pontes, estradas, plantas de biomasa e calquera outra infraestrutura imaxinaria pero, iso si, fielmente certificada.

2 comentários:

abobriga disse...

E se aínda que se certifique polo tribunal que as obras non estaban aí, saen inocentes no xuízo que?


http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009050500_3_323493__Comarcas-Absuelven-alcalde-Guarda-Riego-acusado-justificar-obras-acabar

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009050600_3_323873__Comarcas-Riego-insta-Concello-pagar-empresas-tras-cuatro-pleito

Se queres ver a reacción do PP guardés...

http://www.galiciasuroeste.info/comunicados.htm

abobriga disse...

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009050500_3_323493__Comarcas-Absuelven-alcalde-Guarda-Riego-acusado-justificar-obras-acabar
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009050600_3_323873__Comarcas-Riego-insta-Concello-pagar-empresas-tras-cuatro-pleito

perdón polas ligazóns