01/05/2009

Piñeiro e nós

Nos dez últimos días roubeille ao sono algunhas horas para a lectura dun lote de libros sobre Ramón Piñeiro cos que poder compoñer unha reseña crítica para o buitrón literario de Ana e Aurelio. Tamén reparei nun atado de artigos de Manuel Rivas, Suso de Toro e de Antón Baamonde que foron salpicándose nos últimos meses en El País.

No premiado «A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick», Rivas revela unha ecuación simple:
Piñeirismo = democracia + autonomía + europeísmo.
De Toro gravura un epitafio magoante para o dono terminal da mesa de braseiro máis famosa de Galiza:
E, con todo, faltándolle días nada máis, sabendo que todo concluíra, penso que sabía que non era comprendido. Maiormente non era comprendido polo mundo ao que pertencía, o galeguismo, que pasara de ser o seu galeguismo cultural a un nacionalismo dunhas esquerdas que non podía comprender, nin sequera eran unhas esquerdas parecidas ás que el coñecera na República e na clandestinidade.
E nunha peza enchuoupada de provocadora (auto)crítica, Baamonde sostén:
Aínda que tamén podería un inquirir se acertaron os nacionalistas que, no período crítico da Transición, no canto de encabezar a loita pola Autonomía se embarraron nun radicalismo xestual que hipotecaba a súa capacidade de influír. As oportunidades píntanas calvas e caben poucas dúbidas acerca do moito que se equivocou nas súas opcións estratéxicas o nacionalismo contemporáneo. Poderiamos imaxinar que sucedese de contar Galicia cun gran partido nacionalista á maneira catalá ou vasca.
Piñeiro é hoxe reivindicado por case todos. Andivo na boca de Núñez Feijóo na investidura e na súa toma de posesión como presidente; e Pachi Vázquez, sentindo que lle roubaban a un propio, quixo deixar claro que
Todo o mundo reclámase galeguista, pero este é só o triunfo póstumo de Ramón Piñeiro, unha das moitas cousas que teremos que agradecerlle. E Ramón Piñeiro onde estivo sentado foi nas bancadas do Partido Socialista.
Onde hai problemas é co case, por máis verosímil que resulte a incómoda conclusión que Baamonde lle ofreceu a Daniel Salgado:
Hai que recoñecer que o nacionalismo moderno, retórico e culturalista, non é tan diferente do piñeirista.
De certo que hai unha morea de matizacións e retruques que facerlle pero ao fío destas lecturas non deixo de pensar nun enxeñoso experimento politolóxico que se realizou nos Estados Unidos, se non lembro mal, a finais do anos setenta. Organizouse unha ampla enquisa na que se lle presentaba un retallo dun discurso de George Washington e dábaselle unha relación de posíbeis autorías. En tempos de emerxencia da onda conservadora, a inmensa maioría das persoas entrevistadas dixeron que aquelas palabras eran un fragmento do Manifesto Comunista que asinaron Carlos Marx e Federico Engels.

Se realizásemos en Galiza unha proba semellante, no arro da ofensiva contra a lingua galega que promoven os hooligans de Gloria Lago e executa o novo presidente, a que corrente política cremos que a inmensa maioría ía asignarlle o copyright destas manifestacións:
Este prexuízo sociolóxico antigalego –de tan remota orixe, de tan persistente acción e de tan graves resultados– debe ser o obxectivo máis urxente dos nosos esforzos de promoción de Galiza. Só así poderemos liberar ao noso pobo do sentimento colectivo de inferioridade e dese dobre servilismo da resignación vencida ou da fuxida mimética. Temos que lle devolver o sentimento da propia dignidade e, como consecuencia, a confianza solidaria en si mesmo, xa que este é o punto de partida necesario para levar a cabo a mobilización das enerxías colectivas na procura do progreso económico, social e cultural que nos demandan os tempos.

Sem comentários: