05/05/2009

A recomendación Bradley

En El País dominical recollíase unha sondaxe de Metroscopia na que o Partido Popular avantaxa electoralmente ao PSOE en 1,2 puntos. A entrega do Publicospio de onte sobre a xestión evidencia unha cativa melloría dunha décima respecto da sondaxe do pasado mes de marzo, melloría que en igual medida rexistra tamén o PP. A avaliación que se fai do goberno é mala pero a do Partido Popular é aínda peor, o que non impide que, de celebrarse hoxe as eleccións, vencería a alternativa conservadora.

No tránsito ao século XX, tempos incertos, o filósofo galés Francis H. Bradley formulou un (aparente) desatino: «Cando todo vai mal, non debe ser tan malo probar o peor.» A elección do peor en canto do malo define, na cerna da crise económica e social, un comportamento electoral abraiante pero, en absoluto, inédito. Sen ir máis lonxe, o pasado 1 de marzo un significativo quiñón dos electores galegos, progresistas e galeguistas, fixeron caso (consciente ou inconscientemente pouco importa) da disparatada recomendación Bradley.

A crise económica castiga aos partidos gobernantes –sen importar a cor ideolóxica– e a oposición tórnase nun beneficiario indirecto da falta de perspectivas ou das malas perspectivas económicas. A crise social engorda de xeito populista á oposición por máis que esta dedique todo o seu tempo e enerxías a engrandecer os problemas e non faga o menor amago para achegar calquera caste de solución. As sondaxes certifican que, en termos electorais, do malo, o mellor é o peor.

Aproveitando esta corrente de fondo, a estratexia do Partido Popular sinálase unha secuencia clara: 1) Debate de política xeral do Estado [12-13 de maio]: intensificar o desgaste do goberno. 2) Eleccións europeas [7 de xuño] que, coa máis que previsíbel derrota electoral do PSOE, abrirá unha fase de erosión aguda da credibilidade e de denuncia da falta de lexitimidade dun goberno que non ten a confianza da maioría cidadá. 3) Presentación de moción de censura ao goberno Zapatero para completar o labor de corrosión do crédito político do PSOE e presentar a Mariano Rajoy como novo presidente ás portas da Moncloa. Por máis que a moción de censura sexa derrotada, o obxectivo estará cumprido: o PSOE non será a opción favorita nas vindeiras eleccións xerais, celébrense estas cando se celebren.


Toca convencerse de que a vitoria do Partido Popular non é inevitábel, pero contemos con que a batalla para deixar sen efecto a recomendación Bradley vai ser dura e dolorosa.

3 comentários:

Carlos disse...

inevitábel pensar nas eleccións xerais de 1993 e 1996. Eu vexo a situación do PSOE máis próximo da primeira data que da segunda. O problema pode residir en que o PP está máis próxima da segunda que da primeira. Fariña doutra muiñada é que o BNG estea en 1989 e coa intención decidida de andar aínda máis cara atrás.

Xaquín disse...

Tanto eso do "voto útil" como aquelo de "astencionibus antidemocratibus" non che son conclusións filosóficas. Pero a do Bradley, si. Por algo o desatino debe ser só aparente. Ademais, quen define "o peor"? Un bipartito??

Anónimo disse...

Segue existindo un goberno bipartito? O bipartito xa só existe como coartada para o PPdeG, ou non? Todas as sondaxes electorais, previas ao 1-M, valoraban peor o labor da oposición que a do goberno. E aí os ten gobernando. O malo era o goberno PSOE-BNG e o peor a oposición do PP, segundo se dicía daquela. Quizais hoxe xa se teñan cambiado os papeis, e o malo sexa o goberno PP e o peor a oposición bipartita (RIP). Hai esperanza.