O cemento da hexemonía conservadora
Na súa investidura Núñez Feijóo acompañouse dalgunhas das palabras-totem do conservadorismo. Ademais dunha colateral e histórica mención a Deus, eloxiou a auctoritas e o protagonismo da familia nas políticas de benestar. Non é novidade que a dereita ve na familia e na relixión os piares indispensábeis dunha sociedade decente; mais cómpre non enganarse, a prometida acción de goberno familiarista non é un tributo a unha política trastempada, senón unha agresiva estratexia para afianzar a súa hexemonía no presente e no futuro.
Feijóo comprometeuse cunha nova política de familia como contrarreforma implícita do modelo de benestar igualitarista do goberno bipartito e a súa aposta por focalizar na responsabilidade pública a creación das infraestruturas e o mantemento e dotación das prestacións e dos servizos de benestar de proximidade. Silandeiramente, aspirase a promover, coas políticas de apoio integral ás familias, unha emenda á totalidade, non expresa, da nova Lei de Servizos Sociais que se sinala como obxectivo a desmercantilización e a universalización do acceso aos servizos do benestar como garantía da extensión dos dereitos sociais de cidadanía.
O programa social do novo goberno renunciará as formulacións liberais –non intervencionistas– e abrazará unha sorte de neokeynesianismo conservador que ten a súa inspiración nas políticas pronatalistas de Francia ou no modelo familiarista alemán no que o goberno asume, parcialmente, a responsabilidade da asistencia familiar ao tempo que aposta por un modelo tradicional de familia esteado no papel do pai-traballador como principal proveedor económico do fogar.
Con esta política familiarista procurase mudar o peso das tres pedras angulares da arquitectura do benestar: o Estado, o mercado e a familia. Feijóo quere facer da Xunta o principal fornecedor de axudas dinerarias coas que as familias poderán acceder ao bens e servizos ofertados no mercado polas empresas do chamado sector cuaternario dos servizos de coidado das persoas. O de sempre? Non, axiña certificaremos unha substancial diferenza coas políticas do fraguismo que facían das empresas privadas os beneficiarios directos da transferencia de recursos sociais públicos e as familias os seus beneficiarios indirectos.
O neokeynesianismo conservador de Feijóo aspira a alterar a orde de factores e a mudar tamén o produto final. Na situación de crise, recoñécese na familia o principal axente da seguridade e o benestar, unha institución non mercantil que lle achega un plus de lexitimidade á política de «externalización» dos recursos públicos da solidariedade. Indubidabelmente beneficiarase o sector privado pero sobre todo reforzarase o papel da familia que non só é, como a definiu Feijóo, «a última rede de seguridade das persoas», senón tamén a instancia primeira da socialización da obediencia e, como indican todas as sondaxes sobre comportamento electoral, un espazo determinante para a fixación das preferencias políticas. Saben ben que as políticas amigábeis coas familias son o cemento da súa hexemonía futura.
Tempos Novos 144
Sem comentários:
Enviar um comentário