
No xornal do 26 de agosto de 1918 Gramsci publica «O fútbol e a escoba». No artigo quéixase da pouca querenza dos italianos polo deporte e o exercicio ao ar libre e da súa desmedida paixón polos xogos de naipes na clausura da baiuca. A peza sérvelle para enxalzar cun prosa futurista os valores que presiden un partido de fútbol.
Observen un partido de fútbol: é un modelo da sociedade individualista: exércese a iniciativa, pero esta está definida pola lei, as personalidades distínguense xerarquicamente, e a distinción dáse non por antigüidade senón por méritos específicos; hai movemento, competición, loita, pero todo está regulado por unha lei non escrita que se chama «lealdade» e que un árbitro se encarga de recordar [...] Paisaxe aberta, libre circulación do ar, pulmóns sans, músculos fortes, sempre dispostos á acción.E a narración dunha tenebrista partida de escoba:
Clausura, fume, luz artificial, berros, puñadas na mesa e a miúdo na cara do adversario... ou do cómplice. Perverso empeñarse o cerebro (¡!). Desconfianza mutua; diplomacia secreta; cartas marcadas; estratexia das pernas e das puntas do pé. Unha lei? Cal é a lei que hai que respectar? Esa lei cambia segundo o lugar, ten distintas tradicións e sobran as ocasións para contestala, pelexarse por ela.Distráese cun materialismo de patacón e medio para relacionar a infraestrutura económica coa superestrutura do goce do lecer e afirmar que «o deporte é unha actividade habitual nas sociedades onde o individualismo económico do réxime capitalista transformou os costumes», mentres que «a escoba é a forma do deporte das sociedades económica, política e espiritualmente atrasadas». Matizábel pero divertida explicación.
Tamén hai unha constatación dos usos da época que vale para ver o moito que cambiou o mundo do fútbol nos cen anos que case suma a tinta do artigo. Anota Gramsci: «A partida de escoba a miúdo remata cun cadáver ou un cranio fendido. Nunca se leu que un partido de fútbol acabase así.» Que hoxe sexa como Gramsci dicía ser. E que gañemos nós. Non hai dúbida que Gramsci estaría cos de Guardiola berrando Avanti!
Sem comentários:
Enviar um comentário