
Cunha sentenza negativa estalará, en definitiva, a trabe mestra do novo marco de autogoberno de Cataluña e crebaranse adicionalmente as relacións Cataluña-Estado cun saldo de maior inestabilidade para o goberno de Rodríguez Zapatero. Tras a nova e delirante ondada de catalanofobía que aviveceu o PP co pretexto do financiamento, é case inevitábel que non se reforce na sociedade catalá o polo soberanista nin que non se agrande o afastamento de intereses entre o PSC e o PSOE.
O malestar non se limitará só a Cataluña. A resolución do TC fixará o teito dos chamados Estatutos de segunda xeración. Unha ruda ortopedia ou a amputación do texto catalán ameaza con rebaixar a altura política dos segundos estatutos até a cota dos primeiros. Tras a laminación do Plan Ibarretxe, os nacionalistas vascos serán novamente persuadidos de que se dentro da Constitución non hai solucións de avance, o camiño haberá que procuralo fóra. En Galiza, a sentenza terá un impacto igualmente negativo, será unha magnífica coartada para que Feijóo reedite un rebaixado Estatuto do 81 como ecosistema do autogoberno galego posíbel, necesario e desexábel.
Con este estado de cousas, o escenario máis optimista é unha crise institucional e de lexitimidades de preocupante calado e imprevisíbeis consecuencias. Do naufraxio do Estatut o PP só tirará beneficios, a súa posición minorizada e case anti-sistema en Cataluña fai desprezábel calquera castigo electoral por causa da chapoda estatutaria. Mais alén diso, representará un estímulo suicida da estratexia de crispación e do «todo vale para chegar a Moncloa» que xestiona actualmente o Partido Popular.
No cadro grande do Estado, os principais da comunicación conservadora apuntaríanse unha vitoria esmagadora e un triunfante recurso de inconstitucionalidade validará ao Partido Popular como única forza política maior que vela pola unidade de España. Serviralles ademais para cargar as tinturas no carácter ilexítimo do goberno Zapatero. Hai uns días, Luis del Pino, un dos máis activos voceiros da peonada negra do PP, fixou posición: «España está inmersa, desde o 11 de marzo de 2004, nun proceso ilegal e ilexítimo de destrución da Constitución do 78». Para del Pino, o Estatut de Cataluña é unha das principais cuñas que fende a ordenación constitucional.

Estratexicamente ás forzas catalanistas asistiralles ademais a forza dunha evidencia: o Estatut leva dous anos en vigor sen que se teña producido cataclismo ningún, a normalidade e normalización do novo cadro do autogoberno é plena, as súas consecuencias desestabilizadoras inexistentes. A sentenza negativa dun pouco estimado Tribunal Constitucional non solucionará problema ningún e creará algúns novos de arriscados resultados. Por iso son moitos os que confían en que, finalmente, ditarase unha resolución ambigua que, quitando e dando razóns a todos, terá impactos políticos de baixa intensidade.
Se os suicidas se impoñen no TC hai pouca dúbida de que Cataluña abrirá unha vía postautonómica e de que España entrará nunha calella posconstitucional. Ante o abismo que cartografaría unha resolución dura de inconstitucionalidade, a grande esperanza é que os suicidas sexan vencidos polos covardes, a quen Ambroise Bierce definiu como aquelas persoas aos que o instinto de conservación aínda lle funciona con normalidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário