Acceder aos centros de decisión do Estado foi a vía privilexiada polas elites galegas para exercer o poder político. A adhesión compracida a un poder foráneo drenou historicamente a vontade de autogobernarnos e de pouco serviu para promover políticas do Estado coidadosas cos nosos intereses económicos ou políticos. Nación sen Estado, pero tamén unha nación abandonada polo Estado, en Galiza os cidadáns anticiparon a formación das nosas institucións e, até a aprobación do Estatuto de 1981, a construción de espazos de decisión política ou económica guiados polos intereses do país debeuse, case en exclusiva, ao emprendemento cívico dos galegos.
Como sociedade política Galiza foi, primeiro de nada, a expresión da autoorganización política da súa sociedade civil. O desexo de autogoberno como liberdade do pobo non naceu historicamente dunha descentralización administrativa do Estado nin dunha estratexia para socializar os seus poderes; ao contrario, a loita polos dereitos democráticos e os dereitos de Galiza e os seus cidadáns foi, e aínda é, unha das forzas de democratización radical do Estado español.
Dise que os pobos desposuídos de Estado buscan a súa salvación nos símbolos e por razón diso a conciencia diferencial dos galegos fincou historicamente na nosa solidez como nación cultural e foron a nosa cultura e lingua os elementos sobre o que se fundamentou a idea de Galiza como suxeito político nacional e a súa vontade de soberanía. O referendo de Estatuto de autonomía en 1936 e a aprobación do Estatuto de 1981 sinalan dous momentos fundacionais de Galiza como suxeito político, como país autogobernado, e son expresión da nosa libre determinación nacional e da madureza política dunha vella nación cultural.
Galiza é a día de hoxe un proxecto nacional inacabado en termos de soberanía política e normalización cultural pero, mesmo coas súas limitacións e cativezas, as institucións do noso autogoberno ofrécense como un instrumento decisivo para a construción de Galiza como nación no mundo. A cultura e a lingua seguen a ser a clave que ordena o arco institucional do autogoberno, a cerna simbólica da nación política. Desde o seu retorno á Xunta, os conservadores impoñen unha concepción regresiva do autogoberno que ten a súa faciana máis grotesca no ataque á lingua galega como chave da nosa identidade colectiva. A demolición de Galiza como nación cultural pasa polo rebaixamento do galego á lingua secundaria do país e o abafamento e desvalorización das nosas industrias e manifestacións culturais como catalizadores de conciencia comunitaria.
O PPdeG está ademais entregado a desactivar o autogoberno como garantía de acceso ao benestar en condicións de igualdade e como instrumento de provisión de rendas sociais para os galegos e galegas que menos teñen; constituíron un goberno para a desigualdade. Máis que unha contrarreforma a nosa novísima dereita practica unha liquidación de existencias e desexa reverter os avances operados na construción de Galiza como nación política proclamando, coa súa pasividade, a utilidade marxinal das institucións propias á hora de enfrontar os desafíos da sociedade galega en relación co benestar, a igualdade e o desenvolvemento económico.
Toda a súa idea pasa por cancelar as razóns do noso autogoberno. O resultado verificábel da Segunda Modernización de Galiza que publicita Núñez Feijóo non será outro que a derrama das nosas capacidades para decidir e a conversión de Galiza nunha autonomía administrativa. As políticas do retrogoberno do Partido Popular negan a Galiza como nación cultural e política; fronte ao seu involucionismo o único vieiro esperanzador é a recuperación da nosa sociedade civil como asento e forza motriz do autogoberno.
Tempos Novos # 150
1 comentário:
O decorrer do asunto das caixas de aforros en Galicia, e a bochornosa deriva que está tomando o debate, non é máis que o reflexo da desestruturación social, política e económica do país.
Algúns miramos cada vez con máis envexa, a pesar de todo o que está chovendo tamén alí, a Cataluña e a Euskadi. Seguen tendo claro, polo de agora, o que é importante en clave de país. Nosoutros, que entramos na etapa democrática con un recoñecemento nacional, en termos políticos, equiparable ao seu -coido que por rendas herdadas do galeguismo republicano máis que polos propios méritos que puideramos ter acumulado na transición política- en todos estes anos transcorridos dende entón, en lugar de afianzar o noso estatus de nación -á marxe da consideración legal do termo-, fomos dilapidando todo ese capital político ata homologarnos, por méritos propios, a calquera outra región autonómica española.
Aínda que a algúns nos doa recoñecelo, unha parte importante da poboación séntese máis cómoda con esta homologación. A polémica da lingua ou da bilingua é un bo exemplo, penso. Por non falar dos posicionamentos políticos imperantes nos ambientes con capacidade de decisión en Galicia, especialmente na esfera económica. Por último, os sucesivos resultados electorais confirman, coido, esta tese.
Enviar um comentário