30/07/2006

Centralidade

No particular barallete da clase política hai moitas palabras talismán. Centralidade é, sen dúbida, unha das máis engaiolantes. Ninguén sabe de certo que significa, pero a centralidade é sempre cousa boa, valor en alza, atributo positivo.

Centralidade dialoga con centrismo; isto é, unha formulación mornecida e nada extremosa das posicións. En termos ideolóxicos e políticos, centrismo é sinónimo de socialiberalismo ou socialdemocracia, tamén dun galeguismo, máis cultural que político, que se afasta equidistante do independentismo arredista e do centralismo asoballador. Na forma de facer política, centralidade evoca accesibilidade e proximidade, e da súa combinación co centrismo resulta unha formulación vaga pero de grande audiencia entre as clases medias urbanas e vilegas.

Máis filosófica, a centralidade estéase no virtuoso termo medio e no valor da «tranquilidade» como garantía da convivencia. O reformismo light identifica a súa proposta operativa e salienta, sempre que o deixamos, que as solucións non teñen ideoloxia, non hai solucións de esquerdas nin de dereitas, hai tan só problemas e solucións; así, a centralidade acoirázase cunha consistencia tecnocrática –case irrebatíbel– que pon en primeiro plano a eficiencia e a eficacia e deixa para a derradeira ringleira as ideas e motivacións.

Centralidade na cerna

Non é logo estraño que a batalla pola centralidade sexa a cerna de todos os movementos tácticos e de todas as apostas estratéxicas das forzas políticas. En Galiza, tamén. Aquí documéntase unha centralidade paifoca e xeometrizada que gastan os dirixentes socialistas virtuosamente empeñados en ocupar a escea entre os dous extremos malos que topografían o PPdeG e o BNG. É unha centralidade pasiva xa que depende do que os outros fan, propoñen ou promoven, e fundaméntase na incapacidade (teórica) que as outras dúas forzas teñen para dialogar e pactar entre si. Touriño séntese como o dono da alfandega pola que debe transitar todos os acordos políticos e os antagonismos exterministas que trazaron noutrora a relación BNG-PPdeG é a chave que lle permite ao PSdeG ocupar esa pasiva, pero cómoda, posición de intermediación.

Presidencialismo

O principal recurso que adorna a centralidade dos «socialistas galegos» é a Presidencia da Xunta de Galicia. O presidencialismo é un adubío imprescindíbel da centralidade. Coma un novo rei-sol, centro da galaxia política galega, o Presidente convoca todos os focos mediáticos e atesoura unha gran forza de atracción gravitatoria. O presidencialismo de Touriño é aínda de rango doméstico, non é quen de borrar a imaxe do presidencialismo autocrático de Manuel Fraga, e unicamente é logra imporse sen discusións no seu propio partido. Touriño quere ser como Mitterrand, pero aínda non é como Maragall, e tampouco iguala a Ibarra ou ao Chaves. O presidente Touriño inténtao pero non lle sae. O 24 de xullo intentouno coa celebración da véspera coas forzas vivas da cultura e fracasou. O 25 de xullo tentouno arroupándose na delegación rexia e tampouco brillou. Magoantemente, todas as propostas de Touriño escintilean como un brinde ao sol e contrúen un sumatorio de declaracións que non conducen a maioría das veces a ningunha acción práctica.

O presidencialismo de Touriño maniféstase na aminoración da importancia do PSdeG como forza de goberno e no abaixamento do perfil político dos conselleiros socialistas. No aniversario da vitoria electoral, Touriño acudiu ao comite executivo dos socialistas para lembrarlle que el, e só el, era o factor da vitoria. A desaparición do sempre molesto Francisco Vázquez agranda o seu dominio no PSdeG e, de feito, non hai contrapoder ningún agás o que queira execer o lucense José Blanco, secretario de organización do PSOE.

Centralidade mediática e pouco máis

A centralidade do PSdeG e de Touriño é mediática, fundamentalmente mediático, establécese en termo de comunicación, de comunicación de imaxes e non tanto de mensaxes. Fernando Salgado está a conseguir, cunha intelixente e clientelar política de medios relativizar o peso dos poderes comunicacionais menos amábeis a base de reforzar a influencia dos máis acomodados aos intereses do touriñismo. Toda a atención que recibe dos medios aínda non consegue acrecentar o seu liderato diante da sociedade. Vai por diante nos inqueritos pero malia o intensivo investimento no seu liderato non consegue afastarse significativamente de Anxo Quintana. Non o consegue á hora de establecer a axenda política sobre os intereses de Galiza, no Estatuto, no financiamento nin na priorización da construción das infraestruturas, tampouco na creación de imaxinarios colectivos, compartidos ilusionadamente por todos (ou a maioría) dos galegos.

A xuntanza que o pasado 29 reuniu a Quintana e Feixoo pon en evidencia a fraxilidade de tal caste de centralidade pasiva e fundamentada na inacción política. A acusación de deslealdade e a recuperada teoría da pinza han de volver a primeira liña argumentativa do PSdeG para repoñerse do seu paso á periferia do debate sobre o futuro do autogoberno galego. A centralidade sen proxecto político de nada vale. Un dos máis talentosos deputados socialistas argumentaba hai anos que para vender máis, a panadería debe estar instalada no centro da cidade. Tiña toda a razón, pero ademais diso, tamén é preciso ter pan para vender, ou a falta de pan, tortas. O problema do PSdeG non a centralidade da súa panadería, é a incapacidade da súa panificadora de ideas.

29/07/2006

Escaravellos

«De onde non hai, non se pode sacar». Proclámao a sabedoría dos nosos vellos. A natureza, ás veces, emenda esa certeza popular. En Ébano, Kapuscinski compón esta estampa: «Lembrei que nun lugar do Sahara vivía un escaravello pequeno que os tuaregs chaman ngubi. Cando a calor aperta, o ngubi. adoecido pola sede, quere beber coma sexa. Por desgraza, non hai auga en ningures; arrededor só aparece area ardendo. Así que, para poder beber, o escaravello elixe un montículo –pode ser a pendente dun pregue de area– e, traballosamente, comeza alancar cara ao cumio. Nun esforzo tremendo, un auténtico traballo de Sísifo, xa que area, tórrida e movediza, non pàra de escapárselle por debaixo das patiñas, co que volver mándalo abaixo, ao inicio do tormentoso camiño de galeote. Por iso, non pasa moito tempo ante de que o escaravello comece a suar. Nun cabo do seu abdome aparece, e se incha, unha grosa pinga de suor. Entón o ngubi interrompe a escalada, encóllese e mergulla o seu fouciño naquela pinga. Bebe.» O escaravello ngubi é, sen dúbida, a mascota dos movementos de resistencia do Sur Global. Tira esperanza de onde non a hai.

27/07/2006

Tempo cri

Os indios cri teñen un dito co que resumen a malfada existencia do home branco: «Tedes un reloxo pero non tedes tempo.» Como sempre, levan razón os pelesvermellas.

26/07/2006

Alzheimerización vs. altermundialización

Hai cen anos que o doutror alemán Alois Alzheimer que bateu cunha novidosa doenza. Dos seus síntomas deixou constancia nun relatorio titulado «Sobre unha enfermidade específica da codia cerebral» que presentou no XXXVII Congreso de Médicos de Dementes de Alemaña celebrado en Tubinga en novembro de 1906.

A desertización da memoria

Aquel mal neurodexenerativo sería logo bautizado por Emil Kraepin como a «enfermidade de Alzheimer». Doenza senil que provoca a perda progresiva e irreversíbel de neuronas nas áreas cerebrais que participan en procesos cognitivos como a memoria ou a linguaxe. Os seus síntomas son un déficit avivecido de memoria, a mingua da capacidade de habelencias sociais cotiás, o derrame das capacidades de discernimento e xuízo, a desorientación, a muda de personalidade, dificultades de aprendizaxe e alteracións da linguaxe.

As cifras da desolación

Como apuntan algunhas estimacións, no mundo xorde un novo caso de demencia senil cada sete segundos. A maioría das persoas afectadas polo alzheimer viven en países en vías de desenvolvemento, o 60% en 2001 e posibelmente chegará a ser o 70% en 2040. Unha de cada dez persoas con máis de 65 anos ten a enfermidade e máis da metade dos idodos de máis de 85 súfrena. No mundo hai 15 millóns de doentes, en España os pacientes de alzheimer suman 400.000 persoas, o 1,4% da poboación estatal. No 1% dos casos a enfermidade ten unha orixe xenética, no 99% restante aínda non se deu cun factor causal relevante.

A alzheimerización da Casa Mundo

É unha enfermidade da nosa época e unha metáfora dos nosos tempos. Teño para min que na globalización planetaria as políticas neoliberais son o equivalente á doenza da alzheimer e causan nas relación sociais, comunitarias e políticas os mesmos males. A desestruturación perfectamente organizada que propicia o recetario ideolóxico, político e económico neoliberal tanto no Norte como no Sur Global cálcalle os seus síntomas: baleiramento da memoria histórica, perda irreversíbel e avivecida das conexións comunitarias, creba das habilidades sociais básicas, incapacidade de novas aprendizaxes cidadás, blocaxe dos procesos de comunicación, desorientación, falta de xuízo e polo tanto de elección libre, derrame de identidades e culturas milenarias.

A contabilidade negra

O noso é un mundo alzheimerizado. Neste caso as cifras de doente son moito maiores. 5.000 millóns de moradores da Casa Mundo padecen algún tipo de carencia ou necesidade de bens ou servicios básicos. hai 2.000 millóns de persoas que están en situación de pobreza absoluta, e 850 millóns de persoas desnutridas, cada día morren 19.000 adultos e 6.000 nenos a consecuencia da fame máis extrema. Sumamos 2.000 millóns de persoas que non poden obter os medicamentos cando os necesitan e a un prezo que poidan pagar e existen 1.200 millóns non teñen acceso aos servizos de atención sanitaria. Contamos 1.500 millóns de persoas, o 25% da poboación, ao que non lle chega auga potabilizada. Poderiamos seguir, pero estas cifras da contabilidade negra (neo)liberal a forza de ser repetidas corren o risco de facerse inodoras, indoloras e insaboras, evidencian que o modelo globalizador practicado fai rotar á Terra no sentido contrario da maioría das necesidades do xénero humano.


Coda (provisoria)

Pero se estas cifras apuntan o fracaso da vella/nova orde proposta, a desatención política, ética do que significan, subliña tamén o avanzada que está a nosa doenza alzheimerizadora. Semellante derrota dos ideas de igualdade e xustiza só poden substentarse na nosa perda de memoria, na incapacidade para actuar, na desorientación xeral e na falta de san xuízo dos nosos gobernantes, na nosa impotente capacidade para comunicar e sentirnos implicado na dor dos outros, nas dificultades e desgana que se manifesta para facer aprendizaxes solidarias e outras moitas eivas que contribúen a disolver a identidade diso ao noutrora chamabamos Humanidade e que hoxe é un espello máis esnaquizado polo lucro e o sálvese quen poida. O mundo non progresa, pero o alzheimer colectivo que nos nega si...

22/07/2006

Partes de guerra

O Dossiers & Documents de Le Monde fai un repaso da contabilidade bélica do ano 2005 que achega, de entrada, un balanzo optimista: nese ano a humanidade viuse brutalmente mancada por 17 «conflitos maiores», a cota bélica máis baixa desde a fin da Guerra Fría en 1989 que se pechaba cun mundo que aturaba 30 conflitos maiores. O SIPRI dá tamén os seus números para facernos idea do investimento no mantemento da paz, no couto das guerras presentes e esquecidas. Nese ano mantíñanse activas 58 misión de paz multilaterais nas que se ocuparon 289.500 militares e 175.000 civís, no afastado 1989 as misións era tan só catorce. En 2004, Asia e África foron os continentes más damnificados pola apocalise dos guerreiros, sumando seis conflitos maiores cada un. Mesoamérica e Sudamerica padeceron por xunto tres, igual que Oriente Medio. Europa soportou unicamente a guerra en Chechenia.

Ninguén se atreve a facer un prognóstico optimista. Menos nestes días no que o Líbano vive e revive os horrores da guerra. A axenda de recursos escasos medra e con ela multiplícanse os motivos de retesía, o petroleo pero logo a auga seguirán cartografiando as zonas quentes e moi quentes do planeta. A redución de conflictos bélicos entre Estados é compensada polo aumento dos enfrontamentos civís e étnicos. Epidermicamente parece ser así, por baixo da suposta civilidade da guerra exprésanse intereses nacionais e multinacionais que animan, financian e se lucran das guerras e os botíns de recursos naturais, e o Foro Ubuntu está aí para lembrarnos as moitas violacións que padece a legalidade internacional e que son causas potencias de novas guerras. Moitos cren que a optimista estatística bélica de 2005 só apunta un apaciguada calma antes dunha feroz treboada. Que non sexa así.

Memorial de futuros

No Mar de ovellas, lonxe do mar de Vigo e San Simón, nos días de homenaxe á memoria, leo a Daniel Beisaïd que no limiar do seu libro Clases, plebes, multitudes, nos agasalla con estas palabras: «Vivenciando a espiral das derrotas sufridas (...), esta retórica da resignación pretende tirarse de enriba a lousa dunha historia demasiado pesada de levar. Non obstante, como repetía sabiamente Gilles Deleuze, "sempre se recomeza polo medio": non hai tabula rasa en política e en historia. Quen non ten memoria das loitas pasadas, derrotas e vitorias, non ten porvir. O traballo da memoria consiste en xogar novamente no presente a herdanza do pasado, en salvar a tradición do conformismo que incesantemente a ameaza, en dar de novo a súa oportunidade aos vencidos de onte e de sempre.» O certo é que conservar a memoria neste mundo alzheimerizado é sempre unha feliz vitoria, unha páxina triunfante do memorial de futuros da Humanidade.

21/07/2006

Civicismo

O politólogo irlandés Philip Pettit pasa por ser un dos ideólogos de cabeceira de Rodríguez Zapatero, á par do noso paisano Suso de Toro e doutros (polo de agora) invisíbeis e influentes autores dos que aos poucos iremos sabendo. Pettit, sonado profesor de Princeton, é autor de Republicanismo, unha obra que apareceu cando se esgotaba o século XX e que sexa pola súa serodia lectura presidencial ou polo vigor das súas ideas volve estar de feroz actualidade.

De paso por Cataluña, hai unhas semanas, foi obxecto de distintas entrevistas nas que aproveitou para popularizar a súa aposta polo republicanismo e, tamén, polo que el deu en chamar civicismo.
O neoloxismo civicismo é urxido pola taxonomía política dominante nos EEUU, onde republicano identifica unha opción (ultra)conservadora e liberal chega nalgúns casos mesmo a ser sinónimo de socialdemócrata. Pettit entende que dado que moitos dos ideólogos do liberalismo do XIX hibridáronse co republicanismo, é necesario un termo que permita a superación de nocións tradicionais como «liberal» ou «republicano», esa tradición mestiza liberal-republicana é o que el denomina «civicismo». A seguir unha peza.

Republicanismo segundo Pettit


Na entrevista que concedeu a Sin permiso, presenta longamente o que identifica como a substancia do republicanismo: «A idea principal é que, na medida do posíbel, ninguén debe estar suxeito ao control incontrolado doutros –ao seu poder arbitrario-, nin sequera ao control incontrolado do Estado; e iso, a pesar do feito de que o Estado é necesario como un medio para minguar os niveis privados de control incontrolado que algúns poden ter sobre outros. O Estado reducirá os niveis privados de control incontrolado protexendo ou fortalecendo aos relativamente débiles -e nalgúns aspectos todos somos débiles- e restrinxindo ou regulando aos relativamente fortes. E o Estado fará isto, sen ser el mesmo un centro de control incontrolado, en tanto existan apropiados impedimentos constitucionais, democráticos e contestatarios impostos polos cidadáns sobre o Estado. Estes impedimentos servirán como poderes de control de cada cidadán. Eles asegurarán que mentres o Estado controle ás persoas, como ten que facelo para cumprir o seu cometido, en si mesmo representa un centro de control controlado –poder non arbitrario– e entón é algo non esencialmente hostil á liberdade.»


A desertización da nosa sociedade civil

O galeguismo republicano dos anos trinta que tanto lle presta a Suso de Toro ou a Brétemas, e do que me manifesto igualmente querenciado, pode/debe reactualizarse, para fornecernos aínda hoxe toda súa riqueza democrática e transformadora, á luz de obras como a de Philip Pettit. Por exemplo, achegando unha reflexión sobre a necesaria redución do peso que ten a Administración galega como forza organizadora do país ou, sobre o que é o seu envés, chamando urxentemente a atención sobre o papel protagonista que lle toca e corresponde ás entidades da sociedade civil.


As institucións do autogoberno en Galiza non son un instrumento facilitador do protagonismo cidadán, moi ao contario foron, e seguen a ser, o seu principal substitutivo. A herdanza da Era Fraga neste terreo é pesada e nada fácil de cancelar. A Xunta foi durante dezaseis anos un centro de control incontrolado e tamén un instrumento de permanente intervencionismo nos asuntos civís; un poderoso desincentivador e un catalizador negativo das potencialidades do emprendemento político, social e mesmo económico dos cidadáns e as súas organizacións.


Posibelmente o produto político máis duradeiro do fraguismo sexa a conversión da nosa sociedade civil nun ermo, a súa política de desertización civil. O keynesianismo conservador polo que se viu abducido Manuel Fraga trouxo como principal consecuencia unha sociedade civil anémica, desposeída, subalterna, subsidiada, entregada, pasiva.

No tempo do ultradominio conservador sobrou administración da sociedade e faltou goberno. Faltou goberno como capacidade relacional, como espazo incentivador das iniciativas privadas e comunitarias, como elemento de regulación á súa vez regulado polos impedimentos constitucionais, democráticos e contestatarios dos que fala Pettit. Fartámonos da Xunta de Galicia como unha organización detentadora dun poder plenipotenciario, omnipresente e adoecimos malfadamente de institucións socializadoras do Poder Galego.

A contraparte necesaria do cambio


Tras un ano de percorrido, no goberno bipartito persiste esa mesma fascinación respecto da Administración galega como forza motriz das transformacións e como sostén da arquitectura básica do país. Mesmo os partidos da coalición son un algo menosprezados pola nomenklatura gobernamental como instrumentos coprotagonistas do cambio político.

O cambio como impulso da xestión política abafa ou empardece nas prioridades o cambio como impulso da acción dos cidadáns ou cando menos do diálogo entre goberno e a cidadanía. Algúns dos máis espertos xestores no círculo próximo recoñecen xa que podemos «gobernar pero non cambiar o país», a descuberta de falta de apoios sociais organizados e complicidades en vez de servir para certificar a necesidade dun labor construtivo ou constituínte da cidadanía, conduce á estratexia contraria, paliar a carencia reforzando a Administración como substitutivo. Para gobernar doutra maneira, a sociedade civil ten que deixar de ser unha mera comparsa retórica oaa se tornar nunha auténtica contraparte con capacidade propositiva, con vontade contestaría e con recursos de mobilización que a fagarn un auténtico contrapoder.

Herdanzas que hai que recuperar

O nacionalismo irmandiño dos anos vinte e trinta enfrontou a construción dunha nación sen poder contar con institucións propias, Galiza fíxose en grande medida sobre a base das capacidades da súa sociedade civil e non como unha sombra ben guiada da súa sociedade política.

Ese civilismo, fondamente republicanista, é unha tradición que temos urxentemente que recuperar para tecer redes autónomas de contestación, reequilibrio e enriquecemento das políticas públicas, como unha garantía de saúde democrática das institucións e como unha panca para remover as estruturas do vello caciquismo e evitar o xurdimento dun novo clientelismo aleitado polas formas tecnocráticas de gobernar eficazmente; é dicir, de administrar sen ser contestados ou incomodados pola expresión crítica e autónoma de demandas non atendidas ou de dereitos vulnerados.

Hoxe calquera reflexión que se faga nesta liña ponse fóra da sempre loada Realpolitik e significa entregarse á ensonación ficcional, o que non resulta estraño porque hoxe en Galiza iso que chamamos sociedade civil e outros antes chamaron comunidade ou simplemente pobo é en grande medida un non-lugar; unha utopía que aínda agarda polo seu tempo. Óscar Wilde dixo unha vez: «A un mapa do mundo no que non se atope o país Utopía non paga a pena nin botarlle unha ollada.» O mesmo pode dicirse dun país que non se atope unha utópica sociedade civil.

19/07/2006

Feridas

A Berger gústalle lembrarnos que o sufrimento é o irmán acompañante da felicidade e que a esperanza é unha emoción de contrabando que, finalmente, sempre acaba aparecendo. Algo indica que Vixilancia Aduaneira se está empregando a fondo nas últimas semana e que os esperanzados fardeis tardarán en chegar á praia. Na última de Berger, unha persoaxe afirma que «unha vida sen feridas non paga a pena vivirse». Será por cousa diso que estas xornadas pagan tanto a pena.

15/07/2006

Democracia en serio

Paolo Flores d'Arcais, afamado filósofo e director de MicroMega, tómase a democracia en serio. A reinvindicación dunha democracia esixente ten forte raigame nos politólogos italianos como salienta, entre outras moitas obras, o minúsculo pero acertadísimo libro de Gianfranco Pasquino. Pasquino que sabe de moitas e variadas cousas, lémbranos que «a democracia prospera cando o discurso público sobre os seus fins se desenvolve sen hipocrisías, sen manipulacións e sen concesións».

Flores d'Arcais achega en O soberano e o disidente unha reflexión sen traza de dobreza, engano ou acomodación perante a autocompracencia democraticista do tempo político que nos tocou en partilla. Alerta sobre a encrucillada cidadá que nos agarda: ou construímos unha democracia esixente ou é mellor que nos preparemos para o seu derrame a mans do formalismo, do populismo, do poder en diferido dos partidos, e do seu (ab)uso por parte dunha clase política única, fortemente unida por intereses corporativos comúns que, ao cabo, se impoñen ás diferenzas programáticas e ideolóxicas que deveñen en sosas variantes dunha mesma forma de gobernar, tomar as decisións ou telerelacionarse coa cidadanía.

Flores está absolutamente convencido de que «a democracia é un proxecto de condición humana, de sentido da existencia. É autodeterminación, é dicir ser amo (propietario!) do propio destino, apostar porque sexa realizábel (que poidamos achegarnos a ela) a través do esforzo de cada quen para pensar e querer en común as condicións da propia e común existencia. Ser-en-común é a única vía para ser-individuo e viceversa». Cando Flores d'Arcais escribiu O soberano e o disidente, o berlusconismo e o aznarismo estaba no seu máis desesperanzador apoxeo, están felizmente e democraticamente derrotados nas urnas, pero, con todo, a advertencia do filósofo mantén a súa vixencia: «Partitocracia, poderes fortes e populismo son os réquiem intercambiábeis (ou ao unísono) da frauta máxica que anestesia a democracia e exilia, cos lupercais do privilexio, ao cidadán. Só pode salvalo a política: a política ademais da democracia tomada en serio.» O que di non é ningunha broma.

Todo o sólido...

Expoñente senlleiro do fatalismo optimista, o novelista Ross Thomas tiña claro que «para que algo mellore, primeiro ten que empeorar». Quizais ese sexa tamén o sortilexio do BNG. Tras a constitución da Alternativa, chega agora a silandeira confirmación dunha disidencia na UPG compostelá que sacode os equilibrios de forza internos na CIG e ameaza o tranquilo reinado de Suso Seixo. Co inicio do ano crebou a UMG e agora a firgoa cismática fende de novo a prácida hexemonía dos coroneis.

Cisma sindical

Hai malestar no mundo sindical do nacionalismo que entende que o BNG debe ser, na Xunta e nos gobernos municipais, unha correa de transmisión da CIG e que desespera pola brandura das políticas e o rebaixe ideolóxico da propia UPG que ve, agarda e deixa facer até ter un balance electoral na man que lle permita reclamar cabezas e acurtar a autonomía da inteligentzia do nacionalismo gobernamental.

Os disidentes novos sinalaron o horizonte doutrinario que, sen dúbida, comparte a fracción sindical: «cremos que existe un espazo político no seo do Bloque que non está suficientemente ben representado. Un espazo que mire aos movimentos sociais nacionalistas respeitando a súa autonomía, que represente os intereses das clases populares, que se implique na construción dunha comunidade nacional que resista á unifomización españolista, que colabore na criación de medios de comunicación próprios e alternativos, que se implique na apertura de locais sociais nacionalistas e que acredite na mobilización, na loita e no traballo de base como ferramentas imprescidíbeis para a liberación nacional e social da nosa Patria.» Linguaxe doutrora que o franciscorodriguismo só emprega na súa liturxia congresual e nas festas patronais.

A UPG xa ten algo do que (pre)ocuparse. A orde de batalla que se preparaba para a vindeira Asemblea Nacional queda trastempada cada día que pasa. O escenario era ben simple, unha oposición renovadora e socialdemocratizadora, morriñenta en boa medida das formas da partitocracia dos felices tempos do Proxecto Común, enfrontariase a un bloco dominante armado polos xestores nacionalistas da nova Xunta, pola UPG e polas as súas forzas auxiliares (PNG) e compañeiros da súa viaxe cara a ningures. Á nova clase política do nacionalismo faría o papel de falanxe de contención fronte ao empurre dos renovadores da Alternativa e do beirismo aínda non ben organizado. Aos quintanistas tocáballes poñer o seu minguado quiñón de lexitimidade renovadora ao servizo do status quo que gorentosamente monopoliza a UPG. As cousas empeoran e só así poderán mellorar. O cisma obreirista obrigará á UPG a mover peza. O único que teme Francisco Rodríguez é unha ruptura do partido guía. A erosión que lle producen abandonos e disidencias poñen en cuestión o seu liderado plenipotenciario e, sen ameazar polo de agora, a arquitectura do seu poder achegan inestabilidade e botan impertinente luz sobre a doutrina acomodaticia do marxismo-leninismo menos marxista-leninista de toda Europa.

Sen Leste, sen Norte

Damnificado polo derrumbe do socialismo realmente inexistente, sen Leste, a UPG concluíu a súa particular fin das ideoloxías: nin esquerdas, nin dereitas, nacionalismo como termo medio virtuoso. Nese non-lugar querese instalar até a eternidade ao BNG. A clave nacional substitúe a todo o demais e todo o demais é moito: a necesidade dunha práctica democrática radical, o pulo emancipador dos novos movementos sociais, os ensaios da hiperpolítica en rede, o ideario comunitatista da ONG, o republicanismo civilista... por non insistir máis na necesidade dun pensamento de esquerdas chamado a refundar os principios de liberdade, igualdade e solidariedade.

Todo o sólido esvaece no aire. Esta frase dun Marx que endemal xa non se leva, sintetiza felizmente, os efectos deconstrutores que exerce, sobre o tecido social, as organizacións e as tradicións culturais, a emerxencia das leis do mercado na economía, da política e nas ideas. A dominante do mercado é que non hai alternativa. Así, a UPG ofrécelle ao BNG unha ideoloxía sen ideas practicábeis. Ideoloxía de gardarroupa. Ideas de tempada Inditex que só aguantan un curso político. Ideas para non pensar que non convencen nin tan sequera aos seus máis doutrinarios acólitos, por iso marchan porque queren ensaiar as (trastempadísimas) ideas cos que os aleitaron no partido da vangarda, no partido guía que coa caída do Imperio URSS perdeu o norte e todas os demais puntos cardinais en beneficio do seu embigo existencial: ser para parasitar o poder do BNG-sociedade, do BNG-aparato, do BNG-goberno.

O estado da cousa segue a empiorar. Quere dicir que se leva razón Thomas antes que tarde comezarán a mellorar... Non si?

09/07/2006

Casa Común

O documento ten rostro. Foi presentada A Alternativa, unha corrente crítica co Bloque dominante. Chega coa vontade de abrir un ciclo anovador no BNG, cando xa se enfriaron os efectos da X Asemblea e toda vez que a acomodación gobernamental parece sinalar o horizonte político do nacionalismo. Desafiante, A Alternativa furga nalgunhas das moitas chagas abertas no proxecto frontista, procura e personaliza responsabilidades, pero apunta poucas liñas de desenvolvemento futuro. Sintetiza malestares máis que ofrecer estratexias practicábeis; con todo, quere activar reflexións e ideas, e iso na amansada vida (a)política do BNG xa non é pouca cousa.

De entrada, a súa capacidade inclusiva é baixa, a contorna do agrupamento crítico reúne a Esquerda Nacionalista, a corrente camilista da disolvida Unidade Galega e a un quiñón dos non-adscritos. Beiras e os beiristas fican fóra do proxecto cando menos discursiva e mediaticamente. A Alternativa non se poderá beneficiar das avantaxes que tivo a corrente renovadora de Roberto Mera, os liderados da segunda fila e as organizacións de referencia chantan a súa historia no BNG partitocrático previo á X Asemblea. A Alternativa non crea un novo espazo organizativo e político no BNG, non sinala ningún horizonte de converxencia ou fusión, é unha alianza que agarda do seu éxito para logo formalizar unha nova organización de militantes dentro do BNG.

A Alternativa nace enchoupada de antagonismo, os alternativos confrontan cos complementarios –co difuso quintanismo– máis que cos dominantes –coa UPG–, quizais porque saben que só no quintanismo desencantado poderán medrar en apoio e influencia; o da UPG élles un mundo impermeábel, intratábel, maiormente inaccesíbel. En suspenso queda a capacidade da Alternativa para chegar a acordos cos (temporalmente) inasistentes –os beiristas, Colectivo Socialista, PNG e Inzar– e ampliar a súa base de diálogo crítico, sen diluírse irremediabelmente na corrente do malestar.

Encunchada na xestión miúda do poder, do aparato e das organización afíns, a UPG vive acomodamente, nada ten que arriscar en propostas e ideas, bástalle conducir as inercias e aleitarse das imposibilidades e impotencias do nacionalismo. Neste tempo, Quintana pouco ou nada ofrece como espazo de mobilización interna na organización frontista. O BNG-organización, na idea quintanista (nunca explicitada), é un elemento político secundario, subalterno, subsidiario, xa de que o motor do cambio e renovación nacionalista se atopa na acción gobernamental, na conformación de novas relacións cos axentes sociais e económicos a traves da política da Xunta de Galicia e na chegada aos cidadáns a través da presenza reiterada nos medios de comunicación (medios alugados que non propios).

A folla de ruta de Anxo Quintana tamén pasa por gañar autonomía respecto dunha fronte que só organiza a unha parte minoritaria do nacionalismo que acampa ao raso na sociedade civil e que non quere convivir nunha Casa Común que teña a UPG como ama de chaves gobernanta. A Alternativa expresa o dereito dos inquilinos do xardín a ter un cuarto propio, con dereito a cociña, acceso á sala de TV e moito máis: queren sentarse na mesa na que se toman as decisións e se reparten as facendas institucionais. Fan moi ben, eles tamén pagan a hipoteca, saben das ruínas do casa nacionalista e corren cos gastos da comunidade. Amais fóra fai frío e eles, de momento, son os únicos que garanten que na próxima Asemblea de propietarios haberá quentura. Mentres Quintana olla silencioso cara ao papel pintado e a UPG prepara a leña e adestra ao banco para ofrecer caras novas e vellas ideas como a súa achega hexemónica á renovación continuísta. A tempada de outono-inverno ofrecerá novidades e sobrados motivos para o desencontro de posicións e talantes. Non falta quen cre que hai que procurar unha casa nova para o ano 2007. O gran problema é que o mercado político-inmobiliario está imposíbel.

08/07/2006

Boomerang

Convídanme a participar nun curso estival. Teño unha cadeira na mesa redonda que ten que dar conta da pregunta: «Favorece Internet a relación da Administración coa cidadanía?». Levo horas ordenando información e remoendo nela malia que a resposta é tan doada como afirmativa. Con todo, xunto unha boa restra de matices críticos sobre a intensidade, calidade e oportunidade das relacións que entre cidadáns e poderes públicos estimulan as infotecnoloxías. A pregunta incomódame porque é asimétrica e unilateral. Máis pertinente é unha outra: «Favorece internet a relación dos cidadáns coa Administración?» ou outra aínda mellor: «porque os gobernos están só interesados en arrebolar o boomerang e nada lles preocupa que nunca volva?» Tampouco é que atope estimulantes respostas pero aprendo cousas ben interesantes sobre os boomerangs e así descubro que os de caza, os chamados kylie, nunca volven. E iso case que o explica todo: máis que cidadáns somos presas que zafamos como podemos no medio dunha cazata neotecnolóxica desmedida e democraticamente pouco interesada.

04/07/2006

Quiebraplatas

Noticias de Nicaragua. Desconcertantes, abraiantes e algunhas tristísimas. Os amigos de Radio La Primerísima discuten a súa liña editorial e a súa política informativa. A emisora sobrevive malia os crónicos problemas de financiamento, pese ao teimudo boicot gobernamental e empresarial, e, mesmo fronte ás sabotaxes e ameazas alentadas polos xerarcas da FSLN a quen lles amola a liberdade de dicir e as radicais verdades dunha radio sen ataduras. Escóitana sandinistas reformistas, orteguianos, sandinistas sen partido, nicaraguanos cansos dos excesos do bipartidismo sandino-liberal, xentes sen bandeira e sen cor que procuran outra Nicaragua Libre... Tamén os amantes da música romántica e os seareiros do beisbol managua buscan con paixón as súas ondas. A campaña electoral que se aveciña obriga a buscar equilibrios, a brindarse como plataforma plural para comunicar a necesidade dun cambio sandinista para Nicaragua, en difícil equlibrio e sen casarse cos liderados caudillistas da FSLN ou do MRS. Blindada fronte aos engados, á persuasión e á adulación interesada. Necesidade de explicarse e ser comprendidos. Os amigos da Radio están divididos: moitos dos incondicionais están agora co MRS; outros permanecen fieis ao sandinismo histórico. En Nicaragua nunca é fácil elixir. A FSLN cerra unha alianza co PLN, un partido somocista, despois de anudar reiterados acordos políticos coa facción máis corrupta do liberalismo arnoldista; ao tempo, segue sendo a opción maioritaria dos desposeídos, dos ninguneados, da pobrería... O MRS tenta reconstruír un sandinismo democraticamente renovado e agrupa arredor do ex-alcalde de Managua, Herty Lewites, a ex-comandantes sandinistas como Mónica Baltodano, Luís Carrión ou Henry Ruiz Modesto, e a históricos da disidencia emerreista como Dora María Téllez, Ernesto Cardenal ou Gioconda Belli. Desde a derrota fronte á Violeta Chamorro en 1990, nunca estivo o sandinismo tan activo, tan activista e tan esperanzado malia as súas divisións e despiadados enfrontamentos. O vento de cambio que abanea América Latina fai críbel un cambio sandinista, plural, diverso. E hoxe co correo da mañá o anuncio da morte infartada de Herty Lewites. Un infortunio que vén negar esperanzas ao futuro. As barras bravas da FSLN saen á rúa para festexar a morte do ex-compañeiro. Daniel Ortega desautoriza contundentemente e chama a Lewites «irmán» (Irmán foi a fórmula elixida por Carlos Fonseca, fundador da FSLN, para identificar aos camaradas combatentes). Na Primerísima O Chele Grigsby traza un obituario cheo de señerdades e sentido político. Nas súas palabras aniña a fráxil evidencia de que aínda non todo está perdido. Entre tanta negrura, a luz dun quiebraplatas.

02/07/2006

O axóuxere do gato

A pasada foi unha semana intensamente estatutaria. O Estatuto deixouse ver nunha exposición, no inédito recital dos tres teores, na traca final das comparecencias civís, na convención de Galeuscat e, como non, no Pleno do Parlamento de Galicia. Foi a primeira posta en escea global das estratexias partidarias que, malia todo, non despexaron as incertezas sobre unha posíbel resolución consensuada.

Un debate entalado


Este o noso Estatuto debatirase, como todos, en dous planos: o das identidades e o das capacidades. A denominación de orixe de Galiza ocupa, polo de agora, o centro das diferenzas. O BNG acode cun repertorio inicial que inclúe «nación» e «realidade nacional», bandeirola de engache ao que se apega un PSdeG que, con todo, abanea (cada vez menos) entre subliñar o «carácter nacional» de Galiza ou acomodarse na «nacionalidade histórica», marca que satisface plenamente as apetencias do
galeguismo constitucional do PPdeG. Se a folla de ruta pasa básicamente polo debate identificador o traxecto será curto xa que non hai marxe para que o PPdeG acepte ningunha formulación que clasifique a Galiza como nación nin, mesmo, como unha realidade nacional homologábel identitariamente á do Estatut de Cataluña.
A realpolitik indica logo que haberá que transitar, fundamentalmente, polo espazo das capacidades do autogoberno e iso significa que a cerna do debate versará sobre dereitos, financiamento, competencias e os novos elementos precisos para completar a arquitectura dos poderes galegos. As utilidades estarían así chamadas a mandar máis que as identidades. Se non fose porque os capitais intanxíbeis producen, ás veces, tantos ou máis réditos que os capitais tanxíbeis, o debate entregariase mansamente a discusión das capacidades futuras de Galiza.
Como Bretemas dá boa conta de como está a pelota no tellado dos populares, cómpre reparar a que a outros lle toca.
Quen peor o ten para dar ese pragmático salto é o BNG por ser quen máis gastou comunicacionalmente na necesidade dun estatuto de identidade. Ademais, a emerxencia dunha corrente crítica que teima en denunciar o posicionamento rexionalista da dirección vén coutar tamén calquera deriva utilitarista da política estatutaria do BNG.
Nesta, coma noutras cuestións, o problema do BNG é o abuso dunha ideoloxía de gardarroupa, dunha fraseoloxía dogmatizada que manda e ordena na vida partidaria e militante, pero que carece de sentido operativo ningún na súa relación coa sociedade nin nas súas actuacións gobernamentais; así, semellante prendas ideolóxicas son prudentemente colgadas no gardarroupa cada vez que se sae da «casa nacionalista» e das ceas de familia.


Un único discurso


Aínda que tarde, e moi a deshora, sería boa cousa proporse un discurso que coherentemente valga para o BNG, para as institucións e para a sociedade, aínda que haxa que aturar pacientosamente que sexa tildado de «rexionalista». Pouco importa agora que, en grande medida, esas críticas procedan dos pragmáticos que hai moito tempo teimaban en que era mellor unha fanada Constitución Europea que o Tratado de Niza e que o paso cara adiante é sempre mellor que o entalamento... Isto só é indicativo de que no nacionalismo frontista no que toca ao Estatuto ninguén vai querer exercer de Michael Collins e facer unha política do posíbel e non só do desexábel.
Todos queremos máis, pero darémonos por contentos con menos sempre e cando non teñamos nós que pagar a conta. Un maximalismo de obxectivos que paradoxalmente ten que ver máis con condición subxectivas que con condicións obxectivas. O discurso dunha importante facción do nacionalismo está dirixido a convencer aos propios nacionalistas de que non se pode pasar por menos que un Estatuto de nación; a cousa estráganse porque con ese magnifico e autorreferencial discurso non conseguimos nin influír nin convencer á base electoral do PPdeG nin a do PSdeG, amplisimamente maioritarias neste curruncho verde, e nin moito menos vencer as resistencias ideolóxicas dos deputados conservadores que son, á fin de contas, ps que teñen a chave dos dous terzos necesarios para ratificar un novo texto.


Autoidentificarse ou autodeterminarse?

Pouca indicencia pode ter agora afirmar que as normas legais non serven para fixar identidades, senón conxuntos de dereitos e obrigas, recursos e capacidades decisionais e que o debate sobre o «carácter nacional» resólvese fundamentalmente nun plano extra-normativo. Agás neste anormalizador Estado español, os Estatutos de autogoberno non definen o que son os seus usarios senón o que poden facer. Cando se levou o debate sobre o dereito á autodeterminación ao Parlamento de Galicia, o presidente Fraga contraatacou ofrecendo autoidentificación. Agora coma un novo cid, Manuel Fraga vese vitorioso despois de estar politicamente morto. O debate non é o do estatuto como norma de
autodeterminación senón como texto de autoidentificación.
Un estatuto de autogoberno substancial e radicalmente enriquecido nas súas capacidades e poderes que non etiquete a Galiza como nación é moito máis preferíbel que un Estatuto de Nación cun fráxil sistema de financiamento; calquera estatuto que saia do consenso reformista a tres banda será, en principio, mellor que o actual, asentará indiscutibelmente maiores posibilidades para a expansión dos poderes e recursos gobernamentais do país, faranos máis nación. Isto é unha evidencia que nos negamos a ver.
Hai outra cuestión menos evidente, pero moito máis debera contribuír a afinar as estratexias estatutarias do nacionalismo. Galiza ten máis capacidades nas súas institucións que na súa sociedade civil e estamos un pouco aburridos de saber que as nacións verdadeiramente se autodeterminan sobre a base da súa sociedade civil e non das normas xurídicas ou as etiquetaxes identitarias, aínda que todo axuda e nada sobre. O debate que nos cómpre é o que dinamice esa sociedade civil que aínda non se sabe dona do autogoberno, das súas posibilidades e dos seus recursos para construírse como nación. Deixar de ser unha nacionalidade histórica para ser unha nación con futuro depende menos dos debates identitarios que das políticas concretas que se poden exercer desde o autogoberno. O dilema non é ser ou non ser nación senón se contamos cos recursos políticos e civís para poder ser nación. Sabémolo ben todos, pero ninguén parece estar disposto a poñerlle ese axóuxeré ao gato estatutario que de non mudar de estratexia seguirá miañando e pedindo a lúa inutilmente.

01/07/2006

Monopoly do medo

Mil millóns de persoas viven en arrabaldes ou cidades miseria. O seu número duplicarase nas próximas dúas décadas. Un informe da ONU resume a contabilidade negra que resulta de cruzar pauperismo e urbanismo. O balanzo de contas entre a economía dos cidadáns inexistentes e a irracionalidade lucrativa do cemento non deixa firgoa ao engano: hai 2.000 millóns de pobres urbanos, a metade vivindo no desfiuzado territorio dos slums. A moi meritoria iniciativa Sen permiso publica, nas súas últimas entregas dixitais, unha entrevista co xeógrafo radical Mike Davis e un artigo de Joseph Choonara sobre o medre dos arrabaldes no Sur Global. Moi aconsellábeis para reparar como se está armando o escenario urbano onde se han representar caoticamente futuros pesadelos. Fronte a eles a enxeñaría de orde investe na arquitectura e ecoloxía do medo, desprezando darwnianamente ás capacidades dunha case que inexplorada arquitectura da solidariedade. O habitat da cidadanía é fraxil e altamente vulnerábel. E por todas partes Plan Xerais de Ordenación do Medo están encofrando a igualdade e liberdade cunha argamasa de exclusión social, segregación espacial, explotación económica, inacción política e banalización ética. Na primeira idade media as cidades eran espazos de liberdade. Todo parece indicar que en futuras idades demediadas certamente non será así.

Kabul, zona cero

As anduriñas de Kabul non é un libro excepcional pero é un excelente libro aínda que só sexa porque é difícil escribir un texto animicamente tan abaixado e sobrevivir literariamente á experiencia. É un libro testamentario; con todo, nas súas páxinas non hai abeiro para partilla ningunha de esperanzas ou ilusións, non hai herdanza de fantasías de futuro que compartir. Yasmina Khadra / Mohamed Moulessehoul consegue palabras que encoran o máis minimalista track de humanidade. No Kabul dos burkas e a cotidianeidade talibanizada, segundo a diagnose existencial de Khadra, «ninguén cre no milagre das chuvias, na maxia das primaveras, e menos aínda nun mañá clemente. Os homes volvéronse loucos, puxéronse de costas á luz para darlle a cara á escuridade». A paisaxe sentimental é un ermo tras a batalla. «Os cascallos das fortificacións acadaron ás almas. A poeira cubriu de terra as hortas, cegou as olladas e puxo cemento ás ideas.» Un territorio gangrenado que estende a súa doenza á sociedade global. Hoxe temos a certeza de que a cirurxía de Occidente fracasou e, ao tempo, que mutilaba ao doente país afgano lle roubaba a pouca e agónica vida que lle restaba. En 2002, Khrada describiunos rudamente en As anduriñas de Kabul os síntomas da súa enfermidade terminal. Hoxe calquera pode ler a autopsia da terra dos pashtum.