
31/08/2006
Vidas exemplares: Adolfo Gacio

29/08/2006
Xan

O ladrón absoluto

27/08/2006
War & Water

Segundo a UNESCO, entre 1948 e 1999, houbo 1.831 «interaccións internacionais» referidas a cuestións hídricas, delas 507 foron conflitos, pero 1.226 foron instancias de cooperación, a partir desta constatación conclúen que, a pesar de ser un problema potencial, a historia demostra que, nas cuncas compartidas, o máis probábel é que prospere a cooperación que o conflito. Insístese logo en que non se enxerga un horizonte de crise bélico-hídrica ao curto ou medio prazo.
O xeógrafo estadounidense Aaron Wolf salienta que «estratexicamente, as guerras pola auga non teñen sentido. Loitando co veciño non se incrementa as reservas de auga, ao menos que un poida apoderarse da bacia hidrográfica do outro e despoboala sen correr o risco de terríbeis represalias». Outra cousa diferente é que a auga teña sido utilizada como arma e obxectivo de guerra en numerosas ocasións.

6 pingas que poden desbordar o vaso
A auga é un ben escaso, fundamental para o mantemento da vida e das principais actvidades económicas, desigualmente distribuído, utilizado de modo pouco eficiente e sustentábel. En torno á auga mantense un precario equilibrio que calquera pinga pode ser crebar.
- No mundo algo máis de 1.100 de persoas carecen de auga potábel, e calcúlase que en 2002 finaron 1,7 millóns de habitantes vítimas de doenzas relacionadas coa falla de agua potábel, saneamento e hixiene. Só nos países en vías de desenvolvemento estímase que o 80% das enfermedades están vencelladas á agua.
- A cantidade de auga dispoñíbel é estábel a súa demanda aumenta tan rapidamente como o fai o crecemento demográfico. Segundo o Atlas de Le Monde Diplomatique, no ano 2025 a demanda de auga será un 56% superior ao subministro e o promedio de auga doce dispoñíbel por habitante e ano será un terzo do cota actual e 1.800 millóns de persoas padecerán unha severa escaseza de auga e outros 5.000 millóns vivirán en rexións sometidas a water stress, isto é que enfrontan dificultades para satisfacer plenamente as súas necesidades hídricas.
- Como subliña Idalmis Brooks Beltrán existe un agudo desesquilibrio entre a distribución xeográfica da auga e a densidade de poboación: Asia suma 60% da poboación mundial e só atesoura o 36% dos recursos hídricos; Europa posúe o 13% da poboación e 0 8% da auga do planeta; son africanos o 13% dos habitantes do mundo pero unicamente teñen acceso ao 11% da auga doce; en cambio, en América do Norte e Central reside o 8% dos humanos pero contabilizan o 15% dos recursos hídricos; e en América del Sur onde vive o 6% da poboación localízase o 26% da auga.
- A partir dos datos do World Resources Institute, é posíbel catrografías un triángulo desde Marrocos a Sudán e Paquistán que delimita a rexión planetaria que estruturalmente está sometida a estrés hídrico ou en estado de severa escaseza; son case unha trintena de países nos que viven 500 millóns de persoas que promedialmente teñen ao seu dispor menos de 1.000 m3 de auga doce ao ano.
- O uso da auga é altamente ineficiente, segundo algunhas avaliación pérdese om 60% da auga que se extrae, evaporándose ou retornado de novo ás canles fluviais ou aos acuíferos subterráneos. O rego agrícola consome perto do 70% da auga captada en todo o mundo e, como se apunta no Atlas de Le Monde Diplomatique, nos próximos vinte anos o uso agrícola da auga aumentará ao menos nun 17%. A industria absorbe o 20% dos usos da auga e o consumo doméstico un 8%.
- Auga para todos, auga para a vida, o informe das Naciones Unidas sobre o desenvolvemento dos recursos hídricos no mundo, realizado en 2003, subliña que o cambio climático será responsábel dun incremento do 20% da escaseza de auga. Co cambio climático serán máis frecuentes as secas e as enchentas como consecuencias de ciclóns e chuvias torrenciais e a mingua dos caudais avivecerá a concentración das substancias contaminantes que reduciran a calidade das augas. O proceso de deterioro da auga vese agravado polo uso agrícola de fertilizantes e pesticidas, pero a contaminación de orixe doméstica ou industrial é singularmente alta nos países desenvolvidos. Segundo ese mesmo informe de Nacións Unidas, en 2003 contabilizábanse no mundo máis de 12.000 quilómetros cúbicos de auga contaminada.
Mercantilización da auga, a outra guerra
Vandana Shiva escribiu: «Guerras polo petróleo, guerras pola auga, guerras por terras, guerras atmosféricas: esta é a cara verdadeira da globalización económica e mais o seu apetito de recursos naturais que sobarda os límites da sostenibilidade e a xustiza. [...] Tamén a auga estase tornando nunha fonte de guerras na medida en que é privatizada e se tornou nunha mercadoría.»
En As guerras da auga. Contaminación, privatización e negocio, Vandana Shiva encadra globalmente o problema da auga no mundo actual, reparando no comercio internacional dos recursos hídricos tanto no que toca a súa captación, almacenamento ou reordenación dos seus usos. A autora hindú chama a atención sobre a súa sobreexplotación e contaminación, denuncia ao Banco Mundial e ao Fondo Monetario Internacional por impulsar a privatización dos servizos de captación, subministro e depuración e desvela as maniobras das grandes compañías para controlar os recursos hídrico, ao tempo que avoga por afortalar unha nova cultura e democracia da auga.
Como salienta Cristian Frers existen dúas grandes estratexias para o control dos recursos hídricos: a apropiación territorial e a privatización da auga; a primeira efectivízase mediante a ocupación de territorios con abondosos recursos naturais, mesmo a través de accións militares (A guerra de Iraq asegura non só o control estadounidense sobre as reservas petrolíferas senón tamén sobre as canles dos ríos Eufrates e Tigris, valiosísimos nunha das zonas hídricas máis vulnerábeis do planeta).
A segunda estratexia é a privatización da auga. Na actualidade unicamente o 5% das augas doces mundiais están en mans privadas. Un das batallas políticas máis decisivas do presente século será a categorización dos recursos hídricos como bens comercializábeis ou bens sociais vencellados a consideración do acceso á auga como un dereito fundamental dos seres humanos.

O Banco Mundial é unha peza clave na estratexia privatizadora coas súas políticas crediticias para reforma estrutural dos sistemas de augas nos paíess do Sur Global. O dato: o Banco Mundial prestou entre 1990 e 2002 19 billóns de dólares para proxectos relacionados co abastecemento e saneamento de auga, un terzo do investimento estivo condicionado á posta en marcha de procesos de privatización dos servizos de auga. A concentración dos investimentos do Banco Mundial nos grandes acuíferos planetarios está destinada a promover a privatización e conversión da auga nunha mercadoría.
Pola súa parte, as grandes multinacionais hai tempo que toman posición de cara ao prometedor mercado da auga deseñando estratexias de implantación en 72 países que atesouran importantes depósitos de auga doce. Nos grandes centros financeiros sábese e especúlase coa gorentosa explotación da auga. A revista Fortune definiuno expresivamente: a agua promete ser no século XXI o que foi o petróleo para o século XX.

As principais empresas deste lucrativo mercado son as francesas Veolia [antes Vivendi] e Suez [antes Lyonnause des Eaux], a alemá RWE, a británica Thames Water e a estadounidense American Water Works. Veolia subministra auga e servizos de samenamento a 110 millóns de personas. Veolia, no último exercicio, sumou ganancias por valor de 12.000 millónes de dólares; Suez lucrouse con 8.840 millóns.
O mito da guerra da auga


Un dos talentosos expertos reunidos en Estocolmo, Asit K. Biswas, do Centro do Terceiro Mundo para o Manexo da Agua, declarou respecto da guerra da auga: «É un sensentido absoluto, porque isto non vai pasar, cando menos nos vindeiros 100 anos.» Un século de tregua non é pouco, pero como o mundo avanza unha barbaridade de certo que o prazo será menor, apenas unhas décadas.
Uri Shamir, enxeñeiro hidrolóxico e membro do equipo negociador israelí no Proceso para a Paz en Medio Oriente, sentenciou: «Se existe vontade de paz, a auga non será un impedimento. Se se desexan razóns para loitar, a auga achegará amplas oportunidades.» Pola súa parte, Claude Lévi-Strauss dixo que «o mito é unha mentira que nos di unha verdade». Pois nesas mesmas estamos, o mito da guerra da auga é unha mentira que nos desvela unha verdade.
25/08/2006
Problemas malditos

- O problema maldito carece de regras, non está ben estruturado, de modo que non se dispón dun enunciado claro da cuestión crítica que se encara, é un problema que non se entende plenamente até que non se dá formulado provisoriamente a súa solución.
- Cada problema maldito é esencialmente único e inédito: neles converxen factores e condicións fortemente particularizadas, encadradas en contextos sociais moi dinámicos e cambiantes, polo que non hai dous problemas semellantes, de aí que as virtuais solucións sexan sempre moi singularizadas e pobremente xeneralizábeis.
- O problema maldito non se resolve satisfactoriamente nunca. As solucións a este tipo de problemas son correctas ou incorrectas, simplemente son «mellor», «peor», «bastante boa», ou «non boa dabondo», pero non hai solución definitiva ou excelente.
- As partes implicadas nos problema maldito adoitan ter visións do mundo radicalmente diferentes o que vén embafar a súa capacidade conxunta para enfocar o problema. Non hai unha solución indiscutíbel; de entrada pode haber solucións potenciais ideadas por unha parte que outra parte, ou todas as demais contrapartes, non aceptan por consideralas impracticábeis.
- As solucións a un problema maldito derivan de «operacións paso a paso», de modo que cada tentativa de solución ten consecuencias sobre a natureza do problema maldito primeiro. Ademais as achegas de recursos dispoñíbeis para atacar o problema, así como as súas limitacións de uso, son moi cambiantes e inestábeis ao longo do proceso de resolución. En cada operación de solución págase unha peaxe, un alto prezo, e xeranse efectos involuntarios que contribúen a acrecentar os custes das solucións futuras ou a facer máis complexo o problema. Así, cada nova solución que se ensaie resultará máis costosa e, sen desexalo, a árbore do problemas malditos farase máis enramada e mesta, cada ver menos acoutábel e máis impracticábel a súa solución.


18/08/2006
A historia dos tártaros

Mestura de éxodo disidente e revolta armada contra o poder autocrático da imperial Rusia, a dramática fuxida dos camulcos para acollerse á protección do emperador chinés Kiem Long é imaxinada con todo luxo de pormenores por De Quincey que non gastou moito tempo en documentarse sobre aqueles acontecimentos. Nunca pisara a Tartaria e seica case nada coñecía sobre a existencia daquel pobo.
Os que saben da obra de De Quincey sinalan que o estímulo para concibir a historia é unha simple nota a pé de páxina en Decadencia e caída do Imperio Romano de Edward Gibbon. Nesa referencia mínima, Gibbon cita a voluminosa obra duns misioneiros –Mémoires sur la Chine– que lle dedican apenas sete páxinas aos feitos. A segunda apoiatura documental de De Quincey foi un libro de viaxes do alemán Benjamin Bergmann.
Quincey non necesitaba máis. A partir desa minguada masa histórica creou carácteres e personaxes; fabulou tramas e conspiracións; imaxinou paisaxes e climas, reconstruíu feroces batallas e crueis persecucións; recreouse en documentos e memorias inexistentes, e deixou escrita unha narración extraordinaria. Verosimil, engaiolante, impactante, entregada á forza dramática dun romanticismo extremoso. A potencia da súa representación literaria faina pasar por unha narración histórica non moi afastada na súa verosimilitude e certezas da Anábasis de Xenofonte.
Lendo A rebelión dos tártaros chégase a conclusión de que De Quincey sabe máis que os propios protagonistas históricos, el faise cunha visión panorámica que lle permite dar conta de emocións e paixóns, accede aos arquivos imaxinarios da memoria de Weseloff ou é quen de facer unha autopsia demoledora da perfidia de Zebeck Dorchi ou das dúbidas e inseguridades do Khan Oubacha... Salpimenta todo iso con contados datos obxectivos e unha presadiña minúscula de referencias bibliográficas compridamente mastigadas. O resultado é abraiante.
Se os protagonistas da marcha camulca poidesen ler as páxinas de De Quincey, haberían de concordar que aquela dura liberación do xugo zarista foi tal e coma el a describiu, mesmo nas súas letras descubrían feitos que permaceron velados aos seus ollos e cos seus parrafeos cobraría sentido o que vivenciaron, fixeron e padeceron. A ciencia da historia élle por completo allea a De Quincey, a súa mestría reside na súa capacidade para amalgamar imaxinación e emocións, para fabular paixóns e tensións e para idear situacións onde só había descoñecemento.
É moito de agradecer ao editor que nos advirta de que estamos ante unha obra literaria e non diante dun libro de historia. Aínda que ao remate da lectura nada quede da prudente advertencia e fiquemos coa certeza de que demos cabo dunha crónica histórica magnificamente ensaiada por De Quincey.
De Quincey era De Quincey, pero Zaplana non é De Quincey, por iso a súa narración parlamentaria do acontecido nos pasados días de lume en Galiza produce noxo, arrepío democrático e conmove a ira. Coa matería da imaxinación poden modelarse verdades, coa groseira manipulación unicamente se pode enriquecer unha esterqueira. Zaplana é o mantedor da esterqueira demagóxica.
De Quincey escribe para o noso futuro: «Pero desde os outeiros desta terra favorecida, e aínda das chairas cando se achegaban á fronteira occidental, contemplaban a desolación terríbel na que unha vez transcorrira a agonía dun pobo [...] e onde os que sobreviviron á tempestade pasaron días tan aciagos que ao final moitos perderon a memoria, borrados como por unha esponxa, aniquilados e suprimidos todas as lembranzas da súa vida anteior, e moitos outros perderon a razón, algúns nunha melancolía pensativa, outros na axitación do delirio enfebrecido, outros en fin na violenta teimosía, o afusquinamento entolemiado ou a idiotez babeante.»
Cómpre escribir a crónica destes días, non vaia ser que co desgaste do tempo, a representación do ocorrido que vaia quedar non sexa outra que a versión da nova mentira que bastardean Zaplana e Núñez Feijoo. Sabemos ben que quen conta a historia, acaba sendo dono da historia. Esa historia é a nosa. De Quincey estaría da nosa parte, xa se sabe da parte dos tártaros.
17/08/2006
De números e virtudes

O Partido Popular maximiza a destrución e minimiza o número de incendios para agrandar así o fracaso do dispositivo de extinción. Houbo poucos lumes pero ardeu moito, fallou a organización e a dirección do servizo de extinción. Desvíase a atención dos incendiarios cara aos responsábeis políticos, rexéitase a excepcionalidade da campaña de lumes de 2006 e non se recoñece a existencia dos chamados lumes estratéxicos, menos aínda de nada que poda ser tildado como terrorismo forestal. Incapacidade, ineficacia, inexperiencia. Un argumentario simple, facilmente usábel. Como subprodutos de consumo popular: satanización de Nunca Máis, camuflaxe de responsabilidades na política forestal de varias décadas, aparicións espectaculares nas zonas cero de crise pero só en controlados cotos electorais do PP. Santificación dos alcaldes. Glorificación dos gobernantes do Prestige, das vacas tolas e de dezais anos de lumes estivais.
Os clásicos estimaban a prudencia como a principal virtude política. A nosa dereita non é nada clásica, é moi moderna, modernísima e, en consecuencia, frívola, epidérmica e falsaría. Grazas á dereita (pero non só), a democracia tórnase en moitas ocasións nun vertedoiro de demagoxia e desinformación. Cando o Partido Popular se instala no goberno practica como norma suprema non a prudencia senón a pasividade; cando lle tocan as bancadas da oposición simplemente se entrega ao oportunismo e ao seu irmán bastardo o alarmismo.
Desbotada polos conservadores, a esquerda das liberdades e das nacións debería tomar a prudencia como bandeira propia, a prudencia e mais a súa irmá nada compracida, a crítica. Como deixou escrito Octavio Paz: «A prudencia está feita de sabedoría e enteireza, afouteza e moderación, discernimento e persistencia na actuación.» A crítica será necesaría para idear unha política contra o lume e a prol dos nosos bosques que sexa un exemplo notábel de coherencia, claridade de obxectivos, teimosía nos medios destinados, persistencia nas vontades, habilidade negociadora, capacidade de integración, e intelixencia para comunicarlla aos cidadáns. Os números unicamente nos deixan ese camiño. Todo o resto aínda o podemos elixir libremente nós.
15/08/2006
Einstein revisitado

Leo, nestes días de tregua incendiaria, un texto einsteniano que discute a tese de Larsson. Lonxe de vivir aillado do mundo, focalizando unicamente a súa atención na física téorica, Einstein tiña unha visión crítica da orde capitalista e do tramado social, cultural e político que abeira e deixou constancia diso nun breve pero afoutado ensaio que titulou «O socialismo nunha época de transición».
Ese texto foi recuperado por Hacer Editorial que o publicou, en 2005, un mínimo volume que, baixo o título O socialismo e o futuro da humanidade, encaderna tres artigos que viron á luz na Monthy Review entre 1949 e 1989. Á achega, un tanto excéntrica, de Einstein únense dúas reflexións de afamados pensadores neomarxistas como son o finado teórico da cultura Raymond Williams e o economista Paul Sweezy.
O ensaio de Einstein apareceu no número inaugural da Monthy Review en maio de 1949 e nel ofrécese como un socialista nada relativista que repara na que entende que é a esencia da crise do capitalismo: a relación antagónica entre o individuo e a sociedade; unha relación que anuda unha dependencia que «o individuo non experimenta como un factor positivo» xa que «os impulsos egoistas da súa personalidade se acentúan sen cesar mentres que os seus impulsos sociais, por natureza máis febles, se deterioran progresivamente» [pp. 22-23]. Esta contradición individuo-sociedade vese avivecida ademais pola «anarquía económica da sociedade capitalista» que «obriga a unha xigantesca comunidade de produtores a despoxarse os uns aos outros dos froitos do seu traballo colectivo, e non pola forza, senón en escrupulosa complicidade coa orde legal establecida» [p. 23].
Eistein non dubida á hora de sinalar que «non é a utilidade social senón a ganancia o que motiva a produción» e que «o móbil do lucro e a competencia» xeran inestabilidade, aleitan as crises económicas e supoñen o desbaldimento de enormes cantidades de traballo e a deformación da conciencia social das persoas. Ademais, tomando como referencia os traballos de Thorstein Veblen, insiste en que aínda non se deu sobardado a «fase depredadora» dun desenvolvemento económico que consagra malfadadamente a mutilación da compoñente social dos seres humanos ao fomentar «actitudes esaxeradamente competitivas» e ao «reverenciar o triunfo en termos adquisitivos».
Para o pai da teoría da relatividade, «o verdadeiro obxectivo do socialismo consiste precisamente en superar a fase depredadora do desenvolvemento humano» e anota: «Estou certo de que só existe unha forma de eliminar estes graves males [que se derivan da organización económica en clave competitiva, lucrativa e depredadora], a saber, implantando unha economía socialista que vaia acompañada dun sistema educativo orientado cara a obxectivos sociais. Nunha economía deste tipo, a propia sociedade é propietaria dos medios de comunicación e utilízaos de maneira planificada.» [p. 27] Esa organización económica debe ter asemade na crenza de Einstein un correlato pedagóxico: «A educación do individuo, ademais de estimular as súas potencialidades naturais, intentará desenvolver nel o sentido da responsabilidade cara aos seus conxéneres, en lugar de glorificar o poder e o éxito como fai a nosa sociedade actual» [p. 27].
Con todo, e malia o seu suposto autismo, a Einstein non se lle pasaron por alto algunhas observacións intelixentes e críticas sobre as emerxentes tendencias da economía e a construción do socialismo de carimbo soviético. Así, enfatizou a dimensión planetaria da economía: «Non é esaxerado soster que, xustamente na época actual [en 1949] a humanidade constitúe unha comunidade planetaria de produción e consumo» [p.22]. Advertiunos contundentemente sobre os perigos da tecnocracia cientificista: «Deberiamos gardarnos de sobreestimar a ciencia e os métodos científicos no que se refire aos problemas humanos e de supor que os expertos son os únicos que teñen dereito a promunciarse sobre cuestións que afectan á organización da sociedade» [p. 17]. Apuntaba unha persistente interferencia económica na democracia mediática e subliñaba como o control privado das principais fontes de información fan «tremendamente difícil para o cidadán particular, e en moitos casos imposíbel, chegar a conclusións obxectivas e usar intelixentemente os seus dereitos políticos» [p. 25]. E alertábanos sobre a necesidade e urxencia de artellar contrapesos democráticos para limitar o poder da burocracia como «forza todopoderosa e suficiente» ao tempo que nos instaba a non esquecer que «economía planificada non é sinónimo de socialismo» [p. 27].
O ensaio de Albert Einstein remata ademais cun alegato en contra da materia nutricia do pensamento único: a acomodación das intelixencias e o medo a reflexionar libremente. «Na nosa época de transición, resulta de fundamental importancia comprender con claridade os obxectivos e problemas do socialismo. Tendo en conta que nas actuais circunstancias a discusión libre e sen inhibicións se convertiu nun poderoso tabú, considero que a creación da Monthly Review constitúe un importante servizo á sociedade.» [p. 28].
A Monthly Review continúa editándose e dando que pensar, e moitas das advertencias, críticas e reflexións debidas a Einstein, ese presunto social-autista, pese ao transcurso de case seis décadas, seguen intelixentemente vivas.
14/08/2006
Liderado liliputiense


Hoxe asistimos a unha mensaxe institucional do presidente Touriño. Unha comunicación cangada de banalidade e falta de concreción. Sen asomo de paixón, os seus parrafeos foron rutineiros e construíron un discurso a partir da materia que xa todos coñecemos. A destempo, as súas palabras nada novo achegaron para a identificación do problema e das súas causas, tampouco serviron para sinalar novas perspectivas. O presidente quixo deixarnos claro o momento en que asumíu o mando das operacións –na mañá do domingo día 6– e que estivo diariamente en permanente contacto con Rodríguez Zapatero. Agradécese, pero agardábase algo máis.

Compromisos son outra cousa, son basicamente concrecións de obrigas. Compromisos serían fixar un mínimo de dotacións e medios para os equipos de extinción; compromiso sería fixar un prazo para a estimación dos males e a execución das indemnizacións; compromisos son aqueles que poñen ano e mes a elaboración dun Plan de Riscos e Prevención de Desastres co establecemento de protocolos claros para a atención das emerxencias e catástrofes; compromisos son, en suma, o adianto dunha batería de iniciativas para poñer couto ao urbanismo salvaxe e protexer os nosos bens naturais, para adiantar cales van ser os criterios para proceder á reforestación ou, por exemplo, indicar que políticas se van artellar para aproveitar a biomasa. Nada diso se asomou nas palabras presidenciais. Nada diso parece constar, polo de agora, na súa axenda política.
Os asesores de Pérez Touriño erran sistematicamente cada vez que queren engordar artificialmente o seu presidencialismo. Os deseñadores do Gran Home ofrecéronnos hoxe unha política liliputiense, diminuída e pobre, máis propia dun Delegado do Goberno que dun Presidente de Galiza. Con todo, hai que recoñecerlle que si marcou diferenzas cos que nos desgobernaron antes, pero iso a estas alturas só sirve para recibir o apoio dos que cren que neste país só é posíbel un cambio gatopardiano. En Liliput sería unha auténtica revolución, en Galiza representa un cambio mínimalista. Un gran paso para o Presidente, un paso demasiado curto para o novo goberno de Galiza.
13/08/2006
Os dous alfredos
A primeira ofensiva da campaña de lumes de 2006 cuase infartou o dispositivo de extinción artellado pola Consellaría de Medio Rural, pero este verán de lapas e fumes ademais puxo en primeiro plano o déficit de seguridade que padece Galiza.
Cando melloren as cousas, compriría non perder de vista a carencia de políticas de seguridade que magoa na actualidade ao Autogoberno galego. Galiza non ten trazado un Plan de Riscos, pero podemos recoñecer ben evidentes déficits; problemas de siniestrabilidade vial; incendios e abundantes delitos ambientais de baixa e mediana intensidade; e inseguridade marítima e carencia de medios de socorro e protección no litoral sinalan algúns dos principais capítulos. Problemas de seguridade cidadá que deberían dimensionar as funcións e recursos da Polícia Autonómica que realmente necesitamos. Toca investir en seguridade vial, ambiental e marítima.
Agora o servizo de prevención-extinción está tolleito por non dispor ademais dun dispositivo de investigación e persecución do crime focalizado nos lumes provocados. O binomio prevención-extinción é insuficiente, necesitamos dunha triade para ser realmente eficaces: prevención-extinción-investigación policial. A Xunta de Galicia e mesmo o Estado adoecen actualmente de capacidade punitiva para a persecución da criminalidade que convoca esta ondada de incendios. A impunidade favorece a reiteración criminosa e o dano multiplicado.
Na actualidade, un eixo de necesidade política une aos dous Alfredos: a Pérez Rubalcaba e Suárez Canal, a combinación do labor policial e da acción de extinción apúntase hoxe en día como a única estratexia practicábel para atallar os incendios criminais e o incendios debidos á neglixencia e ás causas naturais. Despois haberá tempo para enfiar planos máis requintados.
Cando se levante o fume da crise do verán de 2006, paradoxalmente moitas destas cuestión volverán ser invisíbeis ou acabarán engulidas polas rutinas das políticas que arrastramos do pasado. Na Xunta de Galicia, as inercias aínda poden máis que a vontade innovadora, o convencional cotiza máis que o rupturista, o cortopracismo embafa a ollada estratéxica.
Para enfrontar os incendios necesitamos un novo modelo de política forestal e de extinción, para encarar aos incendiarios unha nova Policía Autonómica e para corrixir a desestruturación social que fende as comunidades rurais novas políticas de benestar que reduza a vulnerabilidade das persoas maiores ás que deixamos abandonadas ás súas forzas nas nosas aldeas e casaríos. Se non o facemos así a campaña do lume de 2007 será aínda moito máis destrutiva e rematará por consumir as limitadas enerxías que fixeron posíbel o cambio político en Galiza.


Na actualidade, un eixo de necesidade política une aos dous Alfredos: a Pérez Rubalcaba e Suárez Canal, a combinación do labor policial e da acción de extinción apúntase hoxe en día como a única estratexia practicábel para atallar os incendios criminais e o incendios debidos á neglixencia e ás causas naturais. Despois haberá tempo para enfiar planos máis requintados.
Cando se levante o fume da crise do verán de 2006, paradoxalmente moitas destas cuestión volverán ser invisíbeis ou acabarán engulidas polas rutinas das políticas que arrastramos do pasado. Na Xunta de Galicia, as inercias aínda poden máis que a vontade innovadora, o convencional cotiza máis que o rupturista, o cortopracismo embafa a ollada estratéxica.
Para enfrontar os incendios necesitamos un novo modelo de política forestal e de extinción, para encarar aos incendiarios unha nova Policía Autonómica e para corrixir a desestruturación social que fende as comunidades rurais novas políticas de benestar que reduza a vulnerabilidade das persoas maiores ás que deixamos abandonadas ás súas forzas nas nosas aldeas e casaríos. Se non o facemos así a campaña do lume de 2007 será aínda moito máis destrutiva e rematará por consumir as limitadas enerxías que fixeron posíbel o cambio político en Galiza.
12/08/2006
A procura da trabe de ouro

Política de terra queimada

Para a estratexia difusa abonda con espontaneismo, a imitación e unha complicidade suicida, e diso o país está provisto de máis. Hai poderosos intereses económicos, previsións de lucro, perda de ingresos previstos... Hai grupos e persoas descontentas, hai xente atrapada nos males da cabeza, hai sobradada capacidade para saber facer o mal moi ben, hai explicacións exculpatorias suficientes, hai omertá familiar para evitar que a desgraza tinture a todos os do clan. Hai, en definitiva, un sumatorio de recursos anticomunitarios o suficientemente grande como para soster unha política de terra queimada. Non creo que haxa un Plan Director da Política de Terra Queimada, nin tampouco o seu Consello de Administración ou Estado Maior.
Sospeito, logo, que o foco principal da desputa en torno á teoría da conspiración céntrase sobre se hai intencionalidade política en toda esta guerra de lumes e devasas. Non creo que sexa discutíbel que en converxencia coa campaña do lume está a campaña do Partido Popular que entende que esta é unha excelente ocasión para erosionar ao Goberno Bipartito (Algo máis claro que a tese fraguiana da correlación gobernos de coalición = máis incendios?). O partido dos conservadores desexa aproveitar a catástrofe para legalizar a súa política de desfiuzamento do monte galego e a santificación da industria do lume que axudou a crear. A súa base militantes está implicada activamente na descalificación revanchista de Nunca Máis, ao tempo que pretende rehabilitar aos seus dirixientes da súa incompetencia identificando a crise do Prestige coa guerra incendaria. E, en medio do caos, quere reforzar o papel salvador dos seus alcaldes cos ollos postos nas vindeiras eleccións municipais.
Trátase dese mesmo Partido Popular que se opon frontalmente ás tres políticas que a ofensiva incendaria quere levarse por diante: unha nova política de desenvolvemento que non nos desertice o monte e o rural, unha xestion sustentábel do territorio e os seus recursos; e a contención do urbanismo salvaxe.
Sen hai aire non hai lume. Ben que me gustaría saber quen achegaron as chamas primeiras que iniciaron esta guerra despiadada, pero non teño ningunha dúbida sobre quen lle dá aire, moito aire político e mediático. Son eses mesmos señores que nos desgobernaron durante décadas e que agora se ofrecen para salvarnos do lume, da incompetencia e da falta de políticas. Terríbel retorno ao pasado.
Estes días, as xentes das brigadas repítennos que ao lume nunca hai que perdelle a cara, que é un ser traizoeiros, que sempre quere gañar, e que non lle importa o prezo da súa vitoria. Magnifica definición da talentosa estratexia do Partido Popular. Ao eles tampouco se lle pode perder nunca a cara.
O principal efecto negativo da confirmación da trama incendiaria (difusa/concertada/concentrada –rísquese o que non proceda) é crer que todo o que se fixo está ben feito, que basta con persistir e non que non hai nada que emendar, corrixir e mellorar. Neste coma noutros moitos casos, queima máis a compracencia que a reflexión autocrítica.
10/08/2006
A visita

Desde a anterior visita do lume nada mellorou. Cercados por matogueiras e bosque abandonado que nunca se rareou, onte libraron a autorización para proceder a limpeza do perímetro da aldea. Chegou cando xa non era necesario. As labaradas fixeran o seu traballo. A burocracia é máis lenta que o lume. Fallou a prevención. Funcionou penosamente a extinción. Confiemos ter mellor fortuna coa repoboación e a reconstrución forestal.
Onte pagámoslle o seu tributo ás eficientes lapas. Elas deixáronnos unha paisaxe de pesadelo, con formas reveladas pola cinsa e as chiscadelas quentes de xoguetonas lumieiras. Vixilámolas toda a noite exercendo de somatén cívico, facendo novos amigos e complicidades. Perdimos os bosques, gañamos lazos de veciñanza trenzados con solidariedade pero tamén cunha agrisada desesperanza. Un episodio máis da guerra contra o lume e o invisíbel exército de incendarios. Onte estivemos a piques de perdelo todo. Non foi así e ademais gañamos unha certeza: podemos vencer ao lume, pero o fundamental é ganarlles aos incendiarios, a eles e aos que lles tecen as coartadas.
09/08/2006
Onde hai fume, hai lume

Quizais, como no conto de Edgar Allan Poe, as evidencias incriminatorias están á vista de todos e por iso pasen doadamente desapercibidas. Moitas veces, a visibilidade excesiva agocha paradoxalmente a evidencia.
A escea do crime e o modus operandi

Ademais dos danos ambientais e económicos, procurase causar temor e, da man do malestar cidadán xerado pola inseguridade, provocar o desgaste político do Goberno bipartito.
A campaña de lume de 2006 aléitase, de certo, de moitas causas, pero procura, á vista de todos nós, un obxectivo eminentemente político: o fracaso da nova política de prevención e extinción de incendios ou, máis globalmente, o derrame da política agraria e forestal coa que está comprometida a Consellaría de Medio Rural.
Quen son os damnificados pola política agraria e forestal e a nova estratexia de extinción de incendios? Quen se sentirían máis motivados polo seu fracaso? Beneficiarios evidentes, pero aparentemente invisíbeis, son os propietarios e axentes inmobiliarios que procuran, directa ou indirectamente, unha recalificación dos terreos ardidos; os (des)empregados da «industria dos incendios» e os alcaldes que xestionaron de modo clientelar, nos últimos dezaseis anos, as brigadillas de loita contra o lume. De ser os damnificados, ou os principais beneficiarios dun fracaso da nova estratexia de prevención-extinción, a ser os autores materiais dos incendios hai un treito inmenso.
Por iso cómpre insertar unha advertencia preliminar.
Advertencia preliminar
Todo o aquí escrito é ficción que imita á vida real. Nada do dito é certo ou deixa de selo. Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Non se dan nomes propios porque todo é anónimo. O que vén a seguir non é unha teoría, nin unha hipótese de traballo, simplemente é unha especulación, ou nin iso, é tan só a trama retorta dunha mala novela negra. Negra como a neboreira entolda o ceo da Amaía. Como o lume, as verdades incómodas queiman. Por iso non hai que xogar co lume. Nin coas verdades.
1. Os «apoderados» do lume e o tentador lucro inmobiliario

Nunha Unión Europea deficitaria en recursos madeirábeis, unha explotación racional e sustentábel dos recursos do bosque ben poidera ser un dos alicerces nos que estear novas estratexias produtivas para o desenvolvemento rural. Esta política bate coas preferencias dos axentes económicos interesados na recualificación dos usos desas superficies.
A tese é ben simple: vale máis o terreo que o que nel se produce. A desvalorización dos produtos forestais contrasta coas elevadas plusvalías e os lucrativos beneficios xerados pola actividade inmobiliaria. A conversión de amplas zonas forestais nun parcelario de solo urbanizábel sinala un apetecíbel «nicho de negocio», unha oportunidade que non se pode deixar pasar por alto.
O esgotamento do modelo de marbellización do litoral mediterráneo favorece que os ollos se viren cara os litorais menos saturados de Galiza. Adicionalmente, a concentración demográfica que se está a producir na Galiza da AP-9 multiplica a demanda de solos urbanízabeis no corredor A Coruña-Vigo.
Certo é que, segundo as leis vixentes, as superficies arboradas destruídas polo lume non poden ser recualificadas e han manter o seu uso orixinario durante 30 anos. Con todo, hai baleiros normativos e aplicacións máis que dubidosas do planeamento urbanístico que permite recualificacións máis ou menos camufladas.
Por outra parte, a destrución masiva de zonas de monte aumenta a «presión moral» sobre os lexisladores e un dos efectos da «economía da catástrofe» é sempre a liberalización dos corsés legais para facer efectiva unha compensación ás vítimas que, a poder ser, non recaia nos enfraquecidos tesouros do Estado.
Desprovistas os terreos de valor produtivo, como negarlles aos malfadados propietarios que, ao menos, unha parte das estragadas superficies arboradas se poidan tornar en terreos urbanízabeis? Como oporse se ademais sirve para fixar poboación a concellos en claro retroceso demográfico, cun importante quiñón dos seus habitantes moi envellecidos, que viven en situacións de vulnerabilidade social e cunha elevada taxa de dependencia respecto do servizos públicos de benestar?
A economía da catástrofe universaliza e sacraliza as excepcións normativas e, ao abeiro dunha compasión crematística, procurará ao medio prazo a reclasificación de terreos desbaldados polos incendios, xerando así unha bolsa adicional de terreos urbanizábeis a baixo prezo. Da catástrofe agromarán abultadas fortunas. Entre os antigos propietarios dos montes desfiuzados? Case que non, pero algunhas frangullas da grande torta inmobiliaria hanlles de chegar, isto é o mínimo que garante o mecanismo redistribuidor da economía da catástrofe.
2. Os perxudicados pola reconversión da industria do lume

Desde o cambio de goberno adoitáronse unha serie de medidas –unhas máis tímidas, outras moito máis afoutadas– para impulsar a reconversión da industria do lume nun servizo de prevención e extinción. A facturación deixaba estar en relación coa variábel lume/extinción para desprazarse cara a variábel explotación do monte / prevención. Atendéronse con desigual dilixencia as recomendacións mil vez reteiradas para a preservación das masas forestais e a súa protección fronte aos incendios.
Para o ano 2006 a Consellaría de Medio Rural fixouse como obxectivo investir a mesma contía –50 millóns de euros– na explotación dos recursos forestais que no operativo para a apagar os incendios. En febreiro, Medio Rural despregábanse 150 cuadrillas -que integraban 1.100 persoas- en zonas de risco para atender tarefas de prevención, vixilancia e extinción de lumes. O período laboral das cuadrillas ampliábase de febreiro a setembro, concreción dunha vella máxima no sector: os incendios apáganse no inverno.
Outras medidas viñeron a por en marcha unha reorganización das unidades de intervención, negociacións e mobilización sindicais incluídas para desprecarizar as condicións laborais dos traballadores de extinción e axentes forestais. Tamén mudou o sistema de selección de persoal e os procedementos de contratación.
Cambiou substancialmente a composición das brigadas? Non o creo, cambiaron as súas condicións laborais (posíbelmente non tanto como que quixeran) e a relación coa administración contratante, e si quedou fóra dos case 5.000 efectivos que actualmente loitan contra o lume unha parte significativa dos antigos traballadores da industria do lume. Unha bolsa de descontentos que sinala o segundo gran segmento de damnificados polas decisión da Consellaría de Medio Rural.
3. Alcaldes desprovistos dun antigo recurso clientelar

O desencontro de Medio Rural coa alcaldes do Partido Popular ven de vello. A paralización de 247 expedientes de obras decididas in extemis polo Goberno de Manuel Fraga puxo a Suárez Canal no punto de mira do todopoderoso sindicatos de alcaldes populares. Nas manifestacións enfervoadas diante do Parlamento de Galicia en novembro de 2005 berraban indignadísimos: «Con Suárez Canal o rural vai mal». Esta sorte de enemistades tardan en esquecerse.
Por iso a significación deste dato non é menor: 30 concellos, gobernados polo Partido Popular, negáronse a subscribir as condicións dos convenios con Medio Rural. A razón: a súa negativa a adaptarse aos novos criterios de contratación establecidos pola consellaría, baseados no seguemento estreito do proceso, con presenza incluída de técnicos da Xunta, e a esixencia de formación axeitada, co fin de evitar prácticas de clientelismo denunciadas en anteriores campañas contra o lume.
Alcaldes e redes clientelares diminuídas en recursos e capacidades sinalan o terceiro segmento de damnificados polas políticas de Medio Rural.
Advertencia final e reiterada
Todo o aquí escrito é ficción que imita a vida real. Nada do dito é certo ou deixa de selo. Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. O anterior non é unha teoría, nin unha hipótese de traballo, simplemente é unha especulación, ou nin iso, é tan só a trama retorta dunha mala novela negra. Negra como a neboreira entolda o ceo da Amaía. Como o lume, as verdades incómodas queiman. Por iso non hai que xogar co lume. Nin coas verdades.
Subscrever:
Mensagens (Atom)