18/08/2006

A historia dos tártaros

En 1830, durante un retiro forzoso no campo, Thomas De Quincey anotou varios temas sobre os matinaba escribir: historia da lóxica, unha biografía do pensador e astrónomo Giordano Bruno, a fuxida dos tártaros camulcos desde Rusia cara á fronteira chinesa... Sete anos máis tarde, en xullo de 1837, De Quincey entregaba á Blackwood's Magazine un longo artigo –Revolts of the Tartars– no se ocupaba daquel singular episodio histórico. De Quincey ficciona, con apariencia de narración histórica, a dramática marcha cara ao Leste emprendida en 1771 por máis de 800.000 tártaros camulcos, desde as beiras do Volga até a Muralla Chinesa.

Mestura de éxodo disidente e revolta armada contra o poder autocrático da imperial Rusia, a dramática fuxida dos camulcos para acollerse á protección do emperador chinés Kiem Long é imaxinada con todo luxo de pormenores por De Quincey que non gastou moito tempo en documentarse sobre aqueles acontecimentos. Nunca pisara a Tartaria e seica case nada coñecía sobre a existencia daquel pobo.

Os que saben da obra de De Quincey sinalan que o estímulo para concibir a historia é unha simple nota a pé de páxina en Decadencia e caída do Imperio Romano de Edward Gibbon. Nesa referencia mínima, Gibbon cita a voluminosa obra duns misioneiros –Mémoires sur la Chine– que lle dedican apenas sete páxinas aos feitos. A segunda apoiatura documental de De Quincey foi un libro de viaxes do alemán Benjamin Bergmann.

Quincey non necesitaba máis. A partir desa minguada masa histórica creou carácteres e personaxes; fabulou tramas e conspiracións; imaxinou paisaxes e climas, reconstruíu feroces batallas e crueis persecucións; recreouse en documentos e memorias inexistentes, e deixou escrita unha narración extraordinaria. Verosimil, engaiolante, impactante, entregada á forza dramática dun romanticismo extremoso. A potencia da súa representación literaria faina pasar por unha narración histórica non moi afastada na súa verosimilitude e certezas da Anábasis de Xenofonte.

Lendo A rebelión dos tártaros chégase a conclusión de que De Quincey sabe máis que os propios protagonistas históricos, el faise cunha visión panorámica que lle permite dar conta de emocións e paixóns, accede aos arquivos imaxinarios da memoria de Weseloff ou é quen de facer unha autopsia demoledora da perfidia de Zebeck Dorchi ou das dúbidas e inseguridades do Khan Oubacha... Salpimenta todo iso con contados datos obxectivos e unha presadiña minúscula de referencias bibliográficas compridamente mastigadas. O resultado é abraiante.

Se os protagonistas da marcha
camulca poidesen ler as páxinas de De Quincey, haberían de concordar que aquela dura liberación do xugo zarista foi tal e coma el a describiu, mesmo nas súas letras descubrían feitos que permaceron velados aos seus ollos e cos seus parrafeos cobraría sentido o que vivenciaron, fixeron e padeceron. A ciencia da historia élle por completo allea a De Quincey, a súa mestría reside na súa capacidade para amalgamar imaxinación e emocións, para fabular paixóns e tensións e para idear situacións onde só había descoñecemento.

É moito de agradecer ao editor que nos advirta de que estamos ante unha obra literaria e non diante dun libro de historia. Aínda que ao remate da lectura nada quede da prudente advertencia e fiquemos coa certeza de que demos cabo dunha crónica histórica magnificamente ensaiada por De Quincey.

De Quincey era De Quincey, pero Zaplana non é De Quincey, por iso a súa narración parlamentaria do acontecido nos pasados días de lume en Galiza produce noxo, arrepío democrático e conmove a ira. Coa matería da imaxinación poden modelarse verdades, coa groseira manipulación unicamente se pode enriquecer unha esterqueira. Zaplana é o mantedor da esterqueira demagóxica.

De Quincey escribe para o noso futuro: «Pero desde os outeiros desta terra favorecida, e aínda das chairas cando se achegaban á fronteira occidental, contemplaban a desolación terríbel na que unha vez transcorrira a agonía dun pobo [...] e onde os que sobreviviron á tempestade pasaron días tan aciagos que ao final moitos perderon a memoria, borrados como por unha esponxa, aniquilados e suprimidos todas as lembranzas da súa vida anteior, e moitos outros
perderon a razón, algúns nunha melancolía pensativa, outros na axitación do delirio enfebrecido, outros en fin na violenta teimosía, o afusquinamento entolemiado ou a idiotez babeante.»

Cómpre escribir a crónica destes días, non vaia ser que co desgaste do tempo, a representación do ocorrido que vaia quedar non sexa outra que a versión da nova mentira que bastardean Zaplana e Núñez Feijoo. Sabemos ben que quen conta a historia, acaba sendo dono da historia. Esa historia é a nosa. De Quincey estaría da nosa parte, xa se sabe da parte dos tártaros.

2 comentários:

Colectivo GZ-Israel disse...

Sen ánimo de provocar. Só como información, eis o blog:
http://galiza-israel.blogspot.com/

Un saúdo

Ian disse...

Grazas, coñezo o blog, e sen medo que a libre expresión nunca será considerada aquí unha provocación.