30/10/2009

Autoridade indiferente

O pensamento conservador (de onte, de hoxe e de mañá) sente unha debilidade esencial pola idea de auctoritas. Autoridade, tradición e relixión identifican os compoñentes básicos do seu código ideolóxico; daquela non é de estrañar que a creba do principio de autoridade arrastre aos fieis do Partido Popular á máis extrema histeria.

No mes de outubro, o estoupido de Gurtel, as avivecidas retesías coa lideresa e as enleadas campistas dinamitaron a auctoritas de Mariano Rajoy, presidente impasíbel do Partido Popular (Aceptemos acriticamente o presuposto de que Rajoy tivese auctoritas algunha vez e de que historicamente sexa algo máis que un declinante epígono do Aznarato).


Agora tan só se debate se Rajoy é un presidente sen autoridade (como opinan os inimigos) ou un presidente desautorizado (como sosteñen os menos inimigos). O xurista e historiador Theodor Mommsem dicía que a autoridade é máis que unha opinión e menos que unha orde e, na súa idea, autoridade era unha opinión que cómpre tomar en conta. De todos é sabido que Rajoy non dá ordes e que as súas opinións se van co vento. É un líder impasíbel e imposíbel.

No tempo das colonias americanas, os Vicerreis practicaban unha fórmula de desobediencia amigábel perante a autoridade da Coroa que hoxe está plenamente vixente no Partido Popular: acatábanse os desexos do monarca pero non se cumprían. Así os baróns «populares» asumen anxelicalmente os ditados presidenciais pero despois fan o que boamente lles peta. E don Mariano castígaos coa súa indiferenza mentres deixa pasar as horas até a súa seguinte desautorización.


Rajoy non o ten doado. O presidente de honra do seu partido, José María Aznar, sinalou os requirimentos de éxito (electorais e políticos) futuros: «Un líder, non varios; un partido, non varios; un proxecto, non varios. A conxunción destas tres cousas a min deume resultado.»
O Aznarato era un réxime de liderado forte construído sobre unha autoridade política central. Aznar era moito máis que un líder era un cruce entre un duce e un condottiero.

Desoíndo a sabedoría popular Mariano Rajoy convocou o comité executivo do PP para o vindeiro martes, vainos chamar á orde no día do deus da guerra. E fixo unha bíblica advertencia: «Teño paciencia, pero Santo Xob só hai un na historia.» Rajoy síntese inspirado e cre estar reforzado pola súa (previsíbel) vitoria na sucesión presidencial de Caja Madrid, folgos que aproveitou para defenestrar a Ric Costa e coa mesma o día 3 intentará facerse aceptar como macho alfa da manda conservadora.

Todo o mundo (menos Rajoy) dá por descontado que non será quen de imporse, queda unicamente por saber se os desconformes, críticos e disidentes lle ensinan os cairos ou se seguen apegados á fórmula vicerreinal de acatar pero non cumprir. Nestes tempos de caos e devalo de ánimo tan só os moi sufridores da santa causa conservadora aceptarán de bo grao a don Mariano como dominamatrix.

Hanna Arendt, que se ocupou ben do tema da autoridade, deixou escrito que «a palabra auctoritas deriva de augere, “aumentar”, e o que a autoridade ou quen a detenta aumenta constantemente é a fundación»; a fundación; é dicir, o patrimonio político ou electoral recibido. E nesta materia a Mariano Rajoy non lle dan saído de ningún xeito as contas.

A diferenza de Camps e de Aguirre, a súa achega de valor de poder engadido é mínimo. Quizais como consecuencia da súa (de)formación profesional, Rajoy consume o seu liderado rexistrando e xestionando pasivamente as propiedades herdadas pero non é quen de ampliar nin o patrimonio nin os seus beneficios. É aínda máis peor: comeza a estenderse pavorosamente a idea de que a súa falta de executividade desbalda actualmente todo o que Aznar lle deixou como legado: un liderado indiscutido, un único partido, cunha única autoridade central e un único proxecto.


O presidente do Partido Popular non anda unicamente mal en
auctoritas, tamén está frouxo en historia sagrada. Debería saber que as desventuras de Xob non son unha parábola sobre a paciencia como virtude necesaria nun mundo de aflicións; é un tratado sobre o sufrimento dos inocentes. E, en toda esta desatinada historia, Mariano Rajoy é calquera cousa menos inocente.

Sem comentários: