
O caso. Efectivamente estamos falando de Alberto Núñez Feijóo, o verdadeiro mentireiro, e da tentativa (marrada) de eliminar o «complemento autonómico» das pensións non contributivas, mostra miúda da súa nova política de «austeridade social».
Cando o Bipartito acordou o complemento, o PPdeG saíu da gruta para quitarlle importancia, mesmo houbo medios de comunicación que despois dunha sisuda investigación concluíron que os douscentos euros non daban para mercar a barra de pan de todos os días ao ano. A contabilidade panadeira desautorizaba toda mínima medida de xustiza á espera de que o Partido Popular chegase novamente a San Caetano co corno da abundancia.
E chegou... para propagandear felizmente a derrogación do complemento. Anunciouno a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, foi argumentada olfactivamente polo voceiro parlamentario do PPdeG, Ruíz Rivas, e bendicida polo mesmo Feijóo apenas unhas horas antes de trasacordar a súa suspensión e facer, en sede parlamentaria, unha cambiada de xogo para santificar solemnemente o mantemento do complemento e, como bonus, a súa suba ao son da medra do IPC.
Antes a Secretaria Xeral de Benestar, Susana López Abella, volvera facer as contas da vella para desprezar os 0,5 euros diarios que percibían os pensionistas con menos ingresos. Os honestos conservadores prometían, a cambio da derrogación benefactora, ríos de leite e mel e financiar cos dez millóns aforrados novos servizos de proximidade e, como non, adoptar políticas de axuda que fosen sustentábeis e duradeiras polos séculos dos séculos, amén. Moito lles ían render os dez millóns dos pensionistas galegos, dos que menos cobran no Estado.

Feijóo é home de principios e autoridade. Así que retornou ao principio, afeoulle a conduta á súa obediente conselleira e ao seu voceiro parlamentario, e ratificou ante a parroquia popular que unicamente hai que salvar a súa auctoritas e imaxe pública. Cambiou de idea e rectificou a decisión anulatoria pero faltoulle a honestidade de recoñecer que realmente trasacordara.
No debate de investidura Núñez Feijóo, aínda pre-presidente, sentou cátedra: «Señoras e señores deputados, coincidirán comigo en que o principal combustíbel para manter o avance deste país é a verdade.» Alguén debería dicirlle ao Señor Presidente que lle comeza a faltar dramaticamente o subministro de combustíbel. O país permanece entalado mentres o Presidente segue virando ao redor do seu embigo mediático, movido unicamente pola imparábel forza das súas verdades mentireiras.
1 comentário:
Os vellos diferenciaban entre honestidade e honradez dependendo da altura do corpo implicado na acción: cintura para abaixo ou cintura para arriba. Esa idea reflectiuse nos códigos penais españois ata o do ano 95, que reservaban un capítulo sobre os "delictos contra a honestidade", xa sabe: violación, abusos "deshonestos", estupro...
Enviar um comentário