
A falta de capacidade para enfrontar a crise económica con medidas eficaces é o factor fundamental dos descontos electorais do PSOE. As catas demoscópicas son anteriores ás revelacións do caso Gürtel pero as corruptelas e indicios de corrupcións maiores fan perder ao Partido Popular aproximadamente un 5 por cento dos seus apoios. É previsíbel que, aínda que con demora, os conservadores padezan maiores descontos electorais en posteriores sondaxes. A negativa de Ric Costa a exercer como comedor dos pecados (propios e alleos) agranda a fondura da crise do Partido Popular. O pasado martes e 13 será difícil de esquecer na rúa Génova. Agárdase de Rajoy un exercicio de autoridade. Canto máis tarde, peor será para o seu futuro político.
Por unhas razóns, ou por outras, a lexitimidade e o crédito cidadán de PP e PSOE sofren un acusado devalo pero, de momento, iso non se traduce nas enquisas nun aumento de audiencia doutras ofertas partidarias. Nunhas vindeiras eleccións, UPyD posibelmente confirme a súa condición de terceira forza política no Estado, por diante de Izquierda Unida, pero aínda está moi lonxe de ser unha ameaza para conservadores e socialistas. O entalamento electoral de CiU, PNV, mais tamén do BNG, e o retroceso de ERC, descartan significativas transferencias de lealdades en Cataluña, Euscadi e Galiza.
Todo empeora pero pouco cambia na cartografía electoral. Neste estado de cousas, a solución de goberno segue sendo, malfadadamente, cousa de dous partidos que referencian os dous grandes espazos políticos tradicionais dos socialdemócratas e dos conservadores. Un bipartidismo, de minguante crédito, hexemoniza o sistema de participación política; aínda así, multiplícanse os indicios de que a crise política será de tanto calado como a depresión económica e que todo conduce cara a unha segunda transición da que sairá unha nova ordenación de poderes e un novo estado de partidos.
En 2006, Ralph Dahrendorf, ante o xermolar de liderados populistas, reflexionaba sobre a crise dos partidos tradicionais e concluía que necesitaban «con urxencia recuperar o apoio dos cidadáns» e que para iso «necesitan claridade programática, honestidade organizativa e unha boa comprensión das inquietudes dunhas sociedades que perderon as súas estruturas tradicionais».
É improbábel que PP e PSOE decidan un cese temporeiro de hostilidades e acorden apuntalar o actual sistema de representación de intereses e mellorar a calidade das súas solucións á crise política e económicas investindo na eficacia dos seus programas, na transparencia das súas organizacións e decisións, e nunha coidada atención das demandas e desexos dos cidadáns. Deberían ter presente que con esta axenda quen teña coraxe, terá vantaxe. Indolentes, mellor absterse.
Sem comentários:
Enviar um comentário