O Movemento 1-M amalgamou o PPdeG cos intereses de grandes corporacións empresariais, directivos de entidades financeiras, poderosos grupos mediáticos e organizacións contrarreformistas como Galicia Bilingüe ou as extensións sociais da Igrexa católica máis reaccionaria. Conglomerado conservador que serviu para fidelizar os apoios electorais herdados do fraguismo e tamén para erosionar gravemente os fráxiles alicerces do goberno bipartito, ensimesmado e xordo ás demandas críticas dos cidadáns.
En 2005, BNG e PSdeG foron ás eleccións acompañados da sociedade civil que mobilizara Nunca Máis e que despois tornou, con Hai que botalos, nunha alternativa cidadá para o cambio político. En 2009 acudiu en solitario o goberno bipartito, mesmo mal acompañado dos partidos que lle tiñan que ter dado asento social, dramaticamente divorciado da maioría dos axentes civís, non adscribidos a PSdeG ou BNG, que foran unha forza decisiva na derrota de Fraga.
O Bipartito non callou coalición ningunha cos sectores cidadáns que se comprometeran coa procura do cambio en Galiza e fracasou estrepitosamente na socialización das políticas de goberno. Cedendo a un exitoso lema comercial, socialistas e nacionalistas non foron quen de concretar na Xunta a fórmula Ikea que asegura que «onde caben dous, caben tres».
Polo seu, as expresións críticas da sociedade civil, agromadas entre 2005 e 2009 –serva como referencia Galiza Non Se Vende– traducíronse nun factor de desconto de apoios electorais ao Bipartito. A crenza de que se estaba a producir unha transferencia de lealdades de votantes conservadores cara ao BNG e PSdeG que compensaba esas perdas «críticas» foi un dos moitos espellismos que nos impuxemos e que conduciron ao fracaso de marzo.
En 1993 Manuel Vázquez Montalbán retratou unha situación á que se asemella a de Galiza hoxe: «A esquerda real debe dedicarse a dar máis papel aos movementos sociais que ás formacións políticas convencionais. [...] Sinto a necesidade dunha articulación e dunha certa coordinación do que poderiamos chamar a vangarda crítica da sociedade civil, a través de movementos sociais. De feito, a única garantía que nos pode quedar nun momento concreto de defensa ante unha tentación involucionista [...], ante un involucionismo profundo, é que a vangarda da sociedade civil tivese instrumentos para propiciar unha reacción de carácter social. E niso estamos espidos.»
Á febleza da sociedade civil crítica hai que sumar a influencia multiplicada das organizacións, medios e corporacións que compartiron coalición electoral co PPdeG e son arestora influentes grupos de presión involucionista que, ao tempo, que se proclaman fedatarios únicos da sociedade civil, da voz da rúa ou dos axentes económicos emprendedores, aspiran a forzar un rumbo aínda máis conservador das xa moi conservadoras políticas do goberno Feijóo. A día de hoxe a política lobbista que abeira o Movemento 1-M determina as decisións gobernamentais infinitamente máis que a oposición parlamentaria e os movementos sociais progresistas.
Se se quere dar unha nova oportunidade ás políticas de cambio en Galiza, o mellor camiño non é unha alianza cativa entre BNG e PSdeG, é precisa unha gran coalición que recupere iniciativa política e de arrastre electoral a partir do protagonismo dos axentes da sociedade civil crítica. Crer que só os partidos se presentan ás eleccións e que a oferta espida e en solitario de BNG e PSdeG é suficiente para lograr un cambio de goberno en 2013 unicamente ha de servir para que a alianza do PPdeG cos lobbies conservadores agranden o seu dominio. Teñámolo claro, non haberá dous sen tres.
Tempos Novos # 149
7 comentários:
Diagnose moi acetada. Parabens
Moi acertada diagnose... pero non me cadra coa alineación do autor na última asemblea nacional do Bloque.
En fin, parabéns pola caída do cabalo! Xa non hai que ir a Damasco...
Anónimo, que aliñación astral é esa que me impediu ver a luz? A de ter votado pola Alternativa? ou de Non ter votado polo Irmandiños? Non fai falla que me perdoe a vida, xa lle ando algo maior para iso, podo cargar cos meus erros e acertos sen necesidade de penitencias, pero de todas maneiras grazas por pagarme a viaxe a Damasco.
Ah esqueciame! Non lembro que ninguén defendera na última asemblea a necesidade de facer desde o BNG unha alianza estratéxica a dúas bandas, cos antigos socios de goberno, e con movementos e axentes sociais... nin entre os da alternativa, nin entre os de +BNG, nin entre os de Encontro Irmandiño.
Sr. Ian, sintoo pero discrepo con parte do escrito, particularmente coas palabras que referencia de Montalban.
Creo que unha sociedade civil activa 'e efectivamente unha garant'ia democr'atica e de progreso. O que non acabo de ver 'e como se debe encauzar a relaci'on entre, digamos, a esquerda pol'itica e a esquerda social...
Por un lado, pola multiplicidade de orientaci'ons e, admit'amolo, de intereses desa esquerda social.
Por outro lado porque xa damos por feito que a democracia representativa s'o pode manifestarse hoxend'ia v'ia grupos de presi'on social. 'E certo que os poderes econ'omicos tenhen socabado o funcionamento desa democracia. Do mesmo xeito, hoxe en Galiza os lobbies reaccionarios campan as s'uas anchas... Ante isto algunha preguntas:
- Que lles queda aos cidad'ans que desenvolven as s'uas preferencias pol'iticas independenteme deses grupos (a'inda de que participen tam'en socialmente)? Damos por feito que a decisi'on do cidad'an s'o pode materializarse por esa v'ia? Non 'e iso tam'en unha deturpaci'on da democracia?
- Non cre vostede que o goberno Feijoo e o PP est'a cavando a s'ua propia tumba atendendo xustamente a eses esquemas de funcionamento? (o artigo de X.M. Pereiro no Pais creo que de onte 'ia nesa linha)...
Non sei, 'e cuesti'on de debate, como dir'ian os resentidos... temos que reflexionar...
O votante de esquerda, e sobre todo, o votante de esquerda nacionalista é hipercrítico até o exceso.
O problema da masa socialista-nacionalista foi precisamente non entender que fai falta contar cun lobbie empresarial de apoio e que non é só o que fas senón como se venden os éxitos á sociedade.
Fóra as vosas suxas (e bloqueiras) mans de Vázquez Montalbán!
Enviar um comentário