10/10/2009

Casa Gürtel

Gürtel comeza a pasar factura tamén en Galiza. Seguindo a estratexia da indiferenza ditada polo sempre iluminado Mariano Rajoy, Núñez Feijóo prefire (aparentemente) ollar para outro lado, neste caso para o prezo do leite. A extensión da enxurrada de corrupción fai conveniente que deixemos de falar do Caso Gürtel para chamarlle xa Casa Gürtel, o asunto da corrupción e financiamento ilegal non é un anomalía puntual, é a norma, o xeito normalizado de manexar os asuntos do diñeiro e o poder en todo goberno no que o Partido Popular suma, con continuidade, maiorías absolutas. A irregularidade é a marca da Casa.

En Casa Gürtel goberna a caixa B, a dobre contabilidade e a dobre moral, o desbaldo dos servizos pagados pero nunca realizados, a confusión do público co privado, a repartición do orzamento público como botín, o nepotismo e, durante moito tempo, a soberbia fachenda da impunidade. O esterco da Casa Gürtel abonou, e abona, as florecentes maiorías absolutas do Partido Popular. A omertá, a limpeza dos trapos sucios na casa, non falar mentres se teña a boca chea, apertar o cu nos momentos difíciles e manterse amigabelmente unidos no búnquer e discretamente arredados nas caixas de caudais ou de seguridade dos bancos son algunhas das normas domésticas que dita a economía moral da Casa Gürtel.

Agora que a prisión e a ruína ameazan á outrora podente Casa Gürtel, vale aínda máis a indicación de Walter Benjamin: «Nas ruínas dos grandes edificios a idea do seu proxecto fala con máis forza que nos edificios de menores proporciones, por ben conservados que estean.» A ruína de Gürtel explica mellor a idea de goberno do Partido Popular que o goberno pretendidamente austero e franciscano de Núñez Feijóo e outros intelixentes bolseiros da Fundación Gürtel para unha Gobernanza Decente.
Quizais por iso Feijóo, rexeneracionista pasivo, cre que alterando a orde de factores pode alterar o produto e quere salvar a honorabilidade do Partido da Casa Gürtel: «Se hai persoas que se aproveitaron, se lucraron da súa pertenza a un partido político, ese partido ten que apartalos.»

Non obstante, o espello xudicial devolvenos esa imaxe pero virada: hai un partido político que tamén se aproveitou desa trama empresarial corrupta para financiar (parte non pequena) da infraestrutura base da súa hexemonía política en Galiza, Valencia e a Comunidade de Madrid... Os emprendedores de Gürtel facían cartos, para eles e para a caixa do partido, engraxando a maquinaria da dominación política do Partido Popular. Feijóo quere que ollemos o dedo, non a lúa.


Mentres Manuel Fraga segue confiado en que a historia o absolverá, Feijóo sentou as bases da súa estratexia de defensa. En 1999, annus horribilis de Casa Gürtel en Galiza, confésanos o noso incorruptíbel e austero presidente que non estaba afiliado ao Partido Popular, el abrazou primeiro a nómina de alto cargo e despois o carné. Feijóo é un militante novo milenio, antes dedicado tecnócrata e, despois da maioría absoluta de Aznar, xa un decidido home de partido a partir de 2001. Daquela el só era un honrado servidor público do goberno máis grande do Partido da Casa Gürtel.


Esa devasa cronolóxica para arredarse da economía negra de Casa Gürtel acompáñase da consabida procura de alguén a quen botarlle o morto. Comezou a selección de as cabuxas expiatorias e os comedores de pecados no Partido Popular. O tres de Madrid paparán a súa ración e tamén o rancho dos que se sentan na modesta mesa de Esperanza Aguirre. Ricardo Costa fai o Camiño de Santiago para expiar as culpas do campismo.

En Galiza o morto botaráselle a Xosé Cuíña que xa descansa dous metros baixo terra. A estratexia de Feijóo pasa, perdoen a negrura, por enterrar as súas responsabilidades xunto co (presunto) responsábel. Ocuparanse os homiños do presidente de deslizar onde conveña que el é un militante novo milenio que entrou no Partido Popular da man de Romay Beccaría que, xunto con Mariano Rajoy, lideraban en Galiza a oposición aos demandos do caudillo do Deza, co beneplácito de José María Aznar. E a seguir preocupándose do prezo do leite.


Casa Gürtel será (presumibelmente) condenada nos xulgados, veremos até canto é castigada nas urnas, pero triunfa e seguira triunfando na escola de negocios. Por iso Feijóo debería principiar a pensar na factura que vai ter que pagar por ser actualmente o brillante administrador da herdade galega da Casa Gürtel. A factoría de conciencias de Sabón traballa xa a pleno rendemento delimitar o que é correcto e o que é indecente.

Como no tempo da outra gran crise de lexitimidade do PPdeG, a provocada pola catástrofe do Prestige, a Corporación converterase no principal partido da leal oposición, será ela quen xestione as críticas para evitar que o desgaste se torne en rédito electoral para o PSdeG e o BNG e para só contabilice en beneficio da súa facturación. Por venda de xornais mansamente críticos. Por favores debidos.

5 comentários:

arume dos piñeiros disse...

De todas maneiras, vai ser difícil ocultar os 17000 folios por moito tempo: as noticias de hoxe parecen apuntar algo.

xOsse dorrío disse...

O caso ou Casa Gürtel xógase en dous campos, o interno e o externo. No interno Basagoiti acaba de atrolepar a Feijóo, que xa se vía na Moncloa, ó dicir que lle dá asco o que está pasando no PP. Feijóo tamén di cousas así, máis a diferencia do vasco, este si ten corruptos nas súas filas aos que é incapaz de tocar.

No campo externo, todo está nas mans da cidadanía, e vendo como as enquisas avalan a xestión austera de Camps ao fronte da Generalitat, cumpre ser pesimistas. Vai ser certo aquilo que dicía Anguita de que a verdadeira corrupción está na sociedade, non nos políticos... ou algo así.

o pArAsiTo disse...

moi ben a reflexión, mais acho que erras nunha cousa: O Ghurtel e a corrupción institucionalizada non lle vai restar ún voto ó PP na Galiza. E logo desto inda vai haber outro 'prestige' e cando venhan as eleccións o PP quitará a mesma santísima maioria absoluta dos collóns.

Tercera Opinión disse...

Con respecto a todo esto de la trama Gürtel y de los sinvergüenzas de nuestros políticos (sean del partido que sean) me gustaría invitarte a leer mi último artículo:
"NO ES PAÍS PARA HONRADOS"

http://www.terceraopinion.net/2009/10/11/no-es-pais-para-honrados/

Un saludo.

Pedro Bravo disse...

"En 1999, annus horribilis de Casa Gürtel en Galiza".

Esse é ano em que insiste o PP. Mas nada a ver com a prescrição de certos delitos aos dez anos...