
O espectáculo que nos regalou o Partido Popular é un híbrido da derradeira noite do Titatic e do camarote do irmáns Marx. Drama e disparate. O seu balance provisorio pode resumirse no retrouso da canción de Rubén Blades: «Yo que pensaba 'hoy no es mi día estoy salá', pero Pedro Navaja tu estas peor, no estás en na'». Aínda que resulte ben difícil determinar se é Camps ou Rajoy quen protagoniza a escea terminal de Pedro Navajas.
Entre o imposíbel e o inevitábel

Á marxe de todas as reservas sobre posíbeis efectos electorais negativos do escándalo da economía en negro do Partido Popular, a exposición pública dos trapos sucios da casa Gürtel e o desencontro con Camps esnaquizan de vez a coalición de intereses que callou no Congreso de Valencia no que se renovou o liderado de Mariano Rajoy tras a derrota electoral de 2008. Nestes momentos, continuidade ou refundación é unha dicotomía enganosa, non hai posibilidade ningunha de continuidade, pode haber refundación con Rajoy ou sen Rajoy, pero os tempos de Rajoy como continuísta sen complexos pertencen ao pasado. Toca liderar unha refundación non gatopardiana do Partido Popular.
Liderado pasivo

A listaxe de atributos desexábeis para un líder é inmensa, Isaac Berlin anotou algúns dos requirimentos básicos:
Damos confianza a determinadas persoas non polas súas calidades intelectuais, senón porque lles atribuímos bo ollo, sentido e olfacto político, porque cremos que non nos defraudarán cando veñan os momentos de tensión e conflito, porque confiamos no seu sentido de ponderación e equilibrio necesarios para manter as coalicións necesarias e non xerar antagonismos innecesarios.A tradución que Mariano Rajoy fai destas palabras é: «Din unha resposta política axustada a cada caso concreto», o que quere dicir exactamente é que se entregou ao wait and see, ao quietismo decisional e, sobre todo, á innovadora estratexia de indiferenza. Aqueixado da síndrome de Bartleby, diante de calquera encomenda de liderado, Rajoy sempre prefire non facelo.
Está dispoñíbel na rede Líderes para el cambio social, un magnífico traballo colectivo de Ignasi Carreras, Amy Leaverton e María Sureda. Nin ten que dicir que Rajoy non encaixa con modelo positivo de liderado de cambio ningún. Nas súas páxinas Carreras debulla diferenzas entre xestores e líderes que ben resume nunha frase: «Os líderes xeran cambios. Os xestores conseguen resultados predicíbeis.»
O plus de resistencia

Rajoy segue confiando en que ninguén se arrisque a moverlle a cadeira aínda que só sexa porque no soto da súa conciencia comparte a definición que Elbert Hubbard deu dun conservador: «Un home demasiado covarde para loitar e demasiado gordo para fuxir.» O presidente do Partido Popular confía no peso dos intereses compartidos por todas as tribos conservadoras e na covardía dos presuntos sucesores que ían ter que estrearse cunha problemática rendición de contas ante os cidadáns por causa das retesías internas, do Gürtel e da perda de iniciativa política que representaría, a estas alturas, remudar o liderado partidario.
A segunda fortaleza de Rajoy radica no substrato resistencialista da súa concepción política e que parece tomado directamente do nacionalismo galego. Poucos terían sobrevivido a episodios como os «hilillos de plastilina» do Prestige, á mentira institucionalizada da intervención militar en Iraq ou ao infame teatro do 11-M, á perda do poder en 2004 e á súa segunda derrota electoral ante Zapatero en 2008. As únicas alegrías políticas de Rajoy son o triunfo en Galiza o 1-M e a vitoria nas pasadas eleccións europeas. Ración mínima.
É posíbel que nestes atribulados tempos Rajoy repita como un mantra unha sentenza que lle debe a Fraga Iribarne: «En política todas as vitorias son efémeras, e todas as derrotas provisorias.» Filosofía que explica a lonxevidade política de don Manuel e que nestes días ha de ser un dos poucos consolos espirituais que lle quedan a don Mariano.
Sem comentários:
Enviar um comentário