A liberdade é como os papaventos: só voan cando están atadas. A corda que as retén é a responsabilidade inseparábel da liberdade. [...] Por iso os revolucionarios de 1789 suxeitaron o seu papavento da liberdade con dúas cordas: a igualdade e a fraternidade.Coidar dese papavento e das súas cordas non debera ser oficio para cínicos pero todo indica que o Partido dos Cínicos acabará ocupando todo o espazo político do Partido Popular e aínda moito máis. Non son preocupantes os cínicos clásicos, antisistemas, libertarios e irrespectuosos coas autoridades e os poderosos, senón os cínicos modernos que abrollan, precisamente, á sombra dos grandes poderes e que viven para a defensa dos seus intereses e das súas miserias.
A solemne rolda de prensa de onte podería ter servido para sentar as bases dunha refundación do Partido Popular e anunciar medidas de rexeneración e facer rendición democrática de contas. Derramou a ocasión e o discurso que fixo Rajoy, pola contra, só pode considerarse como o manifesto fundacional do Partido dos Cínicos, pavillón de conveniencia que afilia a todos aqueles que da política fan oficio da desvergoña no mentir ou na defensa e práctica de accións civicamente rexeitábeis.
Deixóunolo claro o outro día Billy Bragg: «O inimigo de todos nós non é o conservadorismo, senón o cinismo, que destrúe a esperanza nun mundo mellor.» Confiemos en poder derrotar o seu discurso cos nosos papaventos de liberdade.
3 comentários:
Que ben, outro post novo! E co mesmo alto grao de interese ca os anteriores. Estes días dá gusto andar de paso!
Moi boa a metáfora de sampedro. É dalgún dos seus libros?
A metáfora de Sampedro tireina dun artigo breve seu titulado «Economía humanista» que publicou en Mercurio. Panorama de libros # 114 que é unha revista da Fundación José Manuel Lara. O artigo semella unha síntese das teses que defende no seu último libro Economía humanista: algo más que cifras, Editorial Debate, 2009. O artigo de Sampedro está na Rede en http://www.revistamercurio.es/index_800.htm no apartado «Ultima edición».
Enviar um comentário