Ao longo da súa historia, a xestión do pluralismo ocupa un lugar central na axenda do galeguismo e do nacionalismo; un trazo característico das súas fómulas organizativas e da súa apelación á sociedade, mais tamén un capítulo de difícil coidado e nada doada práctica á hora de combinar a diversidade de voces e compoñentes ideolóxicos e a necesaria formación dun núcleo común de pensamento e acción política.
O Rexionalismo e a Solidariedad Gallega, nos inicios, e as Irmandades da Fala, despois, foron un agregado de elementos doutrinarios e políticos de procedencias moi diversas. O seu pluralismo respondía á necesidade de sumar unha masa crítica mínima, imprescindíbel para poder presentarse diante da cidadanía como un proxecto críbel, pero tamén obedecía a unha estratexia coa que se quería, en clave interclasista, implicar ao conxunto da cidadanía de Galiza.
Interclasismo, converxencia de organizacións diversas (e dispersas) e pluralidade de posicións políticas e ideas que estarán igualmente presentes na constitución do Partido Galeguista e que son elementos que só verán rebaixada a súa importancia, durante un brevísimo período, tras a creación da UPG e o PSG, dun nacionalismo digamos con «distintivo de clase». No derradeiro franquismo e na transición pactada á democracia, na procura da coordinación de forzas ou no desenvolvemento do frontismo incorporase como sinais distintivas, e tamén como desafío, o goberno da diversidade e o pluralismo político-ideolóxico interno nas organizacións dos nacionalistas galegos.
A Fundación Galiza Sempre vén de editar O nacionalismo galego nos seus programas políticos. O século XX, onde axuntan textos fundacionais e programáticos e estudos para a súa análise politolóxica e histórica. A escolma ábrese co «Manifesto da Asemblea de Lugo» de 1918 e péchase coa «Declaración de Barcelona», marco fundacional de Galeusca en 1998, e reúne documentos fundacionais das Irmandades, do Partido Galeguista, e declaracións de principios da UPG e do PSG, xunto con propostas constituíntes para o autogoberno nacional de Galiza e conformación federal do Estado, como as «Bases Constitucionais» de 1976, ou o redeseño estratéxico e organizativo do BNG plasmado en 1990 en «Posición e proposta do BNG perante a unidade do nacionalismo».
Unha presada de documentos de autoría mancomunada, reflexo das organizacións como intelectual colectivo, que compoñen un suxestivo convite á lectura reflexionada sobre a evolución do nacionalismo galego no século pasado. As análises de Xusto Beramendi, X.R. Quintana Garrido, M.A. Fernández Vaz, Noa Ríos Bergantiños, Uxío-Breogán Diéguez e P. Viveiro Mogo ofrecen ricaces interpretacións do tempo histórico, dos avatares organizativos e das posicións políticas nas que se enmarcaron os textos seleccionados.
Mais a compilación de Galiza Sempre vale tamén para reflexionar sobre como se constrúe a memoria. O libro ten valor e solidez sobrada como para non crebar por algúns reparos críticos que se lle pode facer desde a perspectiva da recuperación e estima dunha memoria plural.
O nacionalismo galego é algo máis que o BNG na actualidade ou que o BNPG até o comezo dos anos oitenta, e tamén máis, aínda que en moita menor medida, que o Partido Galeguista ou as Irmandades da Fala no primeiro terzo do século XX. Hai algunhas tradicións esgazadas, ou non, da corrente maioritaria, moi singularmente as referidas ao arredismo nas primeiras décadas do pasado século, ou do independentismo a partir dos anos setenta que, malia a súa maior ou menor relevancia en termos sociais, organizativos, político ou institucionais, tiveron e teñen unha influencia certa no debate de ideas ao redor de Galiza como nación e a procura da súa soberanía política.
A edición da Fundación Galiza Sempre é unha útil recuperación da memoria do nacionalismo mais é tamén a expresión dunha memoria parcial, incompleta, e o criterio da escolla dos textos oficializa unha sorte de xenealoxía ideolóxica do BNG actual que non incorpora formacións e tradicións de pensamento que mesmo confluíron organicamente no seu seo. A liña xenealóxica vencella Irmandades da Fala-Partido Galeguista-UPG-PSG e o propio BNG. Unha composición feita, en gran medida, desde a primacía dos socios fundadores do BNG na Asemblea de Riazor e daquelas formacións das que se sentían herdeiros; opción non explícita que conduce ao esquecemento do PNG-PG e de toda a tradición que desde o POG vai á segunda Unidade Galega pasando por Esquerda Galega e PSG-EG. Invisibilízanse e enxordécense dúas correntes do nacionalismo contemporáneo incorporadas ao proxecto común, mesmo unha delas disolta organicamente no BNG, caso inédito na intrahistoria da fronte.
Hai un criterio de tratamento singular co PSG; como anota Comba Campoy, coordinadora da publicación, «facendo xustiza a unha fonda evolución ideolóxica, que levou ao PSG a emanciparse do fin para o que tiña sido programado, optamos por incluír un texto de 1974, máis dunha década posterior a súa fundación, onde é explícita a adscrición ao nacionalismo». Alén deste hai outros casos, o de Inzar no espazo organizado do BNG, ao que lle acaería un tratamento semellante e que valería para ilustrar convenientemente a incorporación ao nacionalismo de partidos que orixinariamente non se definiron ideoloxicamente como tales.
Se o que organiza a escolla da Fundación Galiza Sempre é, como se di na presentación, «agrupar os documentos que dan testemuño da traxectoria ideolóxica e programática das organizacións inequivocamente partidarias dos dereitos nacionais do pobo galego», hai sobrados argumentos de xustiza para preparar, cando menos, un outro volume que dea cabida a novos estudos e documentos. Entre os asinantes da primeira entrega hai autores, por citar algúns: Beramendi, Quintana Garrido ou Fernández Váz, que son excelentes coñecedores dalgunhas das tradicións agora non valoradas e outros, como Núñez Seixas, que poderían sumarse para completar o cadro de voces que historicamente protagonizaron o nacionalismo galego.
Coidar do pluralismo do nacionalismo, ou se se quere, do pluralismo do BNG, pide coidar tamén da pluralidade da memoria, é cousa sabida que unha memoria fanada non é a mellor axuda para definir o núcleo común de ningunha forza política ou social nin para a establecer condicións de igualdade entre todos os que comparten un mesmo proxecto de acción. Negándonos retallos da memoria, negámonos posibilidades de futuro.
21/10/2009
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
3 comentários:
Faltan, igualmente, as esgazaduras pola esquerda, da UPG-LP e PGP ao PCLN (logo núcleo da FPG) ou Primeira Linha. Coido que, malia a súa pequena dimensión cuantitativa, si produciron textos e manifestos de valor para dexergar a traxectoria do nacionalismo en plural.
Que vou dicir que non se saiba. Pero o conto da ocultación (perdoade á miña intelixencia por non querer escribir esquecemento) vén de vello e remóntase ás primeiras publicacións da FGS. Neses documentiños de papel nunca, e repito, nunca, se recoñeceu esa pluralidade, cando menos a do último cuarto de século, e se pretendeu claramente construír unha interpretación histórica nesgada do que é o nacionalismo. Fundamentalismo ao fin e ao cabo.
Anónimo, estou totalmente de acordo por iso fixen está referencia: Hai algunhas tradicións esgazadas, ou non, da corrente maioritaria, moi singularmente as referidas ao arredismo nas primeiras décadas do pasado século, ou do independentismo a partir dos anos setenta que, malia a súa maior ou menor relevancia en termos sociais, organizativos, político ou institucionais, tiveron e teñen unha influencia certa no debate de ideas ao redor de Galiza como nación e a procura da súa soberanía política.
Enviar um comentário