04/11/2009

A cadeira baleira

Cando Pasqual Maragall gañou as eleccións catalás en 2003, preguntáronlle a Lluís Llach cal ía ser, na súa idea, o principal problema do novo President; o cantautor tíñao claro: o problema maior sería o PSOE. Non errou. Tras o outubro negro, preguntarse cales son os problemas máis agudos de Rajoy é unha cuestión ociosa; son dous: o Partido Popular e el mesmo, sumatorio da súa indecisión e da falta dun proxecto de goberno para o Estado e para o seu propio partido.

O presidente do PP é ridiculamente vulnerábel porque a lealdade popular cotiza á baixa e, por moi orteguiano que se poña Gallardón, o camiño máis curto entre o corazón dalgúns baróns e o de Rajoy mídese con magnitudes galácticas. É grotesco porque non ten un programa convincente para enfrontar a crise que non pase polos caprichos da CEOE; e é unha alternativa fraudulenta porque carece de vontade e de ideas para acometer a necesaria limpeza do seu partido como garantía dun goberno honesto.


A avantaxe relativa de Rajoy é que o PSOE é igualmente incapaz de achegar alternativas solventes en ambos os dous capítulos críticos: o devalo económico e a corrupción. O desnorte do executivo de Rodríguez Zapatero é o que máis axuda a disimular as carencias de Mariano Rajoy como opositor con aspiracións a gobernante.


A cousa leva camiño de empeorar porque algún sisudo estratego da Moncloa ou Ferraz convenceu ao presidente para que se concentre na política exterior e non comprometa máis a súa imaxe atendendo problemas domésticos de difícil resolución. Zapatero pode estar certo de que cando remate a súa presidencia na Unión Europea os problemas socioeconómicos estarán agardando por el e terán bastante peor cara.


Rajoy está noqueado pero non será o PSOE quen o deite na lona, serán os disparates propios e os despropósitos da súa tropa. Por iso agardábase con expectación morbosa o discurso de Rajoy ante os sátrapas territoriais para saber se (aínda) era posíbel o retorno á cordura.


Obsequiounos cun peza mediocre que pivotou basicamente en tres argumentos: o imperio da lei do silencio para evitar o deterioro da imaxe do partido; o aval dos resultados políticos en Galiza e Euscadi e nas eleccións europeas; e as excelentes perspectivas que sinalan as sondaxes de intención de voto. Sobre estas bases Rajoy quere (re)edificar o seu liderado e reflotar o Partido Popular como «unha forza nacional, unida e limpa».

Na véspera do Supermartes, os ilusionistas comezaron xa a falar da resurrección de Mariano Rajoy e, cos entusiasmos revolucionados, entregáronse ao seu labor evanxelizador para convencernos de que o presidente do Partido Popular ía saír moi reforzado da crise de autoridade que o abaneou de xeito inmisericorde na última quincena de outubro.


A idea do guión marianista achegouna Saint Exupéry: «o fracaso fortifica aos fortes». Superados algúns reveses parciais, Rajoy pon orde e revalida o seu poder. O Consello Executivo do 3-N convocouse así para escenificar a recuperación vigorosa do seu liderado e sinalar un punto e final co anuncio de que «non haberá próxima vez» para discutir a súa autoridade.


Unha pretensiosa posta en escena. Cando Rajoy deixou de falar a cadeira baleira de Esperanza Aguirre anunciaba silandeira que haberá outras moitas veces e que non han de tardar.

3 comentários:

xOsse dorrío disse...

Vaiche voa si a única alternativa posible é elexir entre un desnortado ou un desnortado.

Sería digno de estudo o proceso que leva aos actuais líderes ao cumido dos partidos.

Mais, a min o que me trai a mosca detrás da orella é ese 'non haberá outra vez'. Será unha mensaxe para Feijóo, para que se axeonlle e acepte unha fusión con Caja Madrid, con Rato presidente, por suposto. Menos mal que Mariano está feble!

Xosé Manuel Carreira disse...

Non sei se nos interesa como galegos un Rajoy demasiado débil. As consecuencias poden ser unha futura candidata á presidencia do Estado como Aguirre -aínda máis xacobina e na liña do extinto aznarato- e un Zapatero presidencialista con ministros de perfil quer intelectual quer de xestión baixo ou mesmo baixísimo.

r.r. disse...

Moi interesante o texto, si si si.
Señor Dorrío: iso explícase por aquela Lei que di que "o ser humano tende a ascender ata o seu maior grao de incompetencia". ;-)