19/11/2009

Ciberactivismo (e 2)

A Paul Ríos tocoulle pechar, case sen tempo, o seminario sobre o activismo na rede, mágoa non poder afondar máis con el no debate sobre a política 2.0. Na súa idea, dentro e fóra da rede, hai que encanar a política cos cidadáns e para iso hai que achegar unha resposta positiva a unha pregunta capital:
O obxectivo é que a clase política escoite á cidadanía ou ofrecer espazos onde a propia sociedade teña a capacidade de deliberar, cooperar e decidir sobre as cuestións que lle interesan? Dito doutro xeito, é suficiente acurtar a distancia entre política e cidadanía ou hai que dar un paso máis para que se garanta de maneira efectiva que a opinión social sexa determinante na xestión dos asuntos públicos?
Aquí hai un debate político en sentido forte: basta cunha clase gobernante atenta ao ditado da vontade popular ou cómpre ademais unha cidadanía activa, participante e comprometida cunha democracia esixente. Que a pregunta se formule ademais nunha sala do Parlamento Europeo faina aínda máis pertinente xa que a Unión Europea, cada vez máis, se formatea (lamentabelmente) como un kratos sen demos; un goberno sen (a penas) pobo. O obxectivo da política 2.0 non é outro que facer posíbel unha democracia esixente.

Existe a política (galega) 2.0?


Todo indica que Galiza, de momento e neste momento, non é país para a política 2.0. Hai razóns tecnolóxicas, sociais e políticas que limitan o seu desenvolvemento; entre as primeiras: o despregue insuficiente da banda ancha, nas segundas: a desigual alfabetización dixital, e por conxunto a fenda e as dificultades de acceso á sociedade da información malia todos os avances acadados nos últimos anos. Hai, obviamente, que sumarlle poderosas razóns políticas.


En Galiza a política 2.0 é fraca aínda que de vagar se vaian impoñendo as campañas electorais 2.0 coa intensificación da comunicación vía web e o uso temporeiro das redes sociais e outros tarecos tics. A día de hoxe, a Rede aínda é cousa máis propia da sociedade civil (interesada pola política, a comunicación e a cultura galega) que da sociedade política (das institucións e os partidos).


Aínda que está un chisco gastada, é útil a metáfora da Rede como uns novos óculos que nos permiten ver estruturas e procesos que antes nos eran invisíbeis. As reticencias de gobernos e partidos diante da política na rede tradúcese na desconsideración ou ignorancia das novas demandas de participación e decisión que se apoian nas tic e que se valen de internet como un soporte de exercicio e expresión de renovados dereitos cidadáns.


No noso caso hai que sumar, tras a derrota do 1-M, o retorno da man do Partido Popular á política ceropuntocero, o ecosistema ideal da novísima dereita. A política 0.0 é pobre en liberdades, ferozmente anti-igualitaria, insiste na expropiación difusa dos dereitos de cidadanía, santifica un mercado sen goberno, afirma a utilidade marxinal do noso autogoberno fronte aos centros de decisión foráneos (no Estado español ou na Unión Europea), predica á suxeición aos intereses lobbistas, excita o darwinismo social e, atacando á cerna política e cultural da nación, aspira a deconstruír toda forma de identidade nacional en Galiza.

A
política 0.0 avoga estratexicamente por despluralizar a sociedade galega, aposta por un bipartidismo desganado no que a forza ultradominante teña un mol complemento na súa oposición, cun partido retrucante desfiuzado electoralmente e ao que, agás en caso de catástrofe, nunca lle chegará a vez de ser auténtico goberno. Na procura da simplificación, a política 0.0 é asistida con entusiasmo por un sistema de comunicación social que liofiliza os programas alternativos e simplifica as mensaxes críticas, unha democracia mediática epidérmica e insubstancial fronte á que a fraxilidade das canles de información crítica ou alternativa pouco, ou case nada, poden.

A Rede, reserva de cidadanía

Non é logo de estrañar que viremos os ollos cara á Rede como principal reserva da cidadanía e como ecosistema fundamental das nosas liberdades e identidades. Máis alá da estratexia do ourizo –resistir e empinar as pugas cada vez que produce unha ameaza–, están as posibilidades (subvertedoras, emancipadoras... defínanse como queiran) que acubilla a política 2.0. Tras a participación no Seminario sobre activismo político na Rede afírmanse algúns convencementos.
  1. Necesitamos unha estratexia amplamente colaborativa para coidar a pluralidade da esquerda progresista e nacionalistas no noso país, para poder minguar as súas retesías e posibilitar a converxencia de políticas coas que enfrontar a hexemonía conservadora que, ameazadoramente, vai camiño de consolidarse.
  2. É preciso investir na creación clúster para converter ideas en propostas coas que transformar positiva do noso autogoberno e novas políticas económicas e sociais.
  3. É un suicidio abandonar a conversa coas outras expresións da esquerda porque non son a nosa. O que nos convoca non é o que somos senón o que nos propoñemos mancomunadamente conseguir.
  4. Hai que apostar pola transversalidade e, alén das marcas partidarias, animar a formación na rede de «comunidades de propósito», tensionadas pola procura de obxectivos compartidos, que actúen como catalizadoras de novas propostas e protestas.
  5. Hai que explotar as capacidades da rede como espazo de construción de información e comunicación alternativa, nutrente dun outro discurso que convoque aos disconformes, aos resistentes, aos críticos e aos disidentes, pero tamén, e decisivamente, aos cidadáns que atenden á orde normalizada dunha democracia de baixa intensidade. A Rede é un espazo para a sedución e non só para a resistencia.
  6. (Como apuntou no seminario María Yáñez) é urxente mellorar as nosas habilidades para contar historias porque precisamos de novas narracións para recuperar as ilusións, derrotar o escepticismo e imaxinar novos horizontes de cambio no país de Nunca Máis.
Para poder desafiar con éxito á política 0.0, que tanto lle reina á novísima dereita, a Rede ten que ser moito máis que un refuxio de identidades e liberdades ameazadas, non lle queda outra que ser un espazo para empoderarse e un instrumento para a acción política. Aquí, antes de rematar, hai que deterse na definición e razón que, en Traballar co corazón, nós dá Michel Rocard:
Acción. É unha necesidade e unha esperanza. Unha necesidade, porque o drama das persoas está feito das ocasións perdidas, porque se sente rabia ao ver inexplotadas as oportunidades de emprender e de aliviar un pouco a miseria humana. Unha esperanza, porque ninguén de nós quere quedarse á marxe, porque cada quen ten sede dunha acción que poida ser útil e porque a vida non é vida cando non é máis que pasividade.
Na Rede, e fóra dela, é tempo de pasar a páxina da derrota e pasar á acción coa esperanza entre os dentes.

Sem comentários: