28/11/2009
Obituario
Entregouse ao silencio, di que de vez, lonxe da galheira. Era un dos grandes desde que se roturou a primeira blogleira. Comecei a lelo nos tempos bravos nos que don Xesús Alonso Montero non sabía quen era María Yáñez. Sumando retallos de vida entre as súas letras souben da identidade carnal de Cesare para logo telo como compañeiro en impensábeis labores, como amigo dos que cómpre non perder e, agora tamén, como tío agarimoso de meu fillo Henok que agarda polo seu regreso para que lle aprenda inglés. Non vou dar tecleado todo o que lle debe o dono deste curruncho de paso. Con tristura mansa teño que aceptar esa súa decisión de suicidar posibelmente as mellores balas literarias da imposíbel blogoesfera galega, quizais Cesare non necesitase delas pero moitos de nós aínda si. Mais seguirá facéndonos felices coas peciñas que talla coa súa navalla, coas ocorrencias do amigo Moore, con algunhas traducións impensábeis, con ensaios provocadores, coas súas literaturas inconvenientes e cos seus fugaces trilos. A perda d'As túas balas é tristeiramente tolerábel, o insoportábel sería a desaparición de Cesare.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
5 comentários:
Non sabía nada. Unha aperta, amigo.
Uf, espero ter lido mal.
Si, creo que entendín mal. Non?
Si, é tan só un falecemento literario.
A determinadas horas da noite a miña capacidade de discernimento anúlase. Pásame como ao célebre Dinio.
Enviar um comentário