17/11/2009

Ciberactivismo (1)

Convidado por Ana Miranda e Oriol Junqueras formei parte da delegación galega que participou no seminario sobre ciberactivismo político que organizou a ALE-Os Verdes o pasado 12 de novembro. A maiores de recomendar a lectura doutras proveitosas e ilustrativas crónicas e achegas do evento, deito aquí un breve catálogo daquilo que nos falta e que nos sería proveitoso ter.

A inexistencia no curruncho galego da Rede dun seguimento informativo, crítico e alternativo, do proceso de construción e das políticas da Unión Europea. Por máis que se comparta que moitas das directivas europeas acoutan as políticas que lle quedan por facer ás nosas institucións de autogoberno, a presenza da axenda europea nos medios dixitais galegos (e non non dixitais tamén) é soberanamente pobre. Neste sentido sería de moito agradecer poder contar cunha «axenda de previsión» dos debates comunitarios para saber con antelación, informar criticamente e xerar alternativas respecto das decisións estratéxicas a UE que máis comprometen a Galiza. A presidencia española da Unión no primeiro semestre de 2010 achega unha excelente ocasións para comezar a dar unha resposta desde o blogomillo e algúns medios dixitais, como vieiros.com ou altermundo.org, á cuestión europea.


As organizacións das nacións sen Estado a penas son audíbeis e visíbeis na babel burocrática da Unión Europea. Consolidar un nó e un espazo de relación na Rede ao redor das súas políticas que serva para a transferencia de experiencias e partillar as súas elaboracións programáticas apúntase como unha necesidade estratéxica decisiva para non ficar sepultados pola podente comunicación dos grandes grupos parlamentarios que xestionan o «bipartidismo europeo».

É sentida a necesidade dun espazo de coordinación e dunha plataforma de transferencia de políticas e experiencia das organizacións nacionalistas abeiradas na ALE, hai sobrados ámbitos nos que trenzar estratexias compartidas, sen ir máis lonxe Escocia, Gales, Galiza, Bretaña procuran hoxe un dominio lingüístico e/ou cultural propio na arañeira, logro xa acadado por Cataluña co .cat ou hai en marcha procesos de ampliación soberana do autogoberno como o de Escocia dos que nos cómpre saber moito máis.

Tamén hai que repensar en clave colaborativa a blogleira galega e a súa coordinación cos medios dixitais de información. Hai moito e moi ben feito pero tamén hai eivas que enfrontar se se quere contar cun solvente soporte de comunicación, infraestrutura dun contradiscurso que sexa quen de discutir e retrucar o Discurso Interpretativo Dominante que enchoupa o actual sistema galego de medios.

Luis Ángel Fernández Hermana escribiu en «Los monasterios del siglo XXI» que «Internet devolveu a voz a millóns de seres que até agora só tiñan ollos.» Niso estamos pero aínda falta moito para crebar de vez as tendencias censatarias que limitan o acceso e participación á sociedade da información e a comunicación, engrosando a fenda dixital e reproducindo na rede desigualdades non menores que as que presiden as canles tradicionais da chamada democracia mediática. A promesa emancipadora que abeira a sociedade do coñecemento aínda ten que vencer poderosos atrancos, a batalla pola igualdade, polas liberdades e os dereitos de cuarta xeración seguramente moi probabelmente se decidirá na rede.

As forzas políticas comprometidas cunha auténtica participación cidadá han ser necesariamente catalizadores do ciberactivismo político se queren vencer a hexemonía que as oligarquías tentan ampliar tamén no mundo dixital. No arrinque do século XX, un entusiasta Lenin proclamou que o socialismo era soviets máis electrificación, no XXI quizais o máis parecido lle sexa democracia solidaria máis internet.
Soñar na rede é (case) de balde...

Sem comentários: