21/11/2009

Mestre Sciascia

De non ser por Juan Cruz o cabodano pasaría desapercibido: hai vinte anos morría en Palermo Leonardo Sciascia. Para epitafio elixiu unha frase de Villiers de l'Isle-Adam: «Lembrarémonos deste planeta.» En O mestre de Regalpetra, a súa biografía de Sciascia, Matteo Collura di que lle sería acaido un parrafeo de Antonio Borgese: «Para cando estea morto, aspiro a unha loanza: que ningunha das miñas páxinas fai propaganda dun sentimento vil ou malvado.»

Merecíao con toda xustiza. Todas as súas páxinas son un monumento á dignidade, un exercicio de radical liberdade. Hoxe poden lerse tamén como un rexistro de intelixencia esperanzada. Cando a morte lle descontaba horas, nunha conversa con Domenico Porcio, Sciascia afirmáballe rotundo:
Porque non hai pesimismo que sexa definitivo cando se escribe. Escribir é sempre un acto de esperanza. No máis fondo hai sempre esperanza.
Algunhas das lacónicas respostas que lle entrega a Porcio, compiladas en Lume na alma, teñen unha actualidade devecida:
—Un cretino é un cretino, dous cretinos son dous cretinos, dez mil cretinos son unha forza histórica.
—Segundo ti, cretino e estúpido son o mesmo?
—Cretino supón unha integridade, é máis forte; é a estupidez de vintecatro quilates. O estúpido é de dezaoito.
—No seu ensaio sobre a estupidez, incluído en Allegro ma non troppo, Carlo Cipolla, ocúpase entre outras cousas da relación entre estupidez e poder.
—Ah, certamente! O poder apóiase moito na estupidez. Cando non está xestionado directamente polos estúpidos.
—Que exemplo lle veñen á cabeza, entre os máis próximos?
—Os gobernos italianos, desde Gasperi en adiante, foron gobernos estúpidos.
—Incapaces de gobernar a cousa pública?

—Estúpidos en canto eran carentes da capacidade de simplificar os problemas e en consecuencia de afrontalos polo lado xusto. Porque o estúpido é complicado, é máis complicado que o intelixente [...] A estupidez é complicada. A conclusión terríbel é que estamos máis en mans dos estúpidos que dos intelixentes.
En Italia hai vinte anos, na Galiza de hoxe tamén, desgraciadamente.

Non podemos esquecer ao mestre Sciascia, os seus libros, o seu exemplo de radical dignidade.

2 comentários:

Nicolás disse...

Dignidade e intelixencia, dúas carecterísticas que que van unidas cando un pensa en Sciascia (pronúnciese Xaxa). Grazas polo post, vinte anos xa!

duar disse...

Xaxa, na Galiza actual tería un blogue chamado dpaso.Somos lideres mundiais e cretinaxe.sen dúvida hoxe en dia os estupidos teñen acadado con toda xustiça o seu merecido acceso ao poder .parabéns para iles, saudos